Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Accesibilidade nas cidades: Cines, museos e piscinas marxinan ós discapacitados españois

Usuarios de cadeira de rodas e invidentes comprobaron "in situ" en doce cidades españolas a accesibilidade de 36 cines, 36 museos e 12 piscinas

Case unha de cada dez persoas no noso país sofre discapacidades importantes. Delas, máis dun millón teñen problemas graves de visión e 3.325.000 teñen dificultades severas para se desprazaren, segundo datos do INE. Coñécense ben os problemas que estes usuarios especiais atopan para se desenvolveren en actos tan cotiáns como acudir ó traballo en trasporte público ou realiza-las compras en calquera establecemento. Outro dos aspectos nos que estes colectivos atopan trabas, e no que se centra este informe, é o relacionado co lecer.

Co fin de analiza-la accesibilidade a diversas alternativas de lecer, técnicos de CONSUMER inspeccionaron, acompañados por discapacitados da ONCE e de PREDIF (plataforma estatal de discapacitados físicos) 36 cines, 36 museos e 12 piscinas localizados en 12 cidades, e desprazáronse por elas para examinaren se no percorrido efectuado polo discapacitado ata chegar ó museo, ó cine ou á piscina, hai impedimentos ou obstáculos (mobiliario urbano mal situado, obxectos no camiño, carteis, valados publicitarios...) que lles impidan moverse con autonomía e comodidade.

As conclusións do estudio, que manexou máis de 200 variables de accesibilidade, demostra que cines, museos e piscinas presentan deficiencias tan importantes en materia de accesibilidade que dificultan e mesmo impiden que os discapacitados gocen do seu tempo de lecer. Son moi poucas as instalacións que teñen os seus servicios adaptados para que usuarios de cadeiras de rodas e invidentes poidan gozar do seu tempo de lecer con comodidade e independencia. As cidades estudiadas neste informe foron Bilbao, Madrid, Barcelona, Valencia, A Coruña, Málaga, San Sebastián, Alacante, Vitoria, Pamplona, Oviedo e Santander.

No tocante a quen se despraza en cadeira de rodas, este informe demostra que o 72% dos cines visitados en toda España non están ben adaptados, e que o mesmo acontece co 55% dos museos e co 58% das piscinas municipais. Noutra proba práctica, anotáronse as barreiras (obstáculos en rúas e beirarrúas, vaos, transporte público...) coas que se atopan os minusválidos cando se desprazan para acudiren a estes lugares de lecer. E os datos son concluíntes: as doce cidades suspenden. No tocante ós invidentes: un de cada tres cines non están adaptados, dous de cada tres museos suspenden e unha de cada catro piscinas municipais resulta na práctica inaccesible para as persoas con capacidade visual reducida. E nos desprazamentos que efectúan os cegos, o suspenso volve ser inapelable: ningunha cidade aproba. A relativa mellor puntuación da adaptación destes lugares de lecer para os invidentes débese, en boa parte, a que a colaboración dos empregados é decisiva, mentres que as necesidades dos minusválidos en cadeira de rodas están máis relacionadas con elementos arquitectónicos como accesos, aseos específicos, guindastres para "baixalos" ata a piscina, ou lugares reservados para eles no interior do cine. En cines e museos non se tivo en conta se as instalacións posuían marcas-guía no chan para que os invidentes se puidesen orientar, xa que ningunha contaba con este equipamento. Nin tampouco que só o 16% dos museos incorporaban dispositivos (como pulsadores que mediante unha narración expliquen a obra, ou carteis explicativos en braille) para que os invidentes os poidan visitar con proveito.

Cines e minusválidos en cadeira de rodas

O motivo principal polo que o 70% dos cines suspenden é a deficiente accesibilidade na entrada e nos despachos de billetes, e a carencia de espacios adaptados nas salas de proxección. No 22% dos cines observáronse barreiras infranqueables (banzos e ramplas perigosas) e no 14%, aínda que o acceso era posible, cumpría superar obstáculos, como chanzos. No tocante ás prazas reservadas para minusválidos nos cines ós que se puido acceder (o 78% dos estudiados), detectáronse deficiencias: no 18% non había espacios habilitados para discapacitados e no 21% tratouse de colocalos no corredor. No 61% das salas existían asentos reservados, aínda que nunha de cada tres estes asentos estaban na primeira fileira, o que foi cualificado polos usuarios como "tortura" debido á mala calidade de visión e á incómoda postura para ve-la película. Na práctica, catro de cada dez cines impedíanlles ós minusválidos faceren uso dos aseos; nun de cada tres casos, esta imposibilidade debíase a fallos na adaptación do aseo (para acceder a el cumpría superar escaleiras; aseo dedicado a fins distintos ó previsto; cabina que non permite o xiro ou pecha-la porta...) e en dous de cada tres corresponde a cines que, simplemente, non dispoñen de aseos adaptados. No tocante ás barreiras para transitar con comodidade dentro do cine, comprobouse que eran comúns corredores estreitos, escaleiras que imposibilitan o acceso ás salas e moquetas que dificultan o tránsito coa cadeira. No 22% das salas os minusválidos atopáronse con dificultades severas para se moveren polo interior. E se o usuario dunha cadeira de rodas precisa aparcar nas inmediacións do cine, só conta con aparcamento específico en menos da metade dos casos.

Cine para cegos, difícil

  O 36% dos cines suspendeu o exame, aínda que non se penalizou que ningún cine contase con teléfono gratuíto ou folletos en braille para comunicárlle-la carteleira ós invidentes. No 83% dos casos un empregado acompañou o invidente ó entrar na sala, pero só o 64% o fixo tamén ó remata-la proxección. Este 64% é a porcentaxe de cines que aproban o exame. Tódolos cines se mostraban libres de obstáculos ou, cando os había, estaban aliñados no interior da sala.

Museos e cadeiras de rodas

O 55% dos museos suspendeu o exame. As variables máis críticas para os usuarios de cadeira de rodas foron os accesos e as barreiras no interior do museo. Púidose acceder ó 92% deles, pero nun destes de cada cinco foi posible porque os técnicos de CONSUMER lles prestaron axuda ós incapacitados. Nuns casos debíase á existencia de chanzos e noutros a que, ó comprobar que o persoal do museo non atendía o timbre da porta exterior, específica para minusválidos, o técnico desta revista buscou e atopou algún empregado do museo. Dos museos ós que foi posible acceder, no 36% non se puideron visitar algunhas áreas ou salas porque había barreiras arquitectónicas que o impedían. Isto traduciuse nun suspenso para estes museos. No 42% dos museos, sen embargo, os minusválidos non atoparon ningunha traba para visitalo con comodidade. No resto, as barreiras refírense a incomodidades no tránsito ou á exposición de obras inaccesibles para o usuario debido á súa localización (excesivamente altas ou en vitrinas con escasa visibilidade desde a cadeira de rodas). Os aseos: tan só os tiña ben adaptados o 48% dos museos. E, para rematar, só a metade dos museos poden dicir que preto de alí hai un aparcamento reservado para minusválidos.

Museos para cegos

O 67% dos museos non aprobou o exame dos usuarios cegos. E tan só o 16% adoptou medidas para facilitárlle-la estancia e aproveitamento no museo. Os que o fixeron, ademais, só ofrecen esta adaptación nun número reducido de obras expostas. Valorouse positivamente que se lles permitise ós cegos palparen as esculturas para deste xeito poderen aprecia-lo volume e textura da obra. En só a metade dos museos que contaban con ascensor este estaba adaptado con números en braille e/ou dispositivo sonoro de aviso de parada e situación. Os poucos (o 33%) que superaron o exame fixérono porque algún empregado se prestou a realizar, a carón do invidente, unha visita guiada -sen custas nin horario prefixado, porque cando supuña gasto ou se esixía cita non se valorou tan positivamente- explicándolle ó usuario cego as obras do museo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto