Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Chus Gutiérrez, directora de cine: "No tema da inmigración quixémos borra-lo noso pasado pero non podemos ignora-lo futuro"

 

"Eu mesma son unha emigrante. Comecei a miña vida emigrando. Ós 8 anos, trasladeime coa miña familia de Granada a Madrid. A miña nai, unha muller moi loitadora, sempre nos quixo dar ás para podermos voar. Niso se baseou a miña educación. Ós 17 anos, viaxei a Londres para aprender inglés. Tocoume vivir unha época na que a mocidade tiña moitas inquietudes. Franco acababa de morrer, e España estaba cambiando. Volvín de Inglaterra e a casualidade conduciume a traballar en imaxe e son. Decido que quero aprender cine. Marcho a Nova York. Pertencín ás Chochonis, un grupo que facía flamenco rap, que agora está tan de moda. Volvín. Comecei a traballar con Joaquín Jordá, o autor dun documental moi impactante: Monos como Becky. Dirixín a miña primeira longametraxe Sublet. Despois chegaron Sexo Oral, Alma Xitana e Insomnio, e agora Poñente".

É Chus Gutiérrez quen nos achega a súa vida e a súa maneira de entendela. Esta directora de cine ("non poñas a xove directora de cine, non son nova nin promesa. Non comparto esa insistencia social en considera-la xuventude como un mérito e a madurez como un demérito"), participa con gusto no que comeza como unha entrevista e se converte en amigable conversa no café máis literario de Madrid. Gústalle falar, escudriñar no seu pensamento e exporllo ó seu interlocutor, a quen se dirixe desde unha ollada transparente, racial e cativadora.

Firmemente aferrada a unha idea humanista do mundo, ó que non recoñece máis fronteiras cás mentais, en Poñente, a súa última película, única e aplaudida representación española no Festival de Venecia, leva o espectador da man a un lugar tan insólito coma cargado de actualidade e simboloxía: o interior dos invernadoiros que en terras andaluzas son traballados por milleiros de inmigrantes que buscan un futuro máis humano e confortable có que a pobreza endémica do seu país lles permite.

"Un drama romántico nun contexto social", así definía a súa película nun chat con afeccionados ó cine. O marco en que se moven os personaxes é, en verdade, dramaticamente realista e está tinguido dun forte contido reivindicativo, pero ¿sempre é o amor o que máis nos conmove, interesa e apaixona?

O desarraigo dos personaxes, que teñen medo a amaren, serve de catalizador para o resto das accións. Se a xente deixase o medo a unha banda e quixese mirarse ós ollos, comprendería que dalgún xeito é tamén o outro. Trátase de entender que o rostro alleo é un espello do noso, así se cadra perderiámo-lo medo. Tódalas persoas que chegan ó noso país como inmigrantes funcionan coma un reflexo de nós mesmos. Se tivesémo-la capacidade, a fortaleza ou o propósito de mirarnos nos seus ollos, descubririamos que nós somos coma eles e eles coma nós. Temos un problema, e é que renunciamos á memoria histórica. Ata hai pouco, moi pouco tempo, eramos un país bastante miserento. Se o queremos lembrar podémonos atopar cos demais. Pero, para iso, para poder ollar, precisas amar e deixar a unha banda o medo.

O problema ten unha dimensión universal. O que acontece na Illa, o lugar no que se desenvolve a miña película, pode acontecer en calquera cidade, vila ou barrio dunha metrópole europea. O conflicto orixínase no medo á diferencia e, insisto, na perda de memoria: os que foron emigrantes esquecérono. Que se rodase en Almería, algo que por certo non define a trama senón que só a contextualiza, simboliza un feito: aquela terra quedou despoboada, o deserto xa non era só físico e ó se tratar dunha terra infértil os seus habitantes abandonárona. Agora, a xenerosidade desa terra é artificial, atópase baixo os plásticos e segue sen regalarlle vida ó lugar. Mantén a súa aridez pero agora ofrece riqueza, e faino dun xeito caótico e rápido. Esta transformación fai lembra-lo Oeste americano, pero sen a concepción da terra das oportunidades. É moi irónico que se pasase de lugar de emigración a destino de inmigración, pero o triste é que nos resistimos a entendelo así.

¿Por que as salas españolas proxectan tan pouco cine europeo?

Non temos un hábito de acudir a este tipo de cine. Vemos pouco cine británico, pouquísimo italiano e practicamente nada de cine alemán. En definitiva, non vemos cine europeo. O cine francés é o que mellor se introduce nas salas pero é debido ó propio concepto galo desta industria, que o fai se-lo máis potente de Europa, están moi ben organizados e contan cunha política cinematográfica que apoia os seus proxectos. Pero non podemos perder de vista que o cine que se distribúe nas salas comerciais é un negocio que debe ser rendible.

¿Non hai iniciativas das institucións para promociona-la distribución do cine comunitario dentro da Unión Europea e achegalo así á rendibilidade?

Non. Cometeuse o erro de anula-la cota de pantalla, unha medida que puido ser atinada ou non, eficaz ou non, pero que cando menos evidenciaba unha vontade positiva. O feito é que o cine europeo, e con el o español, compiten contra un Titánic, é dicir, a industria estadounidense, a segunda dese país. O desequilibrio é evidente. Non se trata só de dirixir, interpretar e montar un espléndido guión, a final de contas, de crear; estamos falando de estratexias de mercado, de plans industrializados, de política de distribución dun magnate. Por exemplo, unha sala proxecta unha película que fai boa recadación, comercial, na que o orzamento de promoción supera ou equipara ó de producción, e ten a obriga de proxectar dúas ou tres películas máis da mesma productora ou distribuidora. Películas que non interesan a ninguén, pero que ocupan as salas.

E que a miúdo reciben o apoio maioritario do público...

Á marxe de que gusten ou non e da promoción, os medios de comunicación teñen moita influencia. Poñente era a única película española a concurso no Festival de Venecia. Cando os organizadores remitiron a lista de selección, houbo medios que titularon "ningunha película española a concurso". Houbo que convence-la prensa de que nós estabamos aí. Estivemos en Venecia, a proxección foi emocionante e o público acolleuna con entusiasmo. Isto non se publicou na maioría dos nosos medios de comunicación, e cando se fixo foi nunha pequena columna. Esa mesma semana, as edicións abriron cunha foto de Harrison Ford no festival de Venecia.

O cine é un xoguete demasiado custoso como para limitarse a entreter, aseguraba Fernando León (Os luns ó sol, Barrio, Familia). ¿Comparte a súa opinión de que o cine vinculado á realidade, que fai pensar e reflexionar, pode resultar tan entretido para o espectador coma o cine de evasión máis banal?

Todo o cine aspira a servir ó espectador, a agradarlle, entretendo ou propoñendo reflexións, empatizando cos seus valores e experiencias vitais, ou provocándolle gargalladas ou medo. Para iso, sexa cal sexa o seu propósito, utiliza unha linguaxe que ten que ser cativadora. O importante é que se trate de bo cine, e unido a iso estase logrando supera-la idea de que o cine comprometido é aburrido. Pero os creadores non somos políticos. Coincidimos con eles ás veces, compartindo temas que tomamos da sociedade, pero nós non aspiramos a darlles solución. Podemos propor respostas emocionais que son ficticias: de feito, o cine é ficción, aínda que isto non lle quita nin un chisco de compromiso, xa que tomamos partido e xulgamos desde o noso punto de vista. Pero non imos máis alá. O cine é entretemento, iso non debemos esquecelo.

Con películas coma a súa parece rexurdir ese tipo de cine popular que, sen alardes intelectuais ou ensimesmamentos artísticos só aptos para elites culturais, pretende emocionar e entreter sen esquecer que as cousas acontecen nun contexto cheo de problemas, discriminación, inxustizas...

Desde hai anos a oferta do cine español é moi ampla. Realízanse comedias, cine de evasión, dramas e cine de acción. Os directores e directoras teñen ideas, capacidade e profesionalidade. E, ás veces, os proxectos funcionan tamén en recadación. De calquera xeito, o espectador non se inclina polo cine popular, prefire o cine espectáculo. Isto non é criticable en si mesmo, cómpre sermos conscientes de que a xente non quere ver realidades que lle lembren a parte gris da vida. Así e todo, a linguaxe cinematográfica ten tal maxia que ás veces, películas que non se limitan a seren un producto de consumo divertido ou entretido, acaban atopándose co gran público.

¿Quedan aínda productores dispostos a arriscaren os seus cartos en películas tan incómodas, alternativas e realistas coma Poñente, ou algunhas das súas anteriores obras, como Sexo Oral?

No caso de Sexo oral, si: producina eu mesma. Pero é moi difícil atopar productores que se arrisquen. Poñente estivo a piques de non se realizar, e se se fixo foi gracias a unha persoa que quixo apostar por ela. Á industria non lle interesan estes productos -ata que se demostra que funcionan, que tamén acontece- porque obrigan o espectador a un grao de compromiso e a unha toma de partido, e iso convérteos en incómodos.

O amor, a débeda co pasado, o desarraigo persoal e o conflicto coa propia identidade marcan a súa última película.

Cando se di que a xente viaxa moito, eu quixera saber cómo o fan: ¿limítanse a baixar do autobús e facer unha foto diante do monumento? O que está acontecendo en España é unha expresión mínima da multiculturalidade. París, Londres ou Amsterdam son exemplos de cómo conviven xentes de tódalas latitudes ou polo menos inténtase que así sexa. E é que, aínda que pareza que quixemos borra-lo noso pasado, non podemos ignora-lo futuro. As vindeiras xeracións non van ter problema en cambiar Murcia por Manchester, se alí lles ofrecen un bo traballo ou teñen un compromiso persoal, pero non desde o punto de vista de emigrar, senón de obvia-las fronteiras, as liñas dos mapas. Se bastan sete horas para cambiar de continente, e un segundo para realizar unha incursión en Internet e abrirse ó mundo...

A emigración nunca foi fácil.

O primeiro que lle hai que recoñecer ó individuo é a súa dignidade. A inmigración retíralla, e iso créalle frustración a quen o padece. Despois está a identidade cultural, porque se ben é certo que o mundo está cada vez máis polarizado, non son razóns antropolóxicas, senón cuestións económicas as que marcan diferencias. Non importa tanto a diferencia de lingua, faccións ou costumes. O medo prodúcese porque é preciso reparti-la torta entre máis, e prendeu un sentimento de posesión que nos leva a protexe-lo cacho que se supón que nos corresponde.

"O traballo na televisión é moi estresante e carece da poesía que me gusta pór no meu traballo, prefiro o cine". Son palabras súas. ¿Considera incompatible a poesía e a linguaxe televisiva, ou é simplemente que a tele se rendeu definitivamente á presión dos índices de audiencia?

A televisión ten un poder de convocatoria inmenso. Nun só capítulo de Elas son así, a teleserie que dirixín, a audiencia alcanzaba os catro millóns de espectadores, e aínda que case ningunha película chega a eses niveis, sen dúbida prefiro o cine. A dirección deste tipo de productos excita os primeiros días ou en momentos moi concretos, dache a oportunidade de rodar con catro cámaras, pero a medida que pasan os capítulos a túa creatividade vese reducida, non é enriquecedora, é un xeito de traballar moi mecánico. De calquera xeito, aínda que non adoito ve-la tele, recoñezo que ás veces logra ofrecer productos de calidade. Cuéntame é sen dúbida un exemplo. Foi un proxecto arriscado, custou pólo en marcha e triunfou. Demostra que as cousas que supoñen risco tamén funcionan.

Resulta interesante a promoción de Poñente, realizada a través de Internet, onde se sucederon encontros da directora, productores e actores da película co público.

Internet ofrece información de maneira doada e posibilita o intercambio de ideas. A frescura, a inmediatez e a naturalidade caracterizan estes encontros con persoas que queren manifestar un parecer, ou simplemente conversar. E é un gusto, porque xa case non se fala, podemos pasar toda unha comida con amigos contándonos trivialidades, sen espertármo-lo interese nos demais, só enchendo o tempo. Gústame Internet: malia á frialdade do ordenador, conséguese calideza nos encontros. É paradoxal, pero esta máquina e este sistema humanizan, moitas veces, máis ca un encontro persoal.

As súas palabras semellan contradici-los prognósticos de que as máquinas nos ían deshumanizar. Equivocaron o futuro. ¿Pódenos adiantar sobre que versarán os seus futuros traballos?

O meu próximo proxecto é unha película de ciencia ficción, encántame este xénero. Permíteche fantasiar sobre o futuro e resulta apaixonante responder preguntas que nin sequera están formuladas.

Unha proposta moi arredada non só do intimismo que caracteriza as súas anteriores películas, senón tamén das produccións españolas máis habituais.

Estamos superando os complexos. Podemos facer unha película bélica como Guerreiros de Calparsoro, e tamén ciencia ficción. Eu vouno intentar.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto