Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Cumio Mundial sobre Desenvolvemento Sostible: Obxectivo: medrar sen prexudica-las xeracións futuras

O desenvolvemento sostible supón integra-la dimensión ambiental nas políticas económicas e na toma de decisións en tódolos eidos da actividade humana

Johannesburgo, Sudáfrica. Finais de agosto e comezos de setembro do 2002. Pasou unha década desde que xefes de Estado, diplomáticos, científicos, representantes dos medios de comunicación e de ONG de 179 países do mundo se conformasen no Cumio da Terra. Amparado polas Nacións Unidas, aquel primeiro encontro marcou un fito en materia de negociación global sobre o desenvolvemento sostible. O noso planeta pedía accións directas, conxuntas e inmediatas. Transcorridos só 20 anos desde a primeira Conferencia sobre o Ambiente que acolleu a cidade sueca de Estocolmo, o panorama, lonxe de amañarse, deteriorárase. Inmersos xa no século XXI, de novo os Estados se enfrontan ó desafío de aseguraren un equilibrio entre o desenvolvemento económico, social, e a protección do ambiente.

Medrar de maneira sostible

  Ó primeiro Cumio da Terra, o celebrado na cidade de Río de Xaneiro (Brasil) da que tomou o seu nome, sumáronselle 10 anos e converteuse en Río + 10. Aquela xuntanza significou un acontecemento histórico, xa que se instaurou un sistema de entendemento mundial para o desenvolvemento sostible, concibindo a protección ambiental como algo indivisible dos procesos de desenvolvemento. E é que, conscientes de que o ritmo de utilización crecente dos recursos non vivos (minerais, enerxéticos), pero sobre todo dos vivos non renovables (fragas, auga), auguraban o seu esgotamento en breve prazo, advertiuse a urxencia de atopa-la maneira de mante-lo nivel de vida actual ou incluso melloralo, sen pór en perigo a súa continuidade no futuro. En definitiva, era preciso dar coa fórmula para seguir medrando de xeito sostible. E para responder a esta necesidade aprobouse o documento Axenda 21, que quixo se-la plataforma sobre a que se desenvolvesen e apelasen Estados e organizacións ó teren que afrontar cuestións ambientais e de desenvolvemento de modo integrado a nivel mundial, nacional e local.

Para iso adoptáronse importantes instrumentos internacionais como a Convención de Diversidade Biolóxica e a Convención Marco sobre Cambio Climático, que obrigan ós Estados que o ratificaron a desenvolveren medidas de política e lexislación en aspectos considerados estratéxicos no nivel global. Pártese da idea de que os Estados teñen o dereito soberano de aproveita-los seus propios recursos, pero tendo sempre presente que non deben dana-lo medio natural doutros Estados. Subscríbese, ademais, a premisa de que hai que elimina-la pobreza e reduci-la disparidade entre os niveis de vida de todo o mundo para logra-lo desenvolvemento sostible, e para acadar este obxectivo outórgaselle á muller un papel activo e imprescindible.

A presencia da sociedade civil

Un trazo particular do Cume de Río + 10 é que se considera como o primeiro cumio multisectorial organizado a escala mundial. Amais de políticos, participan nela grupos sociais que teñen a opción de defenderen e aprobaren definicións sobre temas ambientais. Esta innovación busca fortalece-las accións que aplican os tomadores de decisións a nivel nacional e rexional nun mundo onde a sociedade está cada día máis implicada. Dentro deste contexto, as ONG e outros sectores participantes esperan, discuten e conclúen accións específicas en cuestións como auga doce, fragas, seguridade alimentaria, océanos e costas, así como temas transversais que inclúen subsidios, biodiversidade e áreas protexidas.

Aínda en vigor e en pleno desenvolvemento, trátase, sen dúbida, do documento estratéxico sobre o que xiran as políticas ambientais actuais. Baseado nun compromiso político e nun consenso mundial ó máis alto nivel, constitúe o plan de acción para os anos 90 e para a primeira parte do século XXI, e vén se-la alianza global da Humanidade para o medio natural e o desenvolvemento, é dicir, para o desenvolvemento sostible. É un documento extenso, estructurado en 40 capítulos e redactado a xeito de plan de acción. Trátase dun proxecto de actuacións para que o desenvolvemento sexa sostible socialmente, economicamente e ambientalmente, baseado na premisa de que o desenvolvemento sostible non é só unha opción, senón un imperativo, tanto en temas ambientais coma económicos, e que, malia a que a transición cara a un desenvolvemento sostible será difícil, é totalmente factible. Require un gran cambio nas prioridades dos gobernos e das persoas, debido a que implica a integración plena da dimensión ambiental dentro das políticas económicas e a toma de decisións en tódolos campos da actividade, e un gran despregamento de recursos humanos e financeiros a escala nacional e internacional.

A sabedoría milenaria dos pobos indíxenas consideraba os seres humanos como parte do medio natural. Os chamáns predicaban que todo aquelo que vulnerase e prexudicase a natureza, vulneraba e prexudicaba ós habitantes da Terra. Isto sempre foi, e segue a ser, nalgunhas tribos non desaparecidas, o código da supervivencia: hérdase a Terra para deixarlla ós descendentes no mellor estado posible. Sen embargo, a formulación occidental destes principios, baixo o concepto de desenvolvemento sostible, houbo de agardar ó ano 1987, cando a primeira ministra norueguesa, Gro Harlem Brundtland, elaborou por encargo das Nacións Unidas o documento O noso futuro común, tamén coñecido co nome de Informe Brundtland. Nel defínese o desenvolvemento sostible como "aquel que satisfai as necesidades do presente sen compromete-la capacidade das xeracións futuras para satisface-las súas propias necesidades". O concepto foi aceptado de modo unánime pola comunidade internacional e axiña se incorporou ós grandes instrumentos de planificación.

O Cumio de Johannesburgo

O Terceiro Cumio sobre Desenvolvemento Sostible persegue que o ano 2002 marque, como xa fixo Río, un novo paso no compromiso e actuacións. Búscase:

  • Un anovado espírito de cooperación, equidade e co-responsabilidade entre o Norte e o Sur con respecto ó futuro do planeta.
  • Solucións prácticas ás limitacións que a pobreza, o consumo e os impactos negativos da globalización lle impoñen ó desenvolvemento humano.
  • Un fortalecemento da cooperación internacional no tocante ó medio natural e ó cambio climático, a través dos tratados ambientais multilaterais e da transferencia de tecnoloxías sostibles.
  • A ratificación e execución, dentro dun período determinado, dos tratados ambientais multilaterais que xa existen, así coma o fortalecemento e a activación efectiva dos mecanismos financeiros destes acordos.
  • Sólidas políticas macroeconómicas a favor do crecemento, unha distribución máis equitativa das riquezas e unha boa administración gobernamental, como requisitos previos para a participación do sector privado na cooperación internacional polo desenvolvemento sostible.
  • Recomendacións sobre accións concretas e medibles para a utilización sostible de recursos e servicios ambientais como a enerxía, a auga, os océanos e a biodiversidade.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto