Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A ampla aceptación da mensaxería instantánea entre grupos de amigos cala tamén no ámbito laboral
Utilizar un programa de mensaxería instantánea equipara acende-lo ordenador con baixar ó bar onde se xuntan os amigos. A diferencia das conversas textuais convencionais, os programas de mensaxería non están deseñados para falar con descoñecidos, senón para se reunir con familiares, amigos ou compañeiros de traballo. A grandes trazos, estas aplicacións son chats onde só é posible conversar con xente que nos permitira expresamente facelo (ou con persoas ás que llo permitiramos nós).
O seu funcionamento é moi sinxelo: o usuario instala no seu equipo un pequeno programa no que inclúe o nome dos amigos que conten co mesmo sistema, é dicir, engade á súa lista de "colegas" ós compañeiros que tamén estean dados de alta no mesmo servicio. A partir daquela, unha alarma indicaralle cando unha desas persoas se conecta a Internet. Entón poderá saudala e dialogar con ela coma se se tratase dun chat convencional. ¿E se esa persoa non quere que a molesten porque está moi atafegada? Ten dúas opcións, cambia-lo seu estado de "dispoñible" a "ocupado", ou, a máis expeditiva: entrar de xeito invisible. Así, ningunha das súas amizades verá nin sequera que se conectou a Internet.
Os programas de mensaxería son variados e, o que é peor, incompatibles entre si. Os usuarios dun non poden falar cos doutro, o que obriga os internautas a empregaren non o mellor, senón o máis estendido entre os seus coñecidos ou a manter varios permanentemente abertos. Os grandes portais (AOL, MSN, Yahoo...) teñen cadanseu programa de mensaxería, que usan para fideliza-los internautas con servicios engadidos ós propios deste sistema. Isto motivou que a liña entre chat e mensaxería (tan clara nun principio) cada vez estea máis difusa, xa que aplicacións como MSN Messenger permiten acceder a salas de chat nas que atopar xente nova, aínda que non é aí onde mellor se desenvolven estas aplicacións.
De ser unha ferramenta propia de adolescentes, estes programas pasaron a ser unha valiosa ferramenta de traballo. A mensaxería instantánea é unha desas tecnoloxías que os empresarios temen case tanto como adoran. Ben utilizada sitúase a medio camiño entre o teléfono e o correo electrónico, proporcionando o mellor de ámbolos sistemas: é aínda máis inmediato có teléfono sen por iso obriga-la outra persoa a abandonar de súpeto as súas tarefas. Funciona como un medio de comunicación áxil e pouco custoso para unir equipos de traballo distantes. Por outra banda, córrese o perigo de te-los empregados entretidos durante horas con familiares e amigos.
Os programas de mensaxería pouco teñen xa que ver cos que comezaron a se popularizar hai cinco anos. Hoxe, amais de permiti-las ben coñecidas idas e vidas de notas textuais, incorporan opcións para enviar e recibir arquivos, coñece-la previsión meteorolóxica, le-los titulares do día ou enviarlle un sonoro bico ó interlocutor.
Pero onde máis se esforzan en avanzar estes programas é nas súas posibilidades multimedia. A maioría deles permiten falar con calquera compañeiro a través do micrófono e escoitar polos altofalantes do ordenador como se se tratase dun teléfono. ¿O prezo? O mesmo cá propia conexión, aínda que a chamada sexa a Nova Zelandia. ¿O inconveniente? Que ninguén agarde unha calidade semellante á do teléfono, xa que a miúdo hai retardos desesperantes que fan imposible a conexión. O mesmo acontece co uso de cámaras de vídeo (webcams), xa que a imaxe moitas veces chega a saltos varios segundos despois de ser captada.
Non é difícil imaxinar un futuro próximo no que os programas de mensaxería instantánea saian do computador de sobremesa e se incorporen a ordenadores de man (PDAs), teléfonos móbiles ou radios de coche conectados permanentemente a Internet. Deste xeito, será posible coñecer en todo momento quén anda aí, e deixar recados dixitais a quen desexemos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI