Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Saúde

Λ

Tabaquismo feminino: As mulleres novas fuman máis cós homes

En Europa duplicouse a mortalidade por cancro de pulmón na muller, e nos Estados Unidos morren xa máis mulleres por cancro de pulmón ca polo de mama

 

Ata os anos 50, cando se comezou a investigar sobre os efectos do consumo de tabaco na saúde, fumar considerábase un hábito banal, un estilo de vida. Pero os estudios realizados xa daquela polos investigadores Doll e Hill puxeron de manifesto que o tabaco prexudica a calquera persoa independentemente da súa idade, sexo, raza, nivel social e tipo de tabaco consumido, e que a súa asociación con mortes por cancro de distintas localizacións, así como con outras enfermidades respiratorias e cardiovasculares, era clara e precisa.

Así e todo, malia ó coñecemento de todo isto e das intensas campañas contra o tabaquismo, segue provocando estragos na saúde pública en todo o mundo. En España o 36% da poboación adulta consome tabaco de modo habitual -algo máis de 14 millóns de habitantes- e 56.000 mortes ó ano pódense atribuír a este hábito. Na última década incrementouse a mortalidade provocada polo tabaco, malia a que no conxunto do noso país a porcentaxe de fumadores diminuíu do 38% ó 36% entre 1987 e 1997. Esta aparente contradicción explícase porque practicamente se duplicou a porcentaxe de mulleres fumadoras nunha década -pasamos do 8% de fumadoras en 1987, ó 15% en 1997- e aumentou notablemente a mortalidade provocada polo tabaco entre as mulleres. Pero, sen dúbida ningunha, o dato rechamante e preocupante é a alta porcentaxe de mozas de entre 15 anos e 18 anos que fuma a miúdo: o 31%, fronte ó 23% de rapaces da mesma idade.

Fumadoras adolescentes, enfermas adultas

Unha elevada cifra de adolescentes fumadoras resulta preocupante por todo o que comporta esta idade: trátase dunha etapa moi marcada polos cambios no estilo de vida e no comportamento, un período no que se consolida a personalidade. Os hábitos de vida adquiridos nesta etapa mantéñense, polo xeral, na vida adulta, e son moi difíciles de modificar unha vez establecidos.

Amais de causa-las mesmas enfermidades ca no home -cancro de pulmón, de larinxe e doutras partes do corpo, enfermidade coronarias e respiratorias-, o tabaquismo adianta a menopausa e aumenta o risco de osteoporose e de fracturas de óso. Ademais, resulta desaconsellable durante o embarazo por tódolos problemas de saúde que pode provocar no feto.

Outro dato preocupante relacionado co tabaquismo feminino: o risco de enfermidade coronaria increméntase se unha muller que toma anticonceptivos fuma, pero aumenta especialmente o risco de tromboembolismo pulmonar, que é de 20 a 40 veces superior entre as fumadoras.

O futuro do tabaquismo feminino non é nada alentador e aínda que polo de agora non transcorreu tempo abondo para que aparezan na saúde da muller tódalas nefastas consecuencias do consumo de tabaco, nos países industrializados xa se albiscan os primeiros efectos: en Europa a mortalidade por cancro de pulmón na muller duplicouse, pasando de 18.822 mortes en 1973 a 36.772 víctimas desta enfermidade en 1992 e nos Estados Unidos morren xa máis mulleres por cancro de pulmón ca polo de mama.

O rol da muller na prevención

Os resultados acadados na loita contra o tabaquismo son notorios, pero aínda insuficientes, especialmente nas idades máis críticas da vida, infancia e adolescencia, e sobre todo entre as mulleres. Os programas desenvolvidos para dar a coñece-lo pernicioso deste hábito tiveron un éxito máis ben limitado nas escolas. Algúns expertos achacan estes frouxos resultados á franxa de idade elixida para eses programas de concienciación, nenos e adolescentes de 11 a 18 anos, e afirman que probablemente a esas idades xa se puido establecer certa receptividade ante o tabaco e a experimentación con cigarros. Por iso propoñen ensinarlles ós nenos uns hábitos de vida saudables, e é aí onde o papel da muller resulta clave, debido ó seu rol na sociedade actual. A muller é a protagonista no núcleo familiar e o seu papel de axente de saúde e educadora pódese empregar para conciencia-los máis cativos. Se eles ven fuma-la nai, dificilmente crerán que se trata dun hábito nocivo por moito que ela mesma llelo asegure.

O poder da publicidade

Diversos factores sociais inflúen no consumo do tabaco. Aínda que é unha droga dura, resulta doado dispor dela debido a que fumar é un hábito socialmente aceptado. Non podemos deixar de cita-la presión da publicidade, que xogou un papel decisivo para o inicio e mantemento deste hábito nas mulleres. Ó primeiro explotouse a idea da equiparación co home, despois o medo a engordar se se deixaba de fumar. A modificación sufrida polo rol da muller na sociedade é tamén determinante no mantemento do hábito. A súa incorporación ó mundo laboral, asumindo á vez a maioría das tarefas domésticas, xera nas mulleres un exceso de presión e tensión: a imaxe do cigarro relaxante despois dunha xeira esgotadora tamén foi explotada polas tabaqueiras. O concepto do light tamén foi utilizado ata a saciedade polas tabaqueiras. O consumo de cigarros light é elevado entre as mulleres baixo a crenza de que non danan a saúde tanto coma os normais e de que son menos prexudiciais, polo que coidan que é menos necesario deixar de fumalos. Estas ideas equivocadas contribuíron a fideliza-lo seu consumo e a obstaculiza-lo abandono do tabaco.

Sobre os tratamentos para deixar de fumar...

  • Acupuntura, paramenciñas, maxia, hipnose, psicanálise, psicoterapia individual e de grupo, etc... foron probados para deixar de fumar. Pero ningún método conseguiu axunta-las dúas condicións que o farían ideal: ser axeitado a tódolos fumadores e convertelos en ex fumadores perpetuos.
  • A dificultade radica en que non tódolos fumadores son iguais. A dependencia nicotínica e psicolóxica, a cantidade consumida, o grao de compracencia co hábito e a vontade para deixa-lo tabaco, por citarmos algunhas, son distintos en cada fumador e fan que o método de deshabituamento haxa que adecualo ó perfil de cada un.
  • O medo a engordar, máis presente nas mulleres, motiva que a metade das que intentan deixa-lo tabaco fracasen, polo que se torna fundamental que unha terapia para abandonar este hábito introduza estratexias dietéticas e de control de peso.
  • Actualmente hai dous piares fundamentais no tratamento para deixar de fumar, especialmente indicados para fumadores con gran dependencia do tabaco: o apoio psicolóxico e o complemento farmacolóxico (nicotina, bupropion...). Hai unha clara relación entre a intensidade do apoio psicolóxico (frecuencia das sesións, duración, convicción...) e a súa eficacia, que aumenta co tratamento farmacolóxico, nos casos que o precisen. Tamén se observou que hai máis probabilidades de éxito en tratamentos con apoio social, o que se consegue co traballo en grupo. A dinámica do mesmo proporciona respaldo emocional, permite coñecer experiencias de persoas nunha situación semellante e ofrece solucións prácticas.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto