Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Cámaras dixitais fotográficas: Diferencias no prezo, non na calidade

As cámaras dixitais convertéronse nunha alternativa real para os usuarios domésticos

  Analizáronse oito cámaras de fotos dixitais de gama media-baixa de uso doméstico con prezos moi dispares: desde os 404 euros de Canon PowerShot A40 e Nikon E2500, ós 812 euros de Canon PowerShot S30. A mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Olympus C300 (487 euros): ofrece a maior calidade en fotografías normais e de detalle, a memoria máis ampla e unha das mellores pantallas de visualización.

As cámaras dixitais están gañando progresivamente cota de mercado fronte ás analóxicas (as tradicionais). Este novo tipo de cámaras fotográficas alcanzou xa a calidade das analóxicas, polo menos en imaxes de pequeno formato (15x10cm.). A súa maior virtude reside en que non utilizan carretes nin revelado, senón que as tomas, almacenadas nunha memoria dixital, se poden ver e peneirar ó momento nunha pequena pantalla incorporada. De seguido, as tomas que interesan transvásanse ó ordenador para velas, tratalas, envialas ou imprimilas.

Un dos criterios de calidade nunha cámara dixital é o número de píxeles activos. Cada píxel é un punto de captación de cor; polo tanto, canto maior sexa este número, maior será a resolución da imaxe: cantos máis píxeles nunha mesma superficie maior será a nitidez. Pentax Optio 330 (3,24 millóns de píxeles), Canon Power Shot S30 e Sony DSC-P71 (as dúas con 3,2 millóns de píxeles) foron as tres mostras mellor valoradas neste aspecto. Pola contra, Minolta Dimage X ofreceu o menor número de píxeles útiles, con só 1,96 millóns.

As pantallas de cristal líquido onde se ven as imaxes nada máis seren tomadas son de tres tamaños. As de Nikon, Sony, Minolta e Canon A40 alcanzan as 1,5 polgadas, as dúas de Pentax contan con 1,6 polgadas e Canon S30 e a Olympus son as máis grandes con 1,8 polgadas.

Probas de uso

Un fotógrafo profesional realizoulles fotografías normais e de detalle (macro) a diferentes obxectos baixo as mesmas condicións. Deste xeito medíronse parámetros como contraste, reproducción da cor, nitidez, luminosidade, efecto viñeta, ruídos e imperfeccións. Olympus obtivo as puntuacións máis altas en ámbolos casos (4 puntos sobre 5 en normal e 4,8 en detalle). O segundo posto foi para Canon S30, a máis cara (3,8 puntos en normal e 3,3 en detalle): Nikon E-2500, Minolta Dimage X e Pentax Optio 330 obtiveron as peores puntuacións en imaxes convencionais (3,1 puntos) e Sony DSC-P71 en modo macro (2,5 puntos). CONSUMER someteu as cámaras dixitais a unha avaliación subxectiva de tres usuarios habituais destes productos. Cada un valorou, mediante unha escala do un ó cinco, distintos aspectos relacionados co programa que manexa a cámara (claridade, utilidade dos menús...), así como o manual, posta en marcha, ergonomía e distintas probas funcionais. Tódalas cámaras foron ben valoradas, xa que, ata a que obtivo un resultado máis discreto (Sony) alcanzou 3,4 puntos sobre 5. Minolta (4 puntos), a mellor, obtivo as puntuacións máis altas en posta en marcha, claridade e utilidade dos menús, aspecto exterior, prestacións da pantalla, ergonomía (dimensións, peso e facilidade de transporte), toma de fotografías, facilidade de inserción da tarxeta de memoria, así coma no tempo de espera entre o acendido e a realización de fotografías.

A memoria, fundamental

A cantidade e tipo de memoria é outro factor crítico nunha cámara dixital. O alto prezo de cada tarxeta obriga a ter un número moi reducido delas, polo que o feito de que unha cámara ofreza de serie unha gran cantidade de memoria e un formato o máis estendido posible tórnase fundamental. No tocante ó formato da memoria, Nikon, as dúas Canon e as dúas Pentax utilizan Compactflash, o máis estendido. A cámara que máis capacidade de memoria ofrece é Olympus, ó se-la única que inclúe dúas tarxetas de memoria (16 e 32 megabytes). Sony DSC-P71, Canon Power Shot S30, Pentax Optio 230 e Optio 330 ofrecen 16 MB, mentres que as tres restantes só incorporan tarxetas de 8 MB (Nikon, Minolta e Canon Power Shot A40). Un usuario non precisa facer sempre as fotos coa maior calidade posible. A prol dunha maior autonomía (unha menor calidade ou resolución implica que entran máis fotografías na mesma tarxeta de memoria), o usuario debe poder escoller entre diferentes resolucións para adecua-la calidade final ás necesidades reais. De nada serve unha calidade excelsa se o obxectivo é publica-la instantánea nunha web. O número de graos de calidade é variable: cinco en Olympus, catro en Minolta e Pentax Optio 230, tres en Nikon, Canon S30 e A40 e Pentax Optio 330 e, para rematar, só dous en Sony.

Peso e dimensións

Minolta foi notablemente máis lixeira có resto, con só 134 gramos. As máis pesadas foron as dúas Canon, S30 (264 gr.) e A40 (262 gr.). No tocante ó tamaño, a cámara máis pequena foi Minolta (84,5x72x20 mm.), mentres que a máis voluminosa foi Olympus C-300 (117,5x66x49,5 mm.). Tódolos modelos presentaron zoom óptico e dixital. Canon Power Shot S30 é a que mellores valores obtivo en ámbolos sistemas. O zoom óptico funciona como o faría nunha cámara convencional, pero o zoom dixital convén non usalo, xa que achega os obxectos pero perden calidade de imaxe. Canon S30 e Pentax Optio 230 incorporan os dous mellores sistemas de flash. No tocante ó tipo de alimentación, tódalas cámaras inclúen baterías recargables, agás Olympus que ofrece dous xogos de pilas (recargables e non recargables) e Pentax Optio 230 e Canon A40, que só ofrecen un xogo de pilas convencionais. Os modelos de Nikon, Sony, Minolta, Canon S30, Olympus e Pentax Optio 330 presentaron, ademais, cargador de pilas. Ningunha das cámaras incorporou adaptador de corrente alterna, un accesorio moi útil cando se transfiren as imaxes ó ordenador. Para avalia-lo consumo de enerxía realizáronse fotografías con flash e mínima calidade de imaxe coas mesmas baterías ou pilas que incluían as cámaras. A de maior autonomía foi Pentax Optio 230 (205 minutos e 391 fotografías), pola súa banda, Minolta foi a cámara na que menos aguantaron as baterías (65 minutos e 126 fotografías).

Ordenador e TV

As oito cámaras únense ó ordenador doméstico para a descarga de imaxes mediante o porto USB, un dos máis veloces do mercado, que permite, ademais, conectarse sen necesidade de apagar previamente o ordenador. Nikon non ofrece a conexión coa TV e o vídeo, polo que as instantáneas non se poden ver directamente nunha pantalla de televisión. Todas contan con gravación de vídeo, disparador automático, regulación da cámara en función das condicións de luz, anti "ollos vermellos" e adaptación ás condicións de luz nocturnas. As cámaras con máis prestacións foron Sony DSC-P71 e as dúas de Canon. As oito cámaras demostraron ser correctas en garantía, información e protección ó consumidor. Nikon conta co manual mellor valorado, xa que incorpora, incluso, un vídeo explicativo. Tamén todas superaron as probas de seguridade. Para comprobar que os oito equipos resisten os golpes que se poden recibir cun uso normal, deixouse cae-la cámara desde unha altura dun metro en tres posicións distintas sobre unha superficie de madeira de carballo. Tódalas cámaras seguiron funcionando trala proba, pero a pestana da tapa da batería de Olympus C-300 e Pentax Optio 230 escachou, e Pentax Optio 330 sufriu unha pequena marca na pantalla de visualización.

Tódalas táboas cámara a cámara en revista.consumer.es

¿Por que unha cámara dixital?

Unha cámara dixital, a diferencia dunha tradicional, non utiliza carrete, senón unha memoria na que almacena as imaxes, que non precisan revelado. Nada máis face-la fotografía pódese comprobar cómo quedou nunha pequena pantalla incorporada á propia cámara, polo que só se gardan as que o fotógrafo escolle. Á hora de se decantar por unha cámara analóxica (tradicional) ou dixital o fundamental é defini-lo uso que se lle vai dar, xa que hoxe en día a calidade das dúas para un uso doméstico é semellante.

Se se desexa unha copia en papel de tódalas fotografías, as de carrete resultan, á longa, máis económicas e sinxelas. Ademais, as analóxicas son a única opción se o usuario carece de ordenador. Unha dixital, pola contra, convén se se desexan retoca-las instantáneas directamente no ordenador, ou se é abondo con ve-las fotos na pantalla (a do PC ou da televisión). En todo caso, o usuario sempre poderá pasar ó papel as imaxes dixitais: o prezo unitario será maior có dun revelado tradicional, pero pode que resulte rendible para os que desbotan moitas tomas, xa que, cunha dixital, só se imprimen as fotografías que quedaron ben. As tendas de revelado ofrecen ofertas para o "revelado" das fotografías dixitais, que interesa sopesar tendo en conta o alto prezo do papel fotográfico e da tinta da impresora doméstica.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto