Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Adela Cortina, experta en Ética: "O consumidor, coa súa forza, pode mellora-lo mundo no que vive"

 Catedrática de Ética e Filosofía Política na Universidade de Valencia, invitada como profesora en diferentes universidades de Alemaña e dos Estados Unidos, Adela Cortina publicou, entre outros traballos Razón comunicativa e responsabilidade solidaria, Crítica e utopía, A escola de Frankfurt, e A ética da sociedade civil, aínda que ela prefire destacar Ética Mínima e a súa obra máis recente, Ética de Consumo. Conversamos coa autora pouco despois de que presentase o seu último libro en Valencia, a súa cidade natal e á que se sente moi vencellada. Amósase satisfeita deste encontro promocional ó velo convertido nun foro de debate, "onde puidemos discutir sobre as nosas conciencias e achega-la nosa ética para mellora-las cousas". Aínda que cuestiona a sociedade de consumo na que vivimos, a súa conversa transmite optimismo. Membro da Comisión Nacional da Reproducción Humana, non se opón ó desenvolvemento da ciencia pero advirte da necesidade de ordenalo con criterios de rectitude e compromiso. Amosa un grande interese polo ser humano e por todo o que o arrodea, e deposita nel a súa esperanza. Defínenos, a todos, como consumidores, porque "vivimos, sen dúbida, nunha sociedade de consumo", e gustaríalle convencernos de que o consumidor ten "o poder suficiente para cambia-lo mundo".

Ética e sociedade de consumo parecen termos moi distantes, pero nas súas teorías vémolos unidos e mesmo reconciliados.

En calquera sociedade ten que estar presente a ética. Os seres humanos, como dicía o profesor Aranguren, non poden vivir máis alá do ben e do mal, e deles deriva o grao de moralidade que rexe nunha sociedade nunha etapa determinada. Nestes momentos, a nosa é unha sociedade de consumo, e na raíz dese consumo reflíctense as motivacións máis ou menos morais, o que indubidablemente nos converte en seres máis ou menos libres. Se as persoas consumimos dun xeito moderado, sensato e xusto, a sociedade funcionará nesa mesma dirección.

A actuación das asociacións de consumidores, as institucións públicas e outras organizacións sociais inflúen no xeito en que todos levamos a cabo o consumo, pero a facultade última é do propio consumidor porque nas súas mans está marca-lo ritmo e as leis do mercado. O seu poder é tan grande que lle permite, en certa maneira, cambia-lo mundo. E ten que ser consciente dese papel activo, asumíndoo e exercitándoo na súa vida cotiá.

Está vostede vinculada á ciencia en calidade de membro da Comisión Nacional de Reproducción Asistida. ¿Ata que punto a ética debe condiciona-las investigacións científicas?

A ciencia, como calquera actividade humana, pode ser máis ou menos moral. A biotecnoloxía, neste momento, ten a capacidade de altera-la xenética das persoas, e isto obriga a que os científicos asuman un alto grao de responsabilidade. As investigacións camiñan cara á consecución de melloras nas características físicas e na capacidade intelectual do ser humano e isto pode significar que sexan en exclusiva os ricos ou poderosos os que se beneficien deses avances científicos. Isto suscita problemas de inxustiza, de aí que a ética deba estar presente en todo o proceso do desenvolvemento científico, e non só no resultado final.

¿É preciso que os axentes sociais velen polo cumprimento dunhas certas normas éticas?

A sociedade faino soa, é consciente de que a realidade debería ser doutro xeito. De feito, a moral contemporánea é moi esixente. A partir da Declaración dos Dereitos Humanos poderiamos ramifica-los principios básicos en dúas vertentes: os que se refiren ás facultades civís e políticas dos pobos e dos seus individuos, e os que nos confiren uns dereitos civís, sociais e culturais. Estes últimos están universalizados: todo o mundo quere alcanzar un certo nivel de consumo, conseguir unha vivenda digna, ter acceso á educación e contar con asistencia sanitaria. Non se cuestiona esta demanda. Na outra vertente, a política, non hai dúbida de que a China e o mundo islámico, por exemplo, non gozan da democracia, pero responden a un ordenamento político que ordena unhas facultades cívicas, diferentes ás das democracias liberais, nas que sen embargo subxace dalgunha maneira un acordo en que son os homes e as mulleres os titulares dos dereitos.

Ignacio Ramonet afirmaba hai uns meses nestas páxinas que a globalización acabou separando o mundo en dous bloques, os que teñen e os que non teñen. ¿É a globalización un fenómeno eticamente reprochable?

De calquera xeito, a globalización é algo irreversible. As novas tecnoloxías romperon fronteiras que antes parecían insalvables na economía, as finanzas e a comunicación. O mundo está conectado, globalizado. Máis ca nunca, as decisións adoptadas a milleiros de quilómetros de distancia execútanse nun intre e esta acción repercute á súa vez a milleiros de quilómetros de distancia. A globalización, coma calquera outro fenómeno humano, pode aproveitarse para o ben ou para o mal. Agora comprobamos que se están ampliando as diferencias entre ricos e pobres, entre países ou mesmo dentro deles, pero esta situación bríndanos unha grande ocasión: globaliza-lo bo. Por primeira vez danse as condicións para que se cumpra o soño de Cicerón: crear un mundo de cidadáns cosmopolitas que conviven coas maiores posibilidades de liberdade, e que se guían por unhas normas éticas que aspiran á xustiza. Pode parecer unha utopía, pero hai pouco máis dun século, a abolición da escravitude non era unha premisa ética incuestionable, e cando hoxe se practica prodúcenos horror.

Como viaxeira habitual a Hispanoamérica, ¿que cre que pasou en Arxentina para que un país tan rico e culto se vexa somerxido nesta crise tan grave?

A responsabilidade non é do cidadán e se a ten é nun grao menor. Non tivo fortuna cos poderes políticos nin cos empresariais. A corrupción económica de Arxentina tamén tivo a súa plasmación nos Estados Unidos, pero este é un país máis forte e as súas reservas e salvagardas impiden que a súa economía se afunda. Non sería xusto reprocharlle á sociedade arxentina un baixo grao de ética pola incorrecta actuación de quen xestionaba os recursos. A corrupción e o engano son a consecuencia dunha ética negativa, que contaxia a moral, rompe perspectiva e rouba a liberdade. Ademais, acaban coa xustiza e provocan o contrario ca unha ética xusta. Escurece de tal maneira a sociedade que acaba aceptando a corrupción como norma, cando debería cuestionala, e por outra banda, contar con medios para extinguila.

Pero os medios para combate-la corrupción cédellelos ós políticos, que sempre recorren a argumentos éticos para xustifica-las súas decisións.

A ética vende, por iso está tan presente na linguaxe política. Estamos afeitos a que a usen como aval das súas promesas e como garantía das súas actuacións, e iso porque a ética é unha ferramenta de convicción moi poderosa. Falar de principios, comportamentos e resultados éticos confírelle un status máis elevado e convincente ó que se di e a quen o di. Pero hai un cacho entre o que se di e o que se fai, e a ética implica o cumprimento dos pensamentos e crenzas, porque traduce en feitos o que se pensa ou defende. De aí o gran creto que ten a ética.

Hai uns anos, CONSUMER preguntoulles ós cidadáns qué lles pedían ás empresas e comprobou que as máis comprometidas socialmente, as que lle devolvían á sociedade unha maior parte dos seus beneficios, tiñan mellor imaxe ante os cidadáns e suscitaban maior confianza.

A responsabilidade social está de moda, e é ético que as empresas lle devolvan parte dos seus beneficios á sociedade e se comprometan coas súas necesidades. Pero é tamén admisible que publiciten estas medidas para que o consumidor as coñeza, porque queren dicirlle que están obedecendo o seu mandato. É un reflexo do poder do consumidor, do que moitas veces nin el mesmo é consciente. Debería saber que é el quen orienta a producción, e asumir que se practica un consumo xusto e esixente, actúa como axente activo e decisivo que é dentro da cadea de producción.

Estamos nas vésperas do Nadal, a época consumista por excelencia. Regalos, compras para as celebracións, a paga extra para afronta-los gastos... É difícil un consumo responsable.

A clave está en consumir de maneira consciente e reflexionada, co propósito de ser feliz e de que o que se merque nos reporte verdadeiramente felicidade. Moitas veces adquirimos obxectos que, no canto de nos produciren satisfacción, nos trasladan a un estado de preocupación e ansiedade. E o consumo debería xerar todo o contrario e converterse nunha acción gratificante. Pero, ¿que acontece? Que pensamos que adquirir cousas é un xeito de autoafirmarnos, e se o seu prezo é alto e podemos mercalas, mellor aínda. O problema é que quen se reafirma dese xeito e cre que o éxito non debe ser ante un mesmo senón ante os demais, deixa o eu polo camiño, mercando cousas unha trala outra. O consumidor debe ser consciente de que é libre e solidario, de que a súa posibilidade de liberdade é enorme, e de que exercela responsablemente produce moito gozo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto