Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Economía Doméstica

Λ

Obras no cuarto de baño: A reforma total anda arredor dos 6.000 euros

 

O cuarto de baño é, probablemente, a estancia do fogar menos sometida a reformas, malia ó continuo uso que se fai del. De feito, aínda que o seguro de responsabilidade civil de constructores e arquitectos se prolonga durante 10 anos -que é o que se prevé que pode durar con certas garantías unha instalación-, estímase que a fontanería se mantén en óptimas condicións unha media de 25 anos a 30 anos, ou mesmo máis. Pero razóns estéticas ou o cambio de propietario adiantan en ocasións as reformas, que nas vivendas máis vellas se aproveitan para substituí-los tubos antigos, normalmente de chumbo -material nocivo para a saúde e moi sensible ás presións da auga- por outros de cobre.

Non sempre se require unha modificación completa do baño, un simple cambio de sanitarios e de armarios pode ser abondo. Pero cando a reforma é completa, a obra resulta cara, pois precisa o traballo de varios gremios: fontaneiro, electricista, escaiolista e pintor. Os sanitarios non son baratos, xa que se deseñan para que resistan o paso do tempo e do uso, polo que a calidade é sempre alta. Polo tanto, ó solicitar un orzamento de obra de reforma completa que inclúa cambio de cerámica, sanitarios, tubos, e por conseguinte, pintura e acabado, non debe abraiarnos que a cifra total se achegue na súa máis modesta expresión ós 6.000 euros.

Reforma parcial

Ó pensarmos nunha obra no baño, cómpre reflexionarmos detidamente sobre as necesidades reais de cambio. Un anovamento de mobiliario, de todos ou algúns sanitarios e das billas pode se-la solución cando os tubos e paredes están en bo estado. O baño quedará coma novo e amais de se realizar en poucos días, alterará menos a rutina familiar, provocará menos po e resultará máis económico.

Se falamos de prezos a grandes trazos, o lavabo, bidé e inodoro de primeira calidade pero de gama sinxela custan arredor dos 600 euros como mínimo, aínda que o prezo por riba pono cada un porque a oferta é moi ampla. Un claro exemplo disto é a bañeira. Pódense atopar desde os 300 euros, pero hainas que inclúen masaxes, chorros de xabón ou auga e mesmo radio, reproductor de CD e teléfono, e o seu prezo supera os 1.800 euros. No tocante ás billas, convén investir nelas, xa que se trata do elemento máis empregado e exposto a avarías. Hai billas moi resistentes desde 70 euros.

Obra completa

Definido e aceptado o orzamento, no que se contabilizan as horas de traballo de cada un dos gremios, hai que estimar que as obras se prolongarán unha semana e que durante unhas horas o inodoro estará inutilizado. Trabállase sobre plano e decídense os materiais que se colocarán. O metro cadrado por azulexos custa non menos de 15 euros, pero é sen dúbida o elemento que máis define a decoración do baño e as alternativas son tan amplas que no mercado, fóra de extravagancias, os catálogos inclúen cerámica ata 120 euros por metro cadrado. E é que se pode modifica-la distribución íntegra da estancia, xa que se organizan de novo os tubos, pero convén ter presente onde están situadas os baixantes, é dicir, os canos xerais da casa. Non é impedimento afastarse deles, ó fin e o cabo os cuartos de baño polo xeral non superan os 8 metros cadrados, pero embelecer calquera tubo engadiralle euros á factura. En casas con dous cuartos de baño ou máis convén estima-la posibilidade de realiza-la obra á vez en todos, xa que o traballo dos gremios sairá máis económico, aínda que o custo dos materiais se duplique.

Orde dos gremios

O primeiro en entrar é o albanel, encargado de pica-lo azulexo e de prepara-lo chan e paredes. Despois toman as rendas o electricista e o fontaneiro. Se hai cambios de distribución de última hora, é preferible notificárllelo a estes dous profesionais antes de que comecen o seu labor, pois se non, aínda que despois se poderán cambia-los puntos de luz e a posición dos tubos (hai tempo ata que o albanel coloque os azulexos), o custo pode subir, pois os gremios traballan por horas. Así que antes de comeza-la reforma convén ter unha idea moi clara sobre a posición do mobiliario, dos enchufes e interruptores e dos saneamentos.

Por razóns de seguridade, os enchufes deben quedar a unha distancia mínima dun metro de calquera saída de auga. No tocante ós tubos, na maioría das casas a auga ábrese ou péchase de maneira individual, e polo tanto, ó se tratar dunha obra de elementos particulares, non é preciso informa-la comunidade da obra. Así e todo, se o fontaneiro estima algún risco, especialmente en casas vellas, convén ter controlada a chave xeral do edificio. Preparada a estancia, o albanel azulexa as paredes e o chan e, para rematar, chega o momento da instalación dos sanitarios e das billas. O mobiliario, se se opta por seleccionalo á medida, demórase decote máis dun mes na entrega.

¿Baño ou ducha?

Un recente estudio sobre hábitos sociais concluía que o 92% dos españois prefiren ducharse que tomar un baño. Non é estraño, xa que logo, que cada vez sexa máis habitual instalar pratos e non bañeiras. Ofrecen algunhas vantaxes: as duchas ocupan menos espacio, resulta máis doado acceder a elas (fundamental para persoas con mobilidade reducida) e ocorren menos accidentes domésticos nelas. O factor ambiental tamén conta: se se realiza un bo uso da ducha, é dicir, se non pasamos baixo a auga máis có tempo estrictamente necesario, lógrase un grande aforro respecto á bañeira. Debido á súa popularización, nos últimos anos as duchas espertaron maior interese nos departamentos de I+D das industrias de baño, co que a oferta é altamente atraente.

Chans e pintura

É fundamental que o chan sexa antiescorregante e non conductor. Tradicionalmente optábase pola cerámica, aínda que cada vez máis úsanse outros materiais, coma a cortiza, que ten unha vida longa e compatible coa humidade. No tocante á pintura, débese prescindir da plástica nas paredes dun baño, xa que non atura a humidade e se deteriora en pouco tempo. É preferible decidirse polo esmalte e o estucado. Aínda que estea presente nos teitos, na escaiola e mesmo nalgunha parede do baño, a pintura nunca resiste coma un azulexo, por iso se torna imprescindible revestir con eles as zonas en contacto constante e directo coa auga.

Darlle un bo uso á auga

Entre a metade e dous tercios da auga que se utiliza nunha casa gástase no aseo, o baño e a ducha. Ademais, o 15% da enerxía consumida no fogar utilízase para quenta-la auga. O uso de tecnoloxías como mecanismos de evacuación da auga do retrete de volume reducido e dispositivos de aforro de auga nas billas poden reduci-lo consumo de auga á metade para estas necesidades. Sen embargo, estes dispositivos non se utilizan de maneira xeneralizada. Os estudios promotores do control do gasto anuncian que a reducción de só o 10% do noso consumo de auga para estes usos, suporía crear un embalse de auga aforrada de 100 hectómetros cúbicos. E isto pódese acadar simplemente reducindo en menos dun minuto o tempo que deixamos corre-la auga na ducha.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto