Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Galletas con fibra: Axudan a completar un bo almorzo

Analizáronse sete galletas enriquecidas con fibra cuns prezos que diferían desde os menos de tres euros por quilo de Gullón e Marbú ata os 6,46 euros por quilo de Fibretten. As de Flora e Gerblé saen a máis de 4,5 euros por quilo. E só Fibretten é un producto dietético

  As galletas representan unha maneira eficaz de aumenta-la achega enerxética do almorzo, que en moitos fogares é deficitaria. Estas galletas con fibra, destinadas a consumidores adultos, teñen unha achega calórica elevada, unhas 450 calorías cada cen gramos, semellante á de productos de pastelería, e moi superior á do pan branco (260 calorías) ou á do de molde (270 calorías). A súa composición caracterízase por un elevado contido en hidratos de carbono (65%-80%), dos que a terceira parte son sinxelos, procedentes dos azucres engadidos. Polo tanto, os hidratos de carbono complexos, máis interesantes porque xeran un maior efecto de fartura e porque a súa velocidade de absorción é máis lenta, supoñen case a metade do contido destas galletas. que achegan entre o 7% e o 10% de proteína. Pola súa banda, as graxas representan entre un 5% e un 18% deste producto e son en tódolos casos de orixe vexetal. A composición desa graxa (relación entre a cantidade de ácidos graxos non saturados, máis saudables, e de saturados) pódese considerar saudable. En Virginias, a proporción de graxas saturadas é moi superior á das demais galletas. E Gerblé son as únicas con colesterol (385 miligramos por quilo), porque engaden ovo.

Os minerais representan o 1%-2% e abundan o ferro (pero na súa forma de menor biodispoñibilidade polo noso organismo), cinc, potasio e magnesio. Entre as vitaminas destacan B1, B2 e niacina, así como cantidades moderadas de ácido fólico e de vitaminas liposolubles A e D procedentes da graxa vexetal. .

O contido en fibra é moi variable: o máis común é que se sitúe arredor do 5 %, pero Fibretten, Gerblé e Cuétara teñen máis do 12%. A fibra xera un efecto de fartura e consegue beneficios a nivel metabólico, como regulariza-lo tránsito intestinal e controla-lo colesterol plasmático. Así e todo, non convén inxerir fibra en cantidades excesivas. .

En resumo, estas galletas completan de maneira moi conveniente o valor nutritivo do almorzo, porque subministran abundantes hidratos de carbono complexos e fibra. .

Deixando a un lado os aspectos nutricionais, soamente Flora, Gerblé e Lu cumpren a norma de etiquetaxe. Tódalas demais locen etiquetas fóra de norma. As irregularidades máis importantes afectan á información nutricional, á cuantificación dos diversos ingredientes e ás aseveracións das lendas publicitarias. .

Na cata as mellores foron Cuétara (7,1 puntos) e Flora (6,9). Nas dúas salientou o seu carácter crocante e bo sabor. As peores foron Fibretten, con 4,9 puntos (duras e pouco crocantes) e Lu (pouco sabor) con 5,3 puntos. .

A mellor relación calidade-prezo é Cuétara: achega bastante fibra (12,3%), foi a mellor na cata, e son baratas (3,02 euros/quilo). Ademais, non ten colesterol e a súa composición graxa é das máis saudables da mostra comparada. Pola súa moita fibra e a súa acertada composición nutritiva, Fibrettten é unha opción tamén interesante, a pesar do seu elevado prezo (sae 6,46 euros o quilo) e de que resultou a peor na cata.

Ingredientes

Os ingredientes básicos destas galletas con fibra son: fariña integral, azucre, graxa, leite ou derivados lácteos, sal, gasificantes, colorantes e aromas. Segundo as etiquetas, o compoñente maioritario en Gullón, Lu, Marbú, Cuétara, Flora e Virginias é a fariña e/ou fariña integral, ben de trigo ou doutros cereais, mentres que en Fibretten e Gerblé é o farelo de trigo. Gullón emprega tamén farelo, en menor cantidade. Denomínase farelo ás capas externas (casca) da semente, compostas por un 40%-50% de fibra alimentaria e con bastantes proteínas e minerais. Por iso, as galletas que empregan farelo non precisan engadir fibra. Flora non utiliza farelo e tampouco engade fibra, pero amais de fariña integral de trigo, emprega malta, o gran da cebada unha vez xerminada, que posúe un 8,7% de fibra. Lu usa fariña de malta, en pequena cantidade. Lu, Marbú, Cuétara e Virginias son as catro únicas que engaden fibra como ingrediente. .

O segundo ingrediente maioritario é o azucre, sendo Gerblé a única que emprega azucre integral de cana. Para tornar doce o producto, recorren, ademais, ó xarope de glicosa (Gullón, Lu, Marbú, Cuétara e Virginias) e/ou ó mel (Gullón, Fibretten, Gerblé e Cuétara). Fibretten, no canto de xarope de glicosa, emprega xarope invertido. .

Todas estas galletas empregan graxa de orixe vexetal. Gerblé, ademais, utiliza ovos frescos. No tocante ó leite e derivados lácteos, Fibretten, Lu e Virginias utilizan leite en po desnatado. Gullón usa leite condensado descremado mentres que Gerblé, Marbú e Virginias recorren ó soro lácteo; e Lu e Flora, ás proteínas lácteas. Outros ingredientes son o sal e os gasificantes, que proporcionan o carácter esponxoso das masas. Virginias non indica sal na súa etiqueta pero os resultados analíticos desvelan que as súas galletas conteñen sal. Os emulxentes, pola súa banda, favorecen a unión entre substancias inmiscibles mantendo homoxénea a mestura. Utilizan emulxentes (lecitinas e ésteres) Gullón, Lu, Cuétara, Flora, Fibretten e Virginias. Por outra banda, Gullón, Marbú, Cuétara e Flora empregan antioxidantes, que evitan que se oxiden as graxas e se modifique o sabor do producto. Gullón e Marbú recorren a un colorante, o caramelo, que lles proporciona a cor castaña ou torrada ás galletas. No tocante ós aromas, agás Fibretten e Cuétara, estas galletas utilizan sustancias aromatizantes.

Aspectos nutricionais e normas

A Regulamentación específica para galletas non dietéticas regula soamente dous parámetros nutricionais: a humidade, que non debe exceder do 6%, e as cinzas, que non deben supera-lo 1,5%. Ningunha mostra incumpre o relativo á humidade. Pero a metade superaron o máximo de cinzas: Flora e Virginias presentaron un 1,6% de cinzas, Lu tiña un 1,8% e Gerblé un 2,%. Malia ó seu 2,5% de cinzas, Fibretten non incumpre a norma, xa que non está suxeita á norma de galletas non dietéticas. .

Por outra banda, todas engaden sal (cloruro sódico) se ben en ningún caso a presencia deste condimento superou o 1%. Comprobouse, por outra banda, que ningunha galleta contiña sulfuroso, conservante permitido soamente ata 50 partes por millón (ppm). .

A análise microbiolóxica demostrou, para rematar, que as oito galletas se encontraban en correcto estado hixiénico-sanitario.

A graxa nestas galletas

O cociente entre ácidos graxos insaturados (mono e poliinsaturados) e saturados é un índice que informa do tipo de graxa empregada na elaboración dos alimentos. Canto maior sexa este índice máis saudable será a composición da súa graxa. En sete das oito galletas, estes índices son superiores a 1, polo que conteñen máis graxa insaturada (saudable) ca saturada. A excepción foi Virginias, cun índice 0,64, a de maior porcentaxe de graxa saturada (61%) e menor de graxa mono e poliinsaturada (30% e 9%, respectivamente). A composición graxa máis saudable atopouse en Lu, que tiña sete veces máis insaturados ca saturados. A outra que destacou positivamente (índice 4,96) foi Fibretten. .

Na elaboración engádese graxa de orixe vexetal cun perfil en ácidos graxos que depende da fonte de graxa utilizada. Así, o aceite de palma (ou doutra orixe, pero sometido a procesos de hidroxenación) proporciona máis ácidos graxos saturados ca outros aceites vexetais. .

Mediuse tamén a cantidade de ácidos graxos esenciais (a única forma de conseguilos é mediante a inxestión de alimentos) que leva cada galleta. Os dous ácidos graxos esenciais, ámbolos dous insaturados e beneficiosos para a nosa saúde, son o linoleico e linolénico. Fibretten é a galleta con maior cantidade nestes dous ácidos graxos. Das 8 mostras, soamente Gerblé presentou colesterol (385 miligramos cada quilo), debido ós ovos frescos que emprega.

A voltas coa fibra

O que máis caracteriza a este producto é o seu contido en fibra alimentaria. A galleta con máis fibra foi Fibretten, que achega 19,6 gramos de fibra por cada cen gramos de producto. Do resto, salienta Gerblé, con case o 17% de fibra, seguido por Cuétara co 12,3%. A menor cantidade anotouse nas galletas Lu (4,4% de fibra) e Marbú (4,6%). A fibra alimentaria defínese como o total de polisacáridos vexetais (celulosa, lignina, hemicelulosa, etc.) resistentes ós encimas dixestivos e que non son dixeridos polo noso aparello dixestivo. A fibra alimentaria pode ser soluble e insoluble. A soluble é fermentada polas bacterias, mentres que a insoluble non pode ser dixerida por elas. A cantidade diaria de fibra recomendada para unha persoa adulta é de 20 a 40 gramos por día. A fibra atópase, principalmente, nos cereais e nos seus derivados (fibra insoluble), froitos secos (soluble e insoluble), froitas e verduras (soluble) e algas (fibra soluble de moi boa calidade). O consumo habitual de fibra causa diversos efectos beneficiosos no organismo humano, chegando a previr ou mesmo a sandar certas enfermidades, entre elas as cardiovasculares debidas a hipercolesterolemia: a fibra absorbe graxas, entre as que se atopa o colesterol, que se expulsan coas feces. Combate tamén o estrinximento. Ademais, a fibra absorbe gran cantidade de auga, co que aumenta o volume das feces e desencadea o reflexo que nos impulsa a defecar. Outros efectos saudables da fibra: axuda a previ-lo cancro de colon, a apendicite, a diverticulose de colon, as hemorroides e a obesidade (porque a fibra non proporciona calorías e posúe efecto farturento. Ó non ser dixerida polas bacterias, permanece máis tempo no estómago estimulando así a sensación de saciedade). Ademais, prevén a caries, porque un alimento rico en fibra necesita ser mastigado durante máis tempo, polo que a segregación de saliva é maior. A pesar destes efectos beneficiosos, non convén inxerir fibra en grandes cantidades, porque acomplexa a certos minerais e interfire na absorción de nutrientes como graxas e vitaminas liposolubles.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto