Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Conexións sen fíos: Sen ataduras

As redes sen fíos permiten conectar pequenos dispositivos e ordenadores dun xeito máis cómodo e eficiente

  As inodoras, incoloras e insípidas ondas de radio protagonizan unha revolución silandeira que promete interconectar tódolos artefactos tecnolóxicos que poboan nosa vida cotiá. Ordenadores de sobremesa e portátiles, teléfonos móbiles, axendas electrónicas, cámaras de fotos dixitais, escáneres, impresoras, e mesmo lavadoras e frigoríficos están a un paso de conversar, sincronizarse e, o que é máis importante, interactuar, sen cables de ningún tipo, liberando ó usuario da molesta tarefa de pór cables na casa.

As conexións sen fíos non son ningunha novidade. Hai anos que algúns ratos, impresoras ou axendas electrónicas comparten información sen necesidade de cables. Daquela, ¿por que tanta axitación? A tecnoloxía que emerxe ten dous cambios fundamentais. Primeiramente, destérranse os infravermellos a favor das ondas de radio que operan en frecuencias que permiten un intercambio de datos máis veloz. Ademais, os infravermellos precisan unha liña visual entre o emisor e o receptor, polo que resultan inútiles cando hai unha parede, un estante ou simplemente os aparatos non están orientados un cara ó outro.

O segundo cambio que está alterando o mundo sen fíos é a estandarización. As tecnoloxías que pugnan pola supremacía no mundo sen cables concitan o apoio do suficiente número de fabricantes para que cada dispositivo non quede illado nunha única función como ocorre hoxe en día. E é que, o que posúa un teclado sen fíos actual sabe que serve para manexa-lo ordenador de sobremesa, pero non para introducir datos nunha axenda electrónica ou para programa-lo vídeo, como sería desexable. Falta a lingua franca que lles permita conversar uns cos outros.

Linguaxe común

Bluetooth é esa norma aberta que lles permite ós dispositivos entenderse nas distancias curtas. Conta co beneplácito da maior parte da industria e o seu maior mérito consiste en simplifica-lo uso conxunto de varios aparellos que, ata agora, traballaban cada un pola súa conta: cámaras de fotos que envían imaxes directamente á impresora sen pasar polo ordenador, auriculares para falar a través do móbil gardado no bolso, axendas electrónicas PDA que permanecen sincronizadas sen enchufes co equipo doméstico ou garaxes que se abren ó teclear un contrasinal no móbil. É difícil imaxinar un aparello electrónico que quede fóra desta carreira pola interconexión.

A maioría destes productos, sobre todo teléfonos móbiles, están xa á venda desde hai máis dun ano, e os seus prezos comezan a baixar como xa o fixeran antes outras tecnoloxías novidosas. Ó igual que acontece co DVD, poucos expertos dubidan xa da súa adopción masiva, a dúbida reside no cándo e no cómo.

Pero a exigua capacidade de transmisión de Bluetooth tanto en distancia (non alcanza máis alá duns metros) coma en capacidade (o triple ca un ADSL corrente, ou, o que é o mesmo, cincuenta veces menos ca un CD-ROM convencional, abondo para dispositivos pequenos pero sen futuro en tecnoloxías coma o vídeo que implican a transmisión de grandes volumes de datos) fai que sexan necesarias outras vías para o intercambio masivo de información por esta vía sen fíos.

Máis velocidade e extensión

Tódalas concesións de canles de televisión, as de radio comercial dixital e analóxica, as tres licencias de telefonía móbil GSM (o estándar actual) e as catro de UMTS (a que está por vir), así como os canais para emisoras de policía, ambulancias, aviación ou militares coparon a inmensa maioría do espectro radioeléctrico, pero non todo. Como se fose a aldea gala de Asterix, queda un pequeno reducto de liberdade nas ondas que os usuarios poden utilizar: 802.11b, ou, o que é o mesmo, wi-fi.

Cun máximo teórico de envío de información próximo ós 11 megabits por segundo (case seis veces o ADSL máis veloz que se ofrece en España) a tecnoloxía wi-fi permite interconectar equipos como se estivesen fisicamente unidos a unha rede local convencional (LAN) coma a de calquera empresa. Algúns hoteis, aeroportos ou parques ofrécenlles xa acceso sen fíos a Internet ós usuarios que acudan cun portátil equipado con esta tecnoloxía.

Cada nodo, ou punto de acceso wi-fi (un ordenador equipado cunha tarxeta wireless e unha antena) ofrece conexión nun radio de 100 a 300 metros, unha distancia abonda para conectar sen fíos os ordenadores dun domicilio, unha oficina ou mesmo dun bloque de vivendas. Non obstante, con antenas especiais e condicións meteorolóxicas óptimas conseguíronse enlaces de decenas de quilómetros. Usuarios con afección pola bricolaxe tecnolóxica descubriron incluso que se poden fabricar antenas eficientes e baratas con tubos metálicos coma os que se atopan nalgúns envases de patacas fritas.

Redes cidadás libres

Esta facilidade para construír un nodo de conexión sen fíos motivou que algúns internautas poñan en marcha un, e o utilicen para compartir desinteresadamente polo aire cos viandantes a súa conexión a Internet. E é que ninguén utiliza permanentemente todo o ancho de banda contratado nun ADSL, sempre hai momentos de inactividade que outros poden aproveitar. Creáronse así redes cidadás libres (Madridwireless, Pucelawireless...) nas que, en condicións ideais, un peón pode desde a antena do seu ordenador portátil ou desde a da súa axenda de man saltar de nodo a nodo permanecendo conectado a Internet sen pagar un céntimo de euro.

O problema xurdirá se este sistema se xeneraliza, xa que as operadoras lles ofrecen ós seus clientes un ancho de banda a un prezo determinado, co convencemento de que a inmensa maioría de internautas non o usaran todo o tempo. Polo que se se xeneralizan as redes cidadás libres, estas terán para as compañías telefónicas o mesmo efecto demoledor que para un restaurante de "coma todo o que poida" que os clientes compartan a comida con calquera transeúnte.

En todo caso, convén sopesar que nas redes sen fíos non todo son vantaxes. Xeralmente deveñen máis onerosas e intrinsecamente máis inseguras cás cableadas. E é que, salvo nas novelas de ciencia ficción, se alguén non se pode conectar fisicamente á Rede, dificilmente poderá atacala. Por iso, unha conexión sen fíos que lle permita intentar a conexión a calquera que se atope a varios centos de metros á redonda é necesariamente máis vulnerable ca outra á que para conectarse sexa imprescindible estar enchufado.

Nestes casos, convén ser especialmente precavido e poñer especial énfase en actualizar convenientemente os programas. Se, ademais, un é usuario dun sistema maioritario como Windows, non estará de máis ter sempre activa unha aplicación antivirus.

Navegar á carta

  • Zona Bluetooth Ampla colección de textos, reportaxes e análises da tecnoloxía que está chamada a facer de intérprete entre os distintos aparellos electrónicos. Unha das súas seccións máis vistosa é a que detalla as características dos artefactos que xa incorporan esta tecnoloxía e os seus posibles usos.
  • Sin Cables Comunidade dedicada ás redes sen fíos que incorpora textos de todo tipo e condición: desde explicacións para novatos ata a máis refinada bricolaxe electrónica. Convén rexistrarse para acceder a recursos como o diccionario.
  • Pucelawireless En Valladolid está en marcha unha das redes cidadás libres. A web é o que se coñece como un wiki, un medio de comunicación comunal no que os propios usuarios poden ir engadindo ideas e propostas dun xeito organizado e escalable. Ofrece referencias interesantes para penetrar nas redes sen fíos e construír un mesmo a antena.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto