Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Informe

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

A influencia do petróleo na economía mundial: Urxen alternativas máis rendibles e non contaminantes

Convén promover enerxías que poidan ser producidas por tódolos países para así eliminar monopolios

Un mercado moi sensible e influínte

  A demanda mundial de petróleo ascendeu en 2001 a 76 millóns de barrís por día, e prevese que antes do 2030 o seu consumo aumente un 60%, o que permite comprender a gran dependencia que a economía mundial ten do ouro negro. Calquera variación no prezo do cru -trátase dun dos sectores máis volátiles e imprevisibles da economía mundial- exerce un efecto dominó sobre o resto da cadea económica, provocando unha caída do consumo e un aumento da inflación.

Á parte dos efectos que o aumento do prezo do petróleo ten sobre a súa demanda, o máis alarmante é o impacto do prezo dos enerxéticos sobre o índice de prezos ó consumo (IPC), un dos indicadores máis vixiados polos bancos centrais dos países desenvolvidos. Na medida en que a alza dos prezos do petróleo se reflicta nun aumento xeralizado dos prezos, así será a reacción dos bancos centrais elevando as taxas dos xuros, o cal terminará freando a expansión económica.

Se o prezo do barril de petróleo sobe, aumenta o prezo dos carburantes, dos gasóleos de calefacción e industriais (transporte, agricultura, avións, etc.), increméntase o prezo do transporte público e privado, e dispáranse incluso os custos de producción das empresas.

A cesta da compra tamén sofre, ó seu xeito, as variacións do prezo do cru. O sector agrícola español demandou en 1999 preto de 190.000 toneladas de plásticos, co conseguinte aumento do custo final da producción. A industria téxtil e do calzado precisou nese ano máis de 133.000 toneladas de derivados do petróleo para a fabricación de cazadoras, zapatos, e prendas de vestir. Os envases de alimentos e bebidas son anualmente o destino de case millón e medio de toneladas do plástico obtido do petróleo.

O papel da OPEP

O prezo do cru está determinado en boa medida polos países que pertencen á OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo), e establécese en función da cantidade de barrís que esta organización pon no mercado. A menos barrís (recorte de producción), maior é o prezo do petróleo e, consecuentemente, de tódolos seus derivados. Pola contra, se a OPEP decide aumenta-la súa cota de producción (porque os países productores precisan divisas ou porque o prezo sobe demasiado), o prezo do barril descende.

Pero o complicado comportamento do mercado do petróleo non lle facilita o traballo á OPEP. Unha suba forte dos prezos é beneficiosa a curto prazo para os países productores, pero a longo prazo estimula a investigación doutros campos e o desenvolvemento de modos alternativos de enerxía, co que os prezos volven baixar.

Ó mesmo tempo, unha tarifa demasiado baixa para o barril de cru implicaría reduccións nos investimentos de infraestructuras, precisos para mante-lo fluxo de petróleo no mercado mundial. Así, a demanda global seguiría aumentando pero non habería suficiente cru para cubrila, o que provocaría un novo incremento nos prezos.

As causas do alza dos prezos

Desde comezos de ano e ata o mes de xullo, o prezo do barril de Brent (mestura dos petróleos producidos no Mar do Norte, que se usa como referencia no mercado europeo) mantívose no intervalo de 24-25 dólares por barril. Sen embargo, en agosto este superou os 26 dólares por barril e no pasado mes de setembro situóuse en 28'3 dólares por barril de media. O mes de outubro comezou con 28'65 dólares por barril e finalizou con 26,35 dólares por barril.

As incertezas políticas internacionais inflúen enormemente no aumento do prezo do cru. Calquera tensión existente no mercado ante as consecuencias dunha intervención militar presiona o prezo do petróleo á alza, coma o posible ataque a Iraq dos Estados Unidos. Esta prima de guerra non reflicte temor pola perda da producción iraquí (a penas uns 2 millóns de barrís diarios), senón o medo á reacción do resto dos países árabes productores de petróleo. E, en concreto, de Arabia Saudita, que produce arredor do 30% da distribución da OPEP e é, tamén, o que presenta maior marxe para aumenta-la súa producción de petróleo e mante-lo abastecemento de cru ós países importadores. A experiencia da pasada Guerra do Golfo non serve de símil ante a situación actual.

A relación entre a oferta e a demanda mundial de cru tamén ten moito que ver co prezo do petróleo. No tocante á demanda mundial, as previsións seguen sendo de debilidade e os riscos son á baixa, trala deterioración das perspectivas de crecemento para o vindeiro ano. Agárdase un aumento da demanda mundial do 1'1%.

A importancia dos impostos

O pasado ano, a cotización media do cru do Mar do Norte Brent foi de 24'4 dólares por barril. Cada barril contén 159 litros de petróleo, polo que cada litro custou 13'71 céntimos de euro. Pero o petróleo ten que ser refinado para convertelo en combustible, e transportado ata os países nos que será consumido, o que eleva o seu custo final. A ese prezo cómpre engadirlle os impostos (IVE e Imposto Especial de Hidrocarburos). As notables diferencias de prezo dos carburantes nos diversos países explícanse polas cargas fiscais, xa que o custo da materia prima e o refino son semellantes.

En 2001 os impostos representaron case un 60% do prezo medio que se pagou no noso país pola gasolina sen chumbo, mentres que nos comunitarios eses impostos alcanzaron de media o 65,3% do prezo.

No gasóleo de automoción, os impostos representan en España o 52'4% do prezo, fronte ó 59,1% de media da Unión Europea.

Dos 80'61 céntimos de euro que custaba de media no noso país 17'7 céntimos de euro menos cá media UE, o litro de gasolina sen chumbo, 48'29 céntimos foron impostos e 32'32 céntimos o valor do litro. No caso do gasóleo, o gravame foi menor, 36'63 céntimos de euro por litro, co que o prezo medio final tamén foi inferior, 69'87 céntimos de euro por litro, 10'3 céntimos de euro menos por litro cá media da UE.

Algúns derivados e usos do petróleo

  • Gasolina motor corrente e extra: de uso común en vehículos. Gasolina de aviación: para avións con motores de combustión interna.
  • ACPM ou diesel: utilízano os camións e buses.
  • Queroseno: para estufas domésticas e equipos industriais.
  • Gas natural: combustible para uso doméstico, industrial e para xerar enerxía termoeléctrica. Na área industrial é a materia prima para o sector da petroquímica. A partir do gas natural obtense, por exemplo, o polietileno, que é a materia prima dos plásticos.
  • Gas propano ou GLP: combustible doméstico e industrial.
  • Asfaltos: para producir pavimentos e como material sellante na industria da construcción.
  • Ceras parafínicas: materia prima para fabricar velas e similares, ceras para o chan, fósforos, papel parafinado, vaselinas, etc.
  • Polietileno: materia prima para a industria do plástico en xeral.
  • Ácido nafténico: Serve para preparar sales metálicas tales como naftenatos de calcio, cobre, zinc, chumbo, cobalto, etc., que se aplican na industria de pinturas, resinas, poliéster, deterxentes, tensioactivos e funguicidas.
  • Xilenos mesturados: utilizados na industria de pinturas e de insecticidas.
  • Alquilbenceno: úsase na industria de todo tipo de deterxentes, para elaborar praguicidas, ácidos sulfónicos e na industria de curtientes.
  • Xofre: úsase na vulcanización do caucho, fabricación dalgúns tipos de aceiro e preparación de ácido sulfúrico.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto