Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os fármacos que melloran a circulación venosa poden axudar, pero cómpre combinalos con outras medidas como o exercicio físico
Entre o 10% e o 15% da poboación xeral e un 5% da que traballa presentan afeccións do sistema venoso que, se ben na maioría dos casos non constitúen unha patoloxía grave, poden ser molestas, especialmente nos meses de calor. Ademais, se non se adoptan as medidas axeitadas para o seu tratamento e se deixa que evolucionen poden orixinar complicacións serias. Como asegura o dito, a insuficiencia venosa ó principio tolérase, de seguido sófrese e para rematar incapacita. Convén, polo tanto, saber algo máis destas patoloxías.
Dentro do estancamento do sangue nas extremidades inferiores hai que diferenciar dous tipos de enfermidade:
Varices esenciais ou primarias, dilatacións das venas do sistema superficial, facilmente recoñecibles como cordóns venosos máis ou menos grosos que se poden ver e palpar baixo a pel. Nesta afección o sistema profundo atópase indemne, e moitas veces os síntomas son escasos. Favorecen a súa aparición factores como obesidade, estrinximento, sedentarismo, utilización de prendas que apertan a raíz das extremidades inferiores e a cintura (cintos, ligas, faixas...), permanecer de pé ou sentado durante horas seguidas, o embarazo, os anticonceptivos, a exposición á calor... Tamén factores xenéticos ou hereditarios provocan varices, e se o sistema valvular é insuficiente prodúcense tamén dilatacións venosas do sistema superficial, nas que o sangue se remansa e avanza con lentitude.O diagnóstico dos trastornos venosos facilítano na actualidade técnicas non invasivas coma o doppler, o eco-doppler e a pletismografía, e outras máis invasivas, como a flebografía. Os fármacos que melloran a circulación venosa son de utilidade moderada e poden axudar algo, pero sempre combinados con outras medidas (mencionadas no apartado "Para alivia-las molestias..." da páxina 21).
No caso de varices tronculares a cirurxía é o tratamento case definitivo. Segundo a localización e extensión da insuficiencia venosa, aplícanse diferentes técnicas: fleboextracción, ligadura de perforantes insuficientes, reconstrucción valvular, transplante dun segmento venoso con válvulas sas, etc. Para cada problema hai unha solución. O tratamento esclerosante está indicado en pequenas varices, varículas, telanxectasias e varices poscirúrxicas residuais e recidivantes. Moitas veces non é definitivo, pero en mans expertas e coa técnica axeitada, pódense solucionar moitos casos.
O sangue, unha vez utilizado polo organismo, ten que retornar ó corazón e iso faino a través do sistema venoso, deseñado para facer avanza-lo sangue en contra da forza da gravidade. A contracción dos músculos e dunhas válvulas situadas nas paredes das veas, xunto á "aspiración" que fai o corazón durante a diástole, e o mecanismo impulsor que supón a marcha que fai que a planta do pé se comporte como unha esponxa, fan que o sangue progrese cara a arriba e realice un longo percorrido vencendo a forza da gravidade.
Nas extremidades inferiores hai dous sistemas de veas claramente diferenciados: por unha banda, un sistema superficial, composto basicamente por dúas grandes veas chamadas safenas e as súas ramas, que están situadas directamente baixo a pel, e por outra, un sistema profundo formado por veas que van entre os músculos e que acompañan ás arterias. Ámbolos sistemas están en comunicación a través das veas perforantes ou comunicantes, provistas tamén de válvulas que fan que o sangue vaia sempre do sistema superficial ó profundo e non á inversa. Cando algunha ou algunhas das partes deste delicado sistema non funciona adecuadamente o resultado é o estancamento do sangue nas extremidades inferiores, o que produce unha serie de alteracións e manifestacións que constitúen o síndrome de insuficiencia venosa crónica, que se pode manifestar de varios xeitos, un deles, quizais o máis frecuente, as varices.
Cando aparecen varices ou cansazo e inchazón de extremidades é conveniente consultar co médico e co anxiólogo, xa que un tratamento precoz pode retarda-la evolución mentres que as varices tronculares se poden curar definitivamente coa cirurxía. En calquera caso, para alivia-las molestias e mellorar:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI