Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Artrite reumatoide: O diagnóstico precoz, o mellor para combatela

Entre as máis de duascentas enfermidades reumáticas, destaca a artrite reumatoide, unha das máis severas

  O 14% do total das baixas laborais do noso país débense a enfermidades reumáticas, segundo a Sociedade Española de Reumatoloxía. Só as afecciones respiratorias motivan máis baixas, pero as reumáticas ocupan o primeiro lugar en número de días de traballo perdidos. Dor e incapacidade son os síntomas máis graves das doenzas reumáticas, que teñen o dubidoso honor de seren consideradas como as enfermidades con peor calidade de vida para quen as padece.

Erro de concepto

Hai unha gran confusión arredor do termo "reuma", que se utiliza para englobar calquera tipo de dor muscular, ósea e articular, sexa cal sexa a súa orixe e causa. A miúdo mesmo se usa para referirse a dores ocasionadas por estados de tensión, fatiga, malas posturas, frío, humidade ou malestares asociados a enfermidades infecciosas como a gripe, as anxinas, a febre tifoidea, etc., que nada teñen que ver coas doenzas reumáticas. Pero en realidade non hai unha única enfermidade reumática, senón máis de duascentas doenzas distintas, cada unha delas coas súas manifestacións e tratamentos diferentes. As máis coñecidas e frecuentes son a artrose, que padecen preto de dous millóns de persoas e que se produce polo desgaste da cartilaxe; a artrite reumatoide, que se manifesta coa inflamación das articulacións, e a osteoporose, con dous millóns e medio de afectados, a maioría mulleres a partir da menopausa.

O diagnóstico precoz, clave

Ante a presencia de dores articulares ou musculares de longa duración, tórnase fundamental establece-lo diagnóstico o máis precozmente posible, para así instaura-la terapia axeitada coa maior celeridade. Aínda que as enfermidades reumáticas non se sandan, mediante os tratamentos conséguense remisións importantes e, en moitos casos, aínda que o paciente continúa coa doenza, a penas sofre síntomas.

As enfermidades reumáticas obedecen a distintas causas:

  • Dexenerativas, a máis frecuente a artrose.
  • Metabólicas, coma o caso da gota.
  • Inmunolóxicas, cada vez é máis coñecida a asociación entre alteracións inmunolóxicas e enfermidades reumáticas.
  • Infecciosas, o exemplo máis claro é o da febre reumática.
  • Inflamatorias, producidas pola inflamación das articulacións sen que haxa unha causa coñecida clara, como é o caso da artrite reumatoide, e que é o prototipo de enfermidade reumática inflamatoria e da que nos ocuparemos de seguido.

Artrite reumatoide

A artrite reumatoide (AR) é unha enfermidade inflamatoria de causa descoñecida, que afecta fundamentalmente ás articulacións -preferentemente de mans, xeonllos, columna cervical- e con participación do sistema inmunolóxico. Trátase dunha enfermidade de evolución crónica, con curso e duración variables, que ademais se acompaña doutros síntomas extra-articulares. Na fase final da artrite reumatoide as articulacións defórmanse e pérdese a capacidade de levar a cabo accións cotiás. Estímase que entre o 1% e o 2% da poboación padece artrite reumatoide. É, polo tanto, unha enfermidade moi frecuente. As mulleres sófrena máis cós homes, nunha proporción de tres a un, e iníciase preferentemente entre os 25 e os 50 anos, se ben a súa prevalencia aumenta coa idade e entre os maiores de 65 anos chega a ser do 12%. Non ten predilección por ningunha raza, nin relación con áreas xeográficas ou condicións climáticas. Atopámonos, polo tanto, ante unha afección universal. Cómpre sinalar unha forma de artrite que aparece a idades moi novas e que se denominou de diversas maneiras, como artrite reumatoide xuvenil ou artrite crónica xuvenil, un xeito de artrite nos nenos que ofrece moitas variantes, cun proceso distinto do adulto e que sería máis correcto denominar artrite idiopática xuvenil, que require un diagnóstico o máis precoz posible para establece-lo tratamento oportuno.

Causa descoñecida

Desde hai máis de medio século inténtase identificar algunha bacteria ou virus que sexa o causante, pero non se demostrou que un axente infeccioso interveña na enfermidade. Sábese que, dentro do proceso inflamatorio que caracteriza a artrite reumatoide, participa o sistema inmunolóxico. A inflamación da sinovia, membrana que recobre as articulacións por dentro e que segrega o líquido que lubrica as superficies articulares, caracteriza a enfermidade. Esta membrana sinovial sofre un proceso inflamatorio e como consecuencia fórmase un tecido de granulación chamado pannus, que invade a articulación e afecta á cartilaxe, ligamentos, tendóns e estructuras óseas. Paulatinamente vaise destruíndo e deformando a articulación. A longo prazo, amais da sintomatoloxía, en ocasións moi dolorosa, aparecen a incapacidade funcional e pérdese mobilidade articular. O síntoma máis habitual é a rixidez matutina das articulacións afectadas, especialmente das mans, que se prolonga cando menos unha hora e desaparece de maneira espontánea.

Tratamento

Ante a sospeita de que se padece a enfermidade cómpre efectuar un estudio radiográfico e unha análise de sangue con determinacións de inmunoglobulinas, factores reumatoideos e autoanticorpos. É fundamental realiza-lo diagnóstico correcto o máis axiña posible para establecer rapidamente o tratamento e frear na medida do posible o avance da enfermidade. A evolución da enfermidade é moi variable, con épocas máis levadeiras que alternan con outras de sintomatoloxía florida a xeito de brotes. O tratamento ten como finalidade alivia-la dor, diminuí-la inflamación articular e, o máis importante, manter ou restablece-la función articular e previ-la destrucción ósea e da cartilaxe. O tratamento debe ser individualizado, pois en cada paciente as manifestacións da enfermidade son distintas. O tratamento sintomático para controla-la inflamación e a dor realízase mediante antiinflamatorios. O tratamento específico, a base de cloroquinas, sales de ouro, metotrexate, sulfasalazina e outros fármacos, presenta riscos e beneficios e debe ser sempre administrado baixo control especializado. Resultan imprescindibles as medidas para preserva-la función e integridade articular e do sistema músculo-esquelético en xeral. A fisioterapia e a rehabilitación constitúen dúas interesantes opcións. Algúns especialistas recomendan realizar actividades acuáticas terapéuticas, exercicios na auga practicados nunha piscina climatizada, adecuados non soamente para a artrite reumatoide senón para tódalas enfermidades reumáticas.

  • Artrite de máis de tres ou máis zonas articulares: as máis afectadas son xeonllos, cóbados, ombreiros e nocellos.
  • Artrite simétrica, é dicir, afectación simultánea das mesmas zonas nas dúas metades corporais.
  • Artrite das mans. Co paso do tempo as mans vanse deformando, os músculos vanse atrofiando e, ó final, a anquilose (perda total da mobilidade) das articulacións é o resultado nos casos máis graves.

Pero amais destas manifestacións articulares, hai outras extra-articulares:

  • Os nódulos reumatoideos, presentes no 25% dos casos, son nódulos situados debaixo da pel sobre prominencias óseas.
  • A afectación cardíaca a xeito de pericardite dáse no 30-40% dos casos.
  • A nivel pulmonar pode haber pleurite, fibrose pulmonar, obstrucción das vías aéreas, nódulos pulmonares.
  • Tamén os ollos poden afectarse e aparece a inflamación da córnea e da conxuntivite (queratoconxuntivite seca).

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto