Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Transxénicos nos alimentos: A presencia é ínfima e débese a unha contaminación dificilmente evitable

Analizáronse 107 alimentos elaborados, coa finalidade de identifica-los que contiñan organismos modificados xeneticamente (OXM) ou os seus derivados, e, de se-lo caso, cuantifica-la proporción en que se atopaba ese contido transxénico. Comprobouse tamén se os productos que contiñan material transxénico cumprían a norma de etiquetaxe.

 

Aínda que se coñece unha gran variedade de organismos modificados xeneticamente (OXM), os máis significativos entre nós son tres correspondentes ó millo (Bt-176, Bt-11 e Mon-810) e un á soia (RR-soia). A análise estudiou estes OXM, os catro autorizados na UE, se ben para productos destinados á alimentación humana só se admiten dous: o RR-soia e o Bt-176. Incluíronse o Bt-11 e Mon-810 porque son os máis cultivados en Europa.

Un organismo modificado xeneticamente (OXM) obtense ó introducir un fragmento de ADN dunha especie no ADN doutra. Deste xeito obtense o mesmo organismo principal pero coa información engadida doutra especie. Para que a UE admita un OXM para o seu uso no campo da alimentación ten que cumprir uns protocolos e superar uns controis de seguridade moi estrictos.

Estes 107 productos non se elixiron ó chou, senón porque -ó incluíren entre os seus ingredientes millo ou soia, ou algúns dos seus derivados- figuran entre os máis susceptibles de conteren transxénicos. Os datos que proporciona a análise son, polo tanto, representativos da penetración dos transxénicos no mercado de alimentación. No tocante á metodoloxía seguida na análise (PCR: reacción en cadea da polimerasa), baseada nos últimos avances rexistrados na tecnoloxía para detección de OXM, a técnica cualitativa (que detecta presencia ou ausencia de OXM) é a que está validada a nivel europeo, mentres que a técnica cuantitativa (que determina, a xeito de porcentaxe, a cantidade de OXM respecto do total do millo ou soia que contén) é a utilizada e avalada polo CSIC, organismo de referencia a nivel español. Ámbalas dúas son as máis comúns e mellor aceptadas pola comunidade científica. Polo tanto, son as técnicas que ofrecen os resultados máis fiables.

A principal conclusión da análise é que en só dous productos (é dicir, menos do 2% dos estudiados) se comprobou presencia de transxénicos, en ámbolos casos de millo, e cunha presencia ínfima, vinte veces inferior ó 1% do seu contido en millo, proporción a partir da cal a normativa comunitaria obriga a que o producto informe na súa etiqueta que contén OXM. Estes dous productos presentaban o que tecnicamente se coñece como "contaminación cruzada ou accidental", moi difícil de impedir polos fabricantes. E é que é case imposible, a data de hoxe, garanti-la ausencia absoluta e estandarizada de transxénicos nos alimentos. Son dúas as razóns fundamentais: unha, que existen cultivos de plantas transxénicas en moitos países, o que propicia os diversos modos de contaminación, e dúas, que asegurar esta ausencia total e constante de OXM suporía para os fabricantes un complexo e moi custoso seguimento de cada producto desde a súa orixe ata a súa posta á venda, que ademais tería que demostra-la súa eficiencia real na práctica.

Por outra banda, os dous productos con trazas de transxénicos cumprían a norma de etiquetaxe, xa que non están obrigados a se identificaren como transxénicos ó non superaren os OXM o 1% do seu contido de millo ou soia.

O porqué da contaminación cruzada

No cultivo pódense da-las contaminacións cruzadas tanto na sementeira coma na colleita, que se realizan cunha maquinaria que cómpre limpar a conciencia cando se pasa do labor con plantas modificadas xeneticamente ó de plantas non modificadas. Outra posibilidade de contaminación é a polinización, que se produce tanto mediante insectos coma a través do propio aire. O único xeito de reduci-la posibilidade de que aconteza esta polinización cruzada entre cultivos transxénicos e non transxénicos é empregar illamentos físicos ou biolóxicos: é recomendable, por exemplo, que entre cultivos que usan OXM e os que non os utilizan exista unha distancia superior ós 200-400 metros e, por outra banda, que se respecte un período de máis de 4 días de diferencia de floración entre ámbolos dous tipos de cultivo.

Ademais, a contaminación de OXM pódese producir no transporte da materia prima ata a fábrica. O desprazamento das sementes realízase decote en grandes depósitos, que cómpre limpar minuciosamente entre carga e carga (pensemos nos contedores de barcos de gran tonelaxe) para que non se produzan contaminacións entre as sementes con OXM e as carentes deles. Para rematar, tamén se pode propiciar involuntariamente esa contaminación no procesamento dos productos. Algunhas empresas elaboran alimentos tanto con materias primas con OXM coma sen eles, empregando diferentes materias primas pero a mesma maquinaria. Para evita-lo contacto entre materias primas con OXM e sen OXM, cómpre limpar coidadosamente esas máquinas, prestándolles especial atención ós tubos e ocos difíciles.

Volvendo ós resultados...

Os dous positivos de transxénicos detectados pola análise foron uns cereais para o almorzo (bólas de millo recuberto con mel, de Kellog's) e un snack de millo, de Grefusa. Neste último producto detectáronse Bt-176 e Mon-810, ámbolos dous de millo e en ínfimas cantidades (0,02% e 0,048% respectivamente), mentres que nas bólas de millo recubertas con mel, de Kellog's, se detectou o Mon-810, tamén nunha cantidade mínima (0,032%). O Mon-810 está autorizado na Unión Europea a nivel industrial e de cultivo, pero non está aprobado o seu uso na alimentación. Nos dous casos nos que se detectaron trazas de millo transxénico, as empresas fabricantes demostráronlle a CONSUMER a realización estandarizada de controis tanto ás materias primas subministradas polos provedores coma no proceso de elaboración, amais da supervisión de entidades alleas que revisan e certifican que as súas materias primas non utilizan OXM e que se fai o posible para evitar contaminacións no proceso de elaboración dos seus productos. Xunto a estas accións, ámbalas empresas (ó igual ca outras moitas no sector da alimentación) están comezando a introducir no seu sistema de producción a trazabilidade, ou control e seguimento estricto, pormenorizado e documentado, da calidade de cada producto desde a súa orixe ata a súa posta á venda. Deste xeito, adiántanse os novos proxectos normativos nos que traballa a UE sobre os transxénicos.

¿E nos alimentos para animais domésticos?

Esta análise estudiou tamén seis productos de alimentación para mascotas. Só en dous deles ("Alimento para cans adultos con boi verduras" de Pedigree, e "Alimento completo para gatos con boi, año e coello", de Whiskas Supreme), se detectou presencia de transxénicos. No de Pedigree, o diagnóstico é "contaminación cruzada", porque contiña só trazas (o 0,09% do RR-soia), pero no de Whiskas, a proporción foi maior (o 6,63% de RR-soia). O máis probable é que, ó conter soia entre os seus ingredientes, esta sexa de orixe transxénica. En calquera caso, ningún incumpre a normativa, porque a lexislación non obriga a etiqueta-los alimentos transxénicos destinados á alimentación de animais.

¿Que son os transxénicos?

A revolución biotecnolóxica baséase no ADN (ácido desoxirribonucleico), molécula básica na que se atopa toda a información xenética do individuo. A súa estructura descubriuse en 1953 e a partir de entón realízanse os primeiros ensaios de modificación xenética levados a cabo en laboratorio (in vitro). Estas técnicas aplicáronse na agricultura, medicina, ambiente e industria alimentaria, permiten a transferencia de xenes entre diferentes especies, amais de axilizaren e analizaren os posibles cambios que se xeran, co obxecto de reduci-lo azar inherente á natureza.

A fase de grande auxe dos transxénicos comeza en 1994, cando nos EEUU a Food and Drug Administration (FDA, institución oficial que regula os temas de seguridade alimentaria e dos medicamentos) autoriza a comercialización do primeiro vexetal cun xene alleo ó natural desa especie: é o tomate "Flavr-Savr" da compañía Calgene, que retarda o amolecemento característico do tomate.

Defínese OXM como "organismo, coa excepción dos seres humanos, no que o material xenético foi modificado dunha maneira que non se produce naturalmente no emparellamento nin na recombinación natural". (Directiva UE 2001/18/CEE). Esta alteración no material xenético pódese deber á introducción, eliminación ou modificación dos seus xenes. Considéranse OXM os organismos vivos capaces de se reproduciren. Por exemplo, as sementes de soia. A soia é un legume, utilizado como fonte proteica na alimentación animal e humana, cunha semente que pode formar novas plantas. Os productos derivados dos OXM, sen embargo, foron manipulados de xeito que conteñen só material modificado xeneticamente, pero non organismos vivos. O exemplo témolo na lecitina de soia, que se obtén a partir de sucesivos refinados do aceite contido nas sementes de soia, utilizada principalmente como emulxente. O termo transxénico, utilizado moi a miúdo, é un caso particular de OXM: é o organismo no que se introduciron voluntariamente xenes estraños ó seu material xenético por carecer deles.

O debate social sobre os transxénicos

A incorporación de alimentos transxénicos ó mercado provocou que se acendese o debate social e científico sobre os beneficios e prexuízos que reportan.

Sen ánimo dunha descrición exhaustiva, poden resumirse como segue. As vantaxes que achegan os OXM na agricultura son a reducción dos custos na producción e a mellora da calidade dos vexetais. Algunhas plantas transxénicas melloran a calidade do producto convencional: as características organolépticas (cor, sabor, textura...), o aumento da durabilidade da froita retardando o seu proceso de maduración, retardando o amolecemento do alimento, ou modificando o seu contido de ácidos graxos. Outras vantaxes son o aumento da resistencia fronte ás pragas de bacterias, fungos, insectos, nematodos e virus que afectan ós cultivos. Máis vantaxes: a maior tolerancia ós herbicidas, a menor necesidade de auga e polo tanto a maior resistencia á seca, a reducción dos nitratos existentes na planta, e a maior resistencia a temperaturas extremas.

No tocante ós posibles efectos negativos dos OXM, os máis relevantes pódense dividir en tres grupos, segundo afecten á saúde humana, ó medio natural ou á economía.

As repercusións negativas dos alimentos transxénicos na saúde de persoas encádranse no ámbito da elucubración, xa que non están sustentados en constatacións cientificamente demostradas, porque se os numerosos estudios realizados permitisen manter sospeitas ó respecto non se autorizaría o seu cultivo e producción. De tódolos xeitos, especúlase coa posibilidade de que xenes con resistencia antibiótica que se atopan nos OXM poidan transferirse a humanos, animais e bacterias anulando o efecto dos medicamentos antibióticos. Ademais, elucúbrase coa aparición de novas enfermidades e posibles alteracións na resposta inmunolóxica do organismo humano (problemas alérxicos causados pola aparición de novas proteínas que, expresadas polo ADN manipulado, o organismo humano non recoñecería: as proteínas son as principais causantes das alerxias e pénsase na posibilidade de que o ADN introducido codifique as novas proteínas), e con posibles desequilibrios nutricionais non agardados, aínda que unha das evidencias que se buscan nos estudios de seguridade de OXM sexa que o novo producto resulte substancialmente equivalente ó non-transxénico, incluíndo as súas propiedades nutricionais.

No tocante ó prexuízo ambiental que poidan causa-los alimentos transxénicos e a súa producción -aparentemente máis sustentados tanto pola realidade coma polos ensaios científicos- responsabilízaselles da propagación descontrolada de OMX, que ó posuíren xenes que lles confiren vantaxes fronte ós vexetais convencionais poden entrar en competencia desigual con estes, co que se propiciaría unha diminución da biodiversidade vexetal e a aparición de plantas resistentes ós herbicidas.

Para rematar, entre os prexuízos económicos e sociais derivados dos cultivos de plantas transxénicas cómpre salienta-lo aumento da dependencia do sector agrícola ante o paquete tecnolóxico composto polas sementes modificadas xeneticamente e os productos fitosanitarios específicos, co que iso supón de dependencia estratéxica dos granxeiros ante un reducido número de multinacionais productoras de plantas e sementes transxénicas. Xorde así o temor ante o gran poder detido por un reducido número de grupos empresariais que controlarán o sistema de producción de alimentos desde o propio xene ata o andel do supermercado, deixando case sen autonomía ós granxeiros. Estas multinacionais (que investiron durante anos cifras millonarias en investigación biotecnolóxica) venden o seu producto cun imposto tecnolóxico que supón o pagamento dos dereitos de propiedade e de patente.

Xeración de plantas modificadas xeneticamente

Desenvolvéronse numerosos métodos para integrar ADN alleo dentro de células vexetais coa finalidade de transformar ou incorporar novas características. Os métodos máis utilizados na transformación dos cultivos agrícolas aprobados na UE están baseados na utilización de vectores biolóxicos e métodos físicos. Para obter unha planta transxénica hai que introducir no ADN dunha especie información xenética que proveña doutra, para o cal se realizan os seguintes pasos:

Primeiro identifícase o xene que se quere inserir na planta que se vai modificar. Este xene pode proceder doutra planta, dunha bacteria, dun virus ou mesmo de animais. De seguido, íllase este xene. Unha vez illado, a introducción do xene na célula vexetal da planta pódese facer mediante vectores biolóxicos (utilizando unha bacteria como transporte) ou recorrendo a métodos físicos (no que se introduce directamente).

Vectores biolóxicos

O xene illado introdúcese nun plásmido (secuencias curtas de ADN que se atopan fóra do cromosoma). De seguido, esta construcción insírese nunha bacteria do Género Agrobacterium (con capacidade de infectar células de plantas). Unha vez inserido, a bacteria introdúcese nun medio nutritivo no que se atopan células vexetais pertencentes á planta que se vai modificar, as cales son infectadas pola bacteria introducíndolle-lo plásmido-xene. A célula, xa co plásmido no seu interior, multiplícase no laboratorio.

Métodos físicos

O máis utilizado é o bombardeo de microbólas, que incorporan directamente o ADN dentro da célula ou tecido vexetal. Neste caso, tapízanse milleiros de partículas metálicas microscópicas co xene que se desexa incorporar. Estes corpúsculos introdúcense nun sistema denominado "pistola de xenes" que lles dispara ás células vexetais este ADN a gran velocidade como se fosen proxectís. Os fluídos celulares internos das células vexetais, lavan o compoñente metálico e o ADN penetra no núcleo celular onde se integra. De seguido, as células multiplícanse no laboratorio.

Non en tódalas células vexetais nas que se introduciu un xene, este se incorpora de xeito adecuado dentro do ADN propio da célula. Ó non poderse distinguir a simple vista unha célula vexetal modificada da que non o está, faise imprescindible a inserción de xenes marcadores que lles confiran resistencia a antibióticos ou herbicidas no medio de cultivo celular. Deste xeito, ó aplicar sobre tódalas células antibióticos ou herbicidas, aquelas nas que non se inserira o xene de maneira adecuada non presentarán resistencia, polo que morren, seleccionando así as células nas que se formou a modificación xenética. Para rematar, estas células, xa modificadas, cultívanse na terra, onde medran como plantas normais, pero obténdose unha planta modificada xeneticamente.

Metodoloxía empregada na análise

En primeiro lugar, realizouse unha homoxeneización de dúas unidades de cada producto alimentario co fin de analizar unha mostra representativa de cada un dos 113 analizados. Tras este paso, procedeuse á extracción do ácido desoxirribonucleico (ADN) empregando diferentes protocolos en función do tipo de alimento. Este xene sométese á técnica PCR (reacción en cadea da polimerasa), na que se determina unicamente a presencia ou ausencia de material transxénico. No caso de non se detectar, considérase que ese alimento está libre de xenes transxénicos. E se xorde un positivo procédese á cuantificación dos OXM mediante outro tipo de PCR, baseado na mesma base teórica pero que emprega unha estratexia diferente que permite determina-la porcentaxe de OXM existente na mostra.

PCR (Reacción en cadea da polimerasa)

A PCR é un método de análise baseado na detección e amplificación de fragmentos específicos de ADN gracias a un par de pequenas secuencias de ADN (cebadores) que limitan a rexión que se debe amplificar. A PCR está composta de tres pasos que se repiten sucesivamente un número determinado de ciclos e que mimetiza o proceso de replicación que ocorre na natureza:

  1. Separación do ADN
  2. Unión de cebadores
  3. Extensión

Esta técnica realízase gracias á acción de diferentes temperaturas que separan as cadeas de ADN e facilitan a unión dos cebadores e a acción da polimerasa.

Liberación de OXM

Hai unha serie de procedementos de seguridade que cómpre aplicarlles a tódolos OXM que queiran ser autorizados para o seu uso nun determinado país. Son procedementos moi semellantes en todo o mundo e aplícanse xene a xene. Basicamente, estes procedementos tratan principalmente de:

  • estudiar todo o material xenético introducido
  • avalia-lo risco de transferencia do xene a outras plantas ou organismos
  • examina-la seguridade dos productos derivados do xene.

O deseñador do OXM ten a obriga de proporcionar un material de referencia puro, así como mesturas con concentracións coñecidas xunto ás secuencias de interese, xa que os sistemas baseados na tecnoloxía PCR precisan de información detallada das secuencias do xene integrado e daqueles que o acompañan co obxecto de poderen desenvolve-la detección do mesmo.

En boa medida, todo se remite ó principio denominado "equivalencia substancial" desenvolvido pola OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) e recomendado pola FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) e a OMS (Organización Mundial da Saúde). Consiste na comparación sistemática de tódalas propiedades (composición, propiedades nutricionais, contido en toxinas e alérxenos, usos na alimentación humana ou animal, tipo de procesado, consumo por grupos vulnerables, impacto sobre o medio natural) da planta transxénica, cultivada en diversos lugares polo menos dúas tempadas coa da cepa proxenitora non modificada cultivada xunto á cepa transxénica. Segundo este principio, avaliáronse positivamente, entre outros, os dous autorizados na Unión Europea para o seu uso en alimentación humana: soia RR e millo BT-176.

O que di a lei verbo dos transxénicos

Os productos transxénicos deben cumpri-los criterios establecidos pola directiva europea de 1997: "que sexa necesario e útil, seguro para a saúde humana e o medio natural, e que as súas características sexan as declaradas e que, ademais, se manteñan co tempo".

Dentro da lexislación, a etiquetaxe é un dos aspectos máis discutidos dos que afectan ós alimentos modificados xeneticamente. Segundo a norma, é obrigatorio etiquetar todos aqueles que teñan ingredientes (incluíndo aditivos e aromas) que conteñan polo menos un 1% dun OXM, facéndoo constar na etiqueta coa lenda "fabricado a partir de soia/millo modificado xeneticamente". Este límite ten como obxectivo excluí-la presencia accidental de ingredientes transxénicos en alimentos convencionais debida a unha contaminación involuntaria. Os productos destinados á alimentación animal, polo de agora, non teñen a obriga de incluír esta lenda na súa etiqueta aínda que superen o 1% de material xenético na súa composición.

Hai unha gran discordancia lexislativa no tocante á etiquetaxe de organismos xeneticamente modificados e productos derivados, chegando a se rexistraren grandes diferencias e, nalgúns casos, situacións contradictorias. Por exemplo: os EEUU, o maior productor de OXM, non esixe a etiquetaxe de alimentos que conteñan OXM autorizados aínda que o seu contido sexa superior ó 1%. Esta situación xera grandes dificultades na Unión Europea, que esixe a etiquetaxe específica cando o contido supera o 1%, que ten que establecer liñas de producción separadas de elementos transxénicos e non transxénicos no momento da súa importación. Esta situación vese agravada en productos como a soia. O déficit productivo europeo desta semente fainos dependentes da importación, que xeralmente se realiza de países americanos onde a producción é maioritariamente de soia transxénica.

A controversia tamén alcanza ós sistemas de detección de OMX nos alimentos. A técnica cualitativa está validada a nivel europeo, a detección de OMX realízase coa mesma técnica (PCR cualitativa) e cos mesmos criterios en toda a UE. No tocante á técnica cuantitativa, ó non existir consenso, na metodoloxía e na unificación de criterios de análise poden xurdir desacordos nos resultados. Os problemas prácticos na detección de OXM baséanse en varios aspectos, que comezan no propio cultivo. Hai contaminacións cruzadas, ben sexa por polinizacións de plantas transxénicas en cultivos de non modificadas, ben pola sementeira non controlada de plantas transxénicas. Por outra banda, o desenvolvemento lexislativo é lento e, a miúdo, alleo e pouco relacionado coa práctica productiva cotiá.

Outro punto que cómpre debater, e que se pode considerar un inconveniente, é o amplo número de OXM que se poden incorporar ó mercado sen control coa conseguinte dificultade para a súa detección, xa que as súas modificacións non son coñecidas.

As lexislacións que se están desenvolvendo na UE tratan puntos tan cruciais e debatidos coma a trazabilidade (seguimento de tódolos pasos na fabricación dun alimento, desde as materias primas empregadas ata a súa colocación no punto de venda) dos OXM. Nestas futuras leis figurará o control que cómpre aplicar en tódalas fases de comercialización tanto de productos que sexan ou conteñan OXM coma dos alimentos ou pensos producidos a partir de OXM, incluídos aditivos e aromas. Nesta liña estase estudiando un sistema de formulación e asignación de códigos exclusivos ós OXM.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto