Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Investir en renda fixa: Ganancias máis seguras, pero a longo prazo

Investir en renda fixa aseméllase a unha carreira de fondo: destínase capital co que se queren lograr, sen présas, beneficios seguros a longo prazo

Letras, billetes de empréstito de empresa, bonos do Estado, cupóns, cualificación AAA... ¿Que significan estes termos? Todos están relacionados coa renda fixa. En tempos en que a cotización da Bolsa non para de descender e os títulos que nela cotizan ofrecen resultados negativos, os inversores buscan oportunidades de negocio máis seguras. É entón cando entra en xogo a renda fixa que, fronte á variable, resulta máis atractiva porque é menos arriscado gañar cartos, aínda que a rendibilidade esperada é menor e dificilmente supera o 5% anual. Investir en renda fixa aseméllase máis a unha carreira de fondo na que lograr ganancias inmediatas pasa a un segundo plano: habitualmente destínase a estes efectos capital aforrado do que se pode prescindir e co que se queren conseguir, sen preocupacións, beneficios seguros a longo prazo.

¿Que é a renda fixa?

Trátase de valores que emiten empresas e organismos públicos para captar financiamento externo. Representan préstamos que os inversores lles ofrecen ás entidades emisoras a cambio do pagamento duns intereses e a devolución do capital investido nun prazo fixado previamente. Un inversor en renda fixa non é un accionista, xa que este é propietario dunha parte do capital social da compañía e aquel unicamente é acredor da sociedade emisora. Esta cuestión cobra importancia no caso de liquidación da sociedade, en tanto que o acredor ten prioridade de cobro fronte ós socios. A renda fixa recibe esta denominación polo feito de que a maioría dos productos deste tipo que existen no mercado (chamados bonos) pagan un xuro (cupón) fixo que se coñece no momento da compra. A outra gran diferencia entre os bonos e os productos de renda variable (accións) é que a renda fixa non concede dereitos políticos (participación na Xunta de Accionistas ou acceder ás contas anuais), mentres que as accións si.

Números vermellos

A renda fixa asóciase a investimento seguro, pero tamén pode sorprender con números vermellos. Non haberá problemas (salvo que quebre a entidade emisora) se o bono se mantén ata o seu prazo de vencemento. Agora ben, se se pretende vender antes, convén sopesar certas cuestións. Se un inversor adquire bonos a cinco anos e se ve na necesidade de se desprender deles ós tres anos, deberá ter en conta o prezo do diñeiro (os tipos de xuro), pois a cotización dun bono ten unha relación inversa cos tipos de xuro. Isto é así porque se os tipos soben, as novas emisións de renda fixa ofrecerán máis xuros e, polo tanto, o bono que o inversor quere vender anticipadamente no mercado secundario (como un mercado de renda fixa de segunda man) perde atractivo respecto ós novos. Por iso, se vende, desprenderase do seu bono a un prezo máis barato do que pagou por el e perderá cartos. No suposto contrario, se baixan os tipos, poderá recibir ofertas máis suculentas que lle permitirán obter ganancias.

Solvencia do emisor

Cómpre fixarse en tres factores: o prazo do investimento, o tipo de xuro e a solvencia do emisor. Xeralmente, canto maior é o prazo do investimento, tamén maiores serán as ganancias. Os xuros son fundamentais se o inversor decide vende-los seus valores antes do seu prazo de vencemento. Se baixan, o producto pode venderse a un prezo máis alto do inicial, pero se soben, hai risco de perder cartos. No tocante ó emisor do valor, é fundamental saber se é solvente. Este risco mídeno axencias especializadas que lles outorgan cualificacións ás emisións de renda fixa. Estas valoracións reciben tamén a denominación de rátings. Segundo o baremo dalgunhas axencias, o ráting de AAA é o máis fiable e reflicte unha alta capacidade da entidade emisora para lles facer fronte ós seus compromisos financeiros. Un B indica que as perspectivas son negativas e se unha entidade emisora merece un C, atópase preto do impagamento. Antes de optar directamente pola renda fixa é moi recomendable ter en conta tamén a inflación, sen se centrar unicamente na rendibilidade. A renda fixa a curto prazo produce resultados que en ocasións non superan o IPC. É o que acontece cos activos públicos, nos que a rendibilidade das Letras do Tesouro, por exemplo, non supera o 3%. E lembremos que o IPC de outubro do 2002 situouse arredor do 4%.

Tipos de productos

Hai unha gran cantidade de valores de renda fixa, pero a principal diferencia entre uns e outros reside na entidade que os emite -pública ou privada- e no prazo de vencemento. A débeda pública procede do Estado, as comunidades autónomas e outros organismos públicos como concellos, e ostenta a máxima cualificación crediticia por parte das axencias, é dicir, trátase de investimentos seguros. A débeda pública ofrece Letras do Tesouro, Bonos e Obrigas. As Letras son valores a curto prazo (devólvense nun prazo máximo de 18 meses). Os seus xuros páganse dunha soa vez e ó mesmo tempo que se devolve o capital investido. Os Bonos, en cambio, están emitidos a tres e cinco anos e son títulos que aboan un interese periódico, a xeito de cupón. As Obrigas do Estado son da mesma natureza cós Bonos, pero son a longo prazo (10, 15 e 30 anos). O pagamento dos cupóns realízase de xeito regular (trimestral, semestral ou anualmente). A última emisión de débeda pública comportou as seguintes rendibilidades anuais: Letras (2,9%), Bonos (3,8%) e Obrigas (5,36%).

No tocante ós valores de renda fixa privada, salientan os billetes de empréstito de empresa, que son valores cupón cero, é dicir, ó igual cás Letras os xuros abóanse ó vencemento do capital investido. Os billetes de empréstito son a curto prazo, entre sete días e 18 meses. Ademais, existen os Bonos e Obrigas, que como na débeda pública son os valores de medio e longo prazo, respectivamente.

O inversor, antes de compromete-los seus aforros, debe meditar sobre algunhas cuestións:

  • a cantidade dispoñible
  • o tempo que se desexa manter inmobilizado o capital investido
  • o rendemento que espera obter e o prezo que está disposto a pagar para logra-lo seu obxectivo, é dicir, o risco está disposto asumir.

Hai que ler con detemento as cláusulas deste tipo de productos financeiros. Pode haber problemas para recupera-lo capital antes do prazo previsto. Convén cerciorarse de que o contrato permite recobra-lo investimento en todo momento e coñecer baixo qué condicións se fará.

Comisións: o producto financeiro no que se inviste deposítase nunha conta de valores, que se abre en calquera banco ou caixa de aforros. Estas contas grávanse xeralmente con dúas comisións: por administración e custodia, aproximadamente entre o 0,5% e o 0,6% do valor dos títulos; e no momento do cobro dos intereses anuais, arredor do 0,30% dos xuros recibidos.

Fiscalidade: as ganancias que se obteñen mediante os fondos de renda fixa súmanse á base impoñible do IRPF e sofren retencións fiscais de ata o 18%.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto