Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Luis Eduardo Aute, cantautor, pintor, poeta e cineasta: "A cultura é necesaria, non pode ser un artigo de luxo"

A música, á que asegura que chegou por casualidade, eclipsou as outras vertentes deste polifacético artista que naceu en Manila en 1943 e se trasladou a España ós once anos. Aínda que a súa sona proveña da súa faceta como cantautor, Luis Eduardo Aute considérase ante todo pintor, amais de poeta, e cineasta. "Síntome máis cómodo na pintura, porque é o que fixen toda a miña vida e porque é o medio de expresión máis libre; nel non hai corsés", asegura

  Con respecto á actividade artística, mantén unha concepción moi aberta que explica a súa dedicación a disciplinas moi distintas: "a arte é liberdade; ou é a liberdade absoluta ou non serve para nada. Como artista, non podo negarme a curiosidade por descubrir outras linguaxes. Cada ferramenta procúrame o que non podo facer con outra." Os seu referentes artísticos son o pintor Velázquez, o cineasta Luis Buñuel, o poeta Paul Élouard e Os Beatles, en particular John Lennon, quen, coma Aute, "comezaba a se mover por terreos distintos, aínda que desgraciadamente non tivo tempo".

Realista e crítico coa sociedade na que vive, non perde o optimismo e a fe no ser humano como motor do mundo, como axente capaz de cambia-las cousas. Autodidacta e cunha extensa bagaxe cultural, Aute revélase como un humanista, máis propio do Renacemento ca do noso século XXI, a pesar da absoluta vixencia dos temas que aborda.

Á hora de elixir entre seguridade e liberdade, non vacila nin un intre. "Sen dúbida, a liberdade. A seguridade é moi trampulleira. Se hai liberdade, a seguridade vén dada, porque se hai liberdade, hai intelixencia; se hai intelixencia, hai bondade; e se hai bondade, hai seguridade. Se non hai liberdade, non hai nada".

Creador incansable -mantémo-la entrevista xusto despois do último concerto da súa xira "Canalla", ben entrada a madrugada-, Aute estreará en breve o seu novo disco Alas e balas, publicará o libro de poemas Volver á auga, editará un libro-obxecto sobre a súa película Un can chamado dor (con máis de 200 reproduccións dos seus debuxos, un DVD coa película e a banda sonora), está rematando Animal Tres e o ano que vén exhibirá as súas pinturas en Barcelona.

Esixente consigo mesmo, opina que o seu mellor traballo é o que está por facer, porque "se non o crese así, non o faría". E como preludio do seu novo disco, esa noite regalóuno-la canción "Xiraluna", a metáfora dunha flor capaz de amosa-lo que o ser humano non adoita ver: a cara oculta da lúa.

Vivimos nunha sociedade consumista na que a cultura se considera un producto de consumo máis e se comercializa como tal. ¿Cree que esta tendencia seguirá no futuro?

Como sempre aconteceu, unha parte da sociedade actúa no sentido da masa, mentres que outra intenta recupera-lo sentido e a razón de existir do ser humano. A cultura non ten máis misión ca ser unha luz cando non se ve a luz e lembrar que non somos cousas que se dedican a consumir e a tragar todo o que nos venden, senón que somos seres que pensamos, que damos matinamos sobre as cousas, que nos preocupamos polo sentido da vida, pola relación entre as persoas... Eu creo no ser humano, e que antes ou despois, cando se atope nunha ruela sen saída, dirá: ata aquí chegamos. O sistema non se pode combater, porque ten tódolos recursos. Simplemente, hai que deixar que engorde ata que rebente e a asfixia sexa tal que quen busque motivacións culturais acuda a onde as pode atopar. O sistema estoupará dentro da súa propia endogamia narcisista e estulta.

Tanto ós discos coma ós libros se lles aplica un 16% de IVE. ¿Pódese considera-la cultura como un artigo de luxo ou é un ben necesario?

A cultura é un ben esencial e ten que estar ó alcance de todos. É o que nos diferencia dos animais; non pode ser xamais un artigo de luxo. E, evidentemente, o prezo ten unha grande influencia no nivel cultural da sociedade. Nos concertos que dei gratis houbo tumultos, mentres que nos que se cobra a entrada, canto máis cara é, menos xente vai.

¿Que opina de "Operación Triunfo"?

É un invento, un negocio, que lamentablemente arraigou na xente. Eu creo que se debe principalmente á existencia dos medios. A importancia do fenómeno que é a televisión non se analizou socioloxicamente. O poder si que ten información en relación á influencia que ten a televisión, e utilízao; pero boto de menos unha reflexión desde fóra do poder. Estamos sometidos á influencia dos medios de comunicación e da televisión en particular. A xente quere o que lle proporciones e, ademais, o nivel de esixencia é cada vez menor. E iso é o perigoso, porque ó darlle lixo, o seguinte que quererá será "infralixo", e despois, máis e peor "infralixo". Iso é difícil de combater, pero creo que chegará un momento en que o cheiro do que nos están vendendo como algo atractivo chegue a ser tan forte que a xente o rexeite e precise ver algo distinto que o recupere como ser humano.

O top manta está cada vez máis estendido e máis perseguido legalmente. Como músico e autor, ¿séntese ameazado por este fenómeno?

Por unha banda síntome ameazado e por outra non. O lado positivo é que a través destes vendedores se dá a coñece-lo traballo que un fai; pero é un traballo que un non dá gratuitamente, sobre todo cando a industria está por medio. Outra cousa é que me dedique altruistamente e grave unha cinta coas cancións que eu queira e lla dea á xente para que circule e coñeza as miñas cancións. Probablemente, este fenómeno ocorre porque os prezos dos discos son tremendamente altos. Non ten sentido que custen tanto: é unha barbaridade. Habería que cambia-la formulación de todo isto. E por outra banda, tamén está o conflicto do propio capitalismo, que compite consigo mesmo. O CD é un bo invento, pero entra en conflicto co interese da propia industria: se o podo gravar na casa e telo gratis, para qué o vou mercar. Habería que crear un soporte como o disco de vinilo antes, un obxecto máis apetecible de ter na casa, cunha certa proposta escénica que o facía un obxecto cultural en si. Pero un CD é un obxecto absolutamente vulgar.

En España, a música de cantautor xurdiu durante a dictadura, ligada ó compromiso e á denuncia social. Nas súas cancións reivindicou valores como a beleza, a tenrura ou a liberdade, fronte ó arribismo, o éxito a calquera prezo ou as guerras. ¿Coida que a música de autor debe desempeñar un papel de denuncia ou que cumpre outras funciones?

Debe de cumpri-lo compromiso que o autor adquire coa súa obra. Cústame crer que un artista non sexa sensible tanto á estética como ós problemas sociais ou políticos. Alguén a quen lle interesa a vida, o ser humano, as relacións do ser humano cos seus conxéneres, non pode amosarse insensible ó que está acontecendo. Non é que os cantautores teñan que denunciar ou demostrar que non están de acordo con algo, senón que a súa propia sensibilidade fai que se comprometan. Eu non penso nas miñas cancións cunha finalidade concreta, senón que saen os problemas sociais, históricos, políticos. Pero non porque o pretenda, senón porque están aí. Cantautor é quen interpreta as súas propias cancións. Agora ben, hai algúns cantautores que non se limitan a vender discos, senón que intentan expresa-lo que senten, o que cren, o que temen, o que os conmove e o que os entristece... Estes cantautores teñen que falar de todo tipo de cousas que ocorren, desde as moi persoais ata as máis sociais.

En diversos momentos da súa carreira, rexeitou publicar un novo disco para dedicarse a traballos artísticos de menor rendibilidade económica. ¿Segue pagando a pena nadar a contracorrente?

O que queira ser músico ou pintor ten que dedicarse exclusivamente a ese traballo e a que a xente o coñeza. E se xorde algo que llo dificulte, combatelo. Eu tiven problemas, pero zafeime como puiden e cando vía demasiadas dificultades, marchei a outro lugar.

Malia a todo, puido dedicarse ó que lle gusta, por riba dos imperativos do mercado. ¿Quédalle algunha meta que alcanzar?

Facelo ben, facelo o mellor posible. Facer todo o que fago, pero mellor. Polo demais, sufrín todo tipo de golpes e dificultades, pero non me queixo, a vida tratoume ben nese sentido.

Pero é difícil ser transgresor das normas...

Si, hoxe é máis difícil ca hai anos. Eu teño discos que sei que hoxe non me editarían, diríanme que estou tolo. Os artistas hoxe téñeno moito máis difícil. Había máis porosidade na industria hai anos ca agora. Se Proust fose agora co seu Tempo perdido, non llo editaría ninguén, porque non é un best-seller. Moitos autores que agora son clásicos, no momento actual non poderían publica-la súa obra. A liberdade é moito máis aparente ca real. Dentro das canles habituais, calquera "producto" cultural debe ter cuberto o seu espacio antes de publicarse ou editarse, ten que ter unha audiencia e un mercado garantidos. E iso é terrible, porque coacciona o traballo. A xente hoxe escribe ou fai cancións, non coa liberdade de antes, senón pensando en que a súa obra ten que cubri-las expectativas comerciais da empresa que o vaia contratar. Isto non acontecía, por exemplo, cos renacentistas, que contrataba o Papa para adorna-la igrexa de cousas fermosas; non había mercado, tratábase de aproveita-la cultura e a beleza cultural. Agora é o mercado quen impón as regras do xogo. E iso é terrible; pero non vencerá.

En setembro presentou en Madrid a súa páxina web oficial, que reflicte tódalas súas facetas como artista. Internet móstrase, así, como unha ventá aberta, pero á vez permite poder baixar música e facilita a piratería. ¿Onde está a fronteira entre os dereitos de autor e o dereito á información e a compartir contidos en Internet?

Eu penso que se atopará algún tipo de fórmula para solucionar este problema. Pasaba algo semellante co teatro e o cine: cando saíu o cine, a xente pensaba que se acabaría o teatro, pero segue funcionando. Tamén pasou coas casetes e os vinilos, que lograron convivir. Eu coido que este é un problema tecnolóxico que terá que atopar unha fórmula que recoloque a cada cousa no seu sitio. A min paréceme moi ben que a xente poida baixar cancións de Internet, pero ó mellor cun sistema en que teñan que pagar dereitos de autor, dese usufructo, desa utilización do traballo.

Nunha sociedade que fala da "cultura do entretemento", da fin das ideoloxías e da lei da oferta e da demanda, ¿pensa que a música de autor merece contar con axudas públicas ou debe rexerse polas regulamentos do mercado?

Estamos todos en mans da industria, evidentemente; pero se alguén quere conta-las cousas á súa maneira e, por manter unha postura en contra de algo, a industria llo pon moi difícil e lle impide gravar ou o marxina, debe loitar por atopar outro xeito ou plataforma para dar a coñece-las súas reflexións. Non creo no triunfo do pensamento único. Creo no triunfo do obxectivo da cultura: o home precisa saber para qué está aquí, non debe pensar simplemente en sobrevivir. O ser humano sempre terá necesidade de reflexionar, de intentar ser un pouco máis intelixente. Hai dificultades para desenvolver un pensamento intelixente, pero paréceme imposible que triúnfe o pensamento único, porque sería a negación do ser humano. E o ser humano non pode suicidarse colectivamente ata ese punto. Nese sentido, teño esperanzas, son optimista.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto