Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A compra compulsiva, que consiste no afán desmedido, incontrolado e recorrente por adquirir cousas, non é un fenómeno exclusivo de datas coma o Nadal, nas que a insistencia da publicidade comercial e a tradición consumista poderían explicar un certo aumento dos gastos.
É unha adicción en toda regra que, se ben na súa máxima expresión afecta a pouca xente, é máis común do que se podería pensar. É a consecuencia dun impulso irreprimible, un acto pouco consciente do que despois nos arrepentimos, xa que mercamos cousas pouco útiles ou gastamos máis do que podemos.
"Síntome deprimida", "estou angustiado", "fáltame o aire, teño que saír": logo destas e outras sentencias semellantes saímos de compras, coa convicción de que gastar aliviará a nosa ansiedade ou desgusto. Sentimentos de tristura, rabia, incomprensión, desatención e soidade, atopan a súa vía de escape na compra de artigos moitas veces non necesarios que nos achegan satisfacción no momento da súa adquisición. Se cadra procuramos que alguén nos faga caso e sentir que "somos alguén". Mercando sentímonos vivos, en certo maneira importantes, e enchémo-lo baleiro que causan a soidade, o tedio, as tensións e problemas, os desgustos ou a incomprensión. Intentando mitiga-la dor, canalizámo-lo noso anoxo cara á compra e posesión do obxecto. A falta de sentido da nosa vida, carecer dun horizonte cara a onde dirixila, o feito de percibirnos inútiles ou innecesarios, a tristeza, a apatía, o aburrimento, unha frustración ou desengano, activan nalgunhas persoas o desexo de mercar obxectos, dos que nos parece que a súa adquisición non é totalmente xustificable. Cando este banal propósito se converte en costume, en necesidade irreprimible, xorde o problema.
A impulsividade e a ansiedade caracterizan a compulsión, que responde a unha insatisfacción vital intensa, á carencia de alicientes ou estímulos na nosa rutina cotiá, á ausencia de actitude crítica e a un alto grao de credulidade e vulnerabilidade ante unha publicidade comercial que identifica felicidade, seguridade nun mesmo e benestar emocional con consumo. Interveñen tamén outros factores, como o desexo de estimulación social ou interese polos lugares onde se congregan moitas persoas (o centro comercial ou as tendas), e a inseguridade tocante ó propio atractivo físico. A desvalorización e déficit da autoestima tamén poden estar detrás deste consumo irracional.
Aínda que as primeiras manifestacións do consumo compulsivo comezan a se rexistrar nos anos vinte, non será ata os oitenta cando se converte en pouco menos ca unha enfermidade social, que alcanza a todo tipo de persoas. A maior vulnerabilidade dos mozos poderíase deber a que na adolescencia resulta máis difícil controla-los impulsos. Á xente nova que é consumista gústalle frecuenta-los centros comerciais e sente o desexo permanente de ir de compras e de adquirir cousas novas. En realidade, este comportamento é o resultado da insatisfacción persoal, da sensación de tedio e da falta de autocontrol así como da ausencia de alicientes, de estratexias de xestión do tempo libre e da escasa responsabilidade no ámbito económico. Ademais, na xente nova engádese a súa maior vulnerabilidade ante as mensaxes publicitarias, nunha etapa vital moi cambiante e marcada pola inestabilidade persoal.
Os adictos á compra compulsiva recoñecen ver televisión nunha proporción que duplica a da poboación non afectada pola compra compulsiva.
Unha conducta só se considera adicción cando o individuo presenta estes tres trazos: tolerancia (necesidade de consumir cada vez máis para logra-la mesma emoción), síndrome de abstinencia (cando non se pode satisface-la adicción) e perda do control (incapacidade de frear no consumo). A compra compulsiva -cando menos, nas súas manifestacións máis estremas- reúne todas estas características: a vontade do afectado é case nula, a satisfacción pola compra realizada tórnase efémera e éntrase nunha espiral da que dificilmente se pode saír sen a axuda dun especialista.
De tódolos xeitos, maticemos: non é conveniente resolver situacións de ansiedade mercando cousas pouco necesarias ou que desequilibran o noso orzamento, pero non hai por qué renunciar a merca-lo que nos depara satisfacción se mantémo-lo control sobre esta actividade e as súas consecuencias.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI