Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Juan Luís Arsuaga, paleoantropólogo e codirector do Xacemento de Atapuerca: "A ciencia estudia o ser humano, non se afasta del"

 As primeiras poboacións dos nosos devanceiros chegaron a Europa hai nada menos ca 800.000 anos. Descendían do Homo ergaster e eran antepasados dos neandertais. A ciencia probara a súa existencia, tiña evidencia dos seus instrumentos, hábitos de caza e expresións artísticas, pero non coñecía os seus rostros. En 1992 fotografáronse por primeira vez. Eran Agamenón e Miguelón, nomes dados ós dous cranios de homínidos atopados en Atapuerca que serviron para reescribi-la historia de Europa.

Á fronte daquel descubrimento atopábase Juan Luís Arsuaga, paleoantropólogo, catedrático da Universidade Complutense de Madrid e codirector do xacemento burgalés, onde a mediados de xullo, mes dedicado a escavacións, recibe a esta revista.

Arsuaga, acompañado por Ignacio Martínez, o seu compañeiro de investigacións e coautor das premiadas novelas científicas A especie elixida e Amalur, invítanos a subir ó todoterreo que se dirixe ó Portalón da Cova Maior. O aspecto deste referente mundial en antropoloxía lembra máis o dun aventureiro có dun laureado profesor, pero ámbalas imaxes se funden nunha persoa amable, comunicadora e amena sen que iso lle reste unha miga ó máis exquisito rigor científico. Sentados sobre un penedo, ollando unha paraxe inconfundible de serra castelá que nada tería de particular se non fosemos conscientes de que baixo os nosos pés se agacha -xa non tanto- unha vasta biblioteca de saber que o equipo composto por 100 estudiantes e profesores trata de descifrar, trasladámonos a unha era na que a auga cubría o horizonte hoxe rochoso, onde homes xa moi semellantes a nós loitaban pola súa supervivencia. Atapuerca serviu, e seguirao facendo as vindeiras décadas, para estudiar e saber cómo foi a evolución dos primeiros humanos que habitaron o noso vello continente.

Cúmprense xa 25 anos desde que se realizaron as primeiras escavacións na Gran Dolina, na Sima do Elefante e na Galería, aínda que os primeiros datos da súa existencia se remiten ó 1521, e as noticias que anunciaban a súa riqueza están datadas en 1863, cando O Eco burgalés narra o achado de restos humanos na Cova Cega. Os primeiros autores dunha publicación que describe os planos da cova son dous enxeñeiros de minas que dirixían a construcción dunha vía do ferrocarril que deixou ó descuberto o papiro en pedra que narra milleiros de anos de historia. O tempo neste val mídese doutro xeito.

Pinceis, caldeiros con rochas, cuadrículas de fío, ducias de mans escavando, á procura de fósiles, de pezas de restos humanos, de diversas covas en diferentes paraxes. Este xacemento semella inabarcable, pero, á marxe dos restos físicos, ¿que se busca e que se atopa entre os sedimentos?

O que move a ciencia é o coñecemento. Aquí estase investigando a orixe do home, as características da natureza humana. Os científicos pretendemos darlle resposta a qué facemos aquí, por qué somos dunha maneira e non doutra. Esta é a pregunta eterna que nos impulsa a investigar. Non hai outra pretensión.

As súas palabras parecen remitir máis á filosofía pura ca a unha asisada análise científica.

A razón da existencia e o tempo da mesma, antes e despois, angustia ó ser humano desde que é racional, e ó longo da historia quen responderon máis a miúdo foron as relixións. Pero, por exemplo, á cuestión de por qué o parto é doloroso, a relixión xudeo-cristiana asócialle unha maldición divina, mentres que a ciencia atopa e demostra que a cadeira evoluciona ó se converte-la muller nun animal bípede e que esta adaptación acaba xerando dor. A ciencia busca o coñecemento, respostas elementais e esenciais non exclusivas da filosofía, e para iso bota man de métodos científicos que desvelan a evolución humana a través de datos empíricos, non de ideas.

Unha pregunta á que se encamiñan as diversas teorías e crenzas da humanidade é se despois da morte hai vida. ¿Pódese conxugar aquí a fe coa certeza científica?

A fe é fe, e responde a unha certeza irracional. Non me considero un científico que desligue as crenzas da ciencia, para min a epistemoloxía non é allea ó humanismo. De feito, son os movementos relixiosos os que se enfrontan ós científicos, e non ó revés. Non está no noso propósito destruí-los seus mitos, senón responder á necesidade de saber máis sobre o xénero humano. O que acontece é que a teoloxía e outras correntes afastadas do empirismo revolvéronse sempre cando o avance da ciencia demostraba, sen propósito de contradicilos, razóns da evolución diferentes ás mantidas por eles. O conflicto entre ciencia e relixión conviviu sempre, pero se observámo-lo enfrontamento con perspectiva, abraiámonos de que prohibisen os libros de Copérnico ou de que se satanizase a Darwin. Poderíase concluír que aínda que as preguntas son as mesmas, as respostas ás que se quere chegar difiren xa que pertencen a ámbitos distintos.

¿É hoxe tamén difícil a convivencia entre relixión e ciencia?

Os movementos relixiosos sosteñen que o que descubrimos os científicos lles afecta directamente, e por iso non se senten cómodos. Non houbo ningún descubrimento científico relevante ó que non se opuxese a Igrexa. Desde o lugar que ocupa a Terra no Universo, ata á situación do home na natureza, todo foi cuestionado, negado e enfrontado pola Igrexa. Hoxe témo-lo exemplo das investigacións científicas sobre as células nai, que tanto ben poden xerar na solución a certas enfermidades. O conflicto é inevitable, pero cómpre entender que a busca do sentido, do coñecemento, non é patrimonio das relixións nin dos Estados.

¿Que está sucedendo nas últimas décadas para que tras avances científicos que supuxeron tantos séculos de investigación, se volva, especialmente nos Estados Unidos, a entende-la orixe do home a partir de teorías creacionistas?

Non acontece só nese país. Máis aínda, se puidesen aquí tamén os libros de texto obviarían a evolución de Darwin. En toda a miña formación escolar ninguén me explicou a teoría da evolución do home. A bioloxía que me presentaron era puramente descritiva, respondía a preguntas de cómo se chaman as árbores, cómo se reproducen as plantas e pouco máis. Non se afondaba. As relixións monoteístas non aceptan a teoría evolutiva, e isto deriva en que non se quere ofrecer coñecemento e en que este se arreda do progreso. A miña impresión é que se aceptan de mala gana os avances das investigacións científicas.

A teoría evolucionista explica que as especies animais e vexetais van cambiando as súas características ata que xorden novas especies mellor adaptadas ó medio. Isto aplícase tanto á especie animal coma ó home, con devanceiros que pertencen a outras especies. Despois de varias evolucións xorde o homo sapiens. ¿A especie humana segue cambiando?

Agardemos que non. Se ben é certo que a evolución é un proceso constante, isto non é o mesmo a que se produza un salto evolutivo, é dicir, que xurda a aparición dunha especie distinta, xa que para iso débese produci-la selección natural, que leva sen dúbida á morte da gran maioría da poboación. O resto, aqueles que non morren, non se reproducen, e só o fan aqueles que posúen unha característica especial. É dicir, se non hai mortaldade, non hai selección natural, e se non hai selección natural, non se evoluciona. A especie humana mantense dentro do espacio e do tempo.

Dá vertixe pensar que só somos unha parte máis do ecosistema, reducidos a un corpo, iso si, con capacidade de pensamento, pero que podrecerá. ¿Non é, daquela, a especie humana a elixida?

Sen dúbida, non o somos. A nosa presencia, a nosa existencia, non é necesaria. Nin do grupo humano, nin da individualidade de cada suxeito. Salvo que creamos que houbo unha providencia que fixese que do acto sexual inevitablemente aparecese o ser humano, a nosa existencia demóstrase innecesaria. Poderiamos existir ou non. Unha vez estamos, dámoslle gracias ó destino, ó fado, a quen se queira, de térmo-la inmensa fortuna de vivir e de sermos conscientes diso.

¿Os nosos devanceiros que vivían en Atapuerca eran tamén conscientes?

Coidamos que si. Na Sima dos Ósos, un xacemento de hai 300 mil anos, atopáronse indicios que responden a un rito funerario. De calquera xeito, tampouco agora somos tan conscientes, tan donos de nós mesmos. De feito, non temos que pensar para respirar, e mesmo realizamos actos mecánicos, como conducir, nos que a inconsciencia manda sobre a vontade.

A paleoantropoloxía, a súa disciplina científica, estudia o home antigo en tódalas súas dimensións, tanto físicas coma culturais, nun intento de chegar a descubri-la evolución humana. Desde unha perspectiva tan ampla, ¿como se interpretan os intentos dalgunhas correntes pseudointelectuais de demostrar cientificamente a validez da superioridade ou diferencias das razas?

A mellor argumentación contra o racismo é que se trata dunha parvada. Amais de ser ética e esteticamente intolerable, non hai dúbida de que a especie humana é a mesma, de feito é o mamífero máis homoxéneo que existe e aínda que nos importa moito o noso aspecto individual e colectivo, e aínda que distinguimos entre os brancos e os negros, ou entre os que teñen ollos máis redondos ou máis oblicuos, en realidade somos moi semellantes. Xurdiron familias distintas na especie polas radiacións do sol, o medio ou a humidade, que xeraron que uns teñan a pigmentación máis escura e outros o nariz máis ancho, pero pretender demostrar unha diferencia que non existe é unha parvada. De feito, as posturas racistas están moi vinculadas ás teorías machistas e clasistas. No XIX pensábase que a perfección do ser humano estaba no home, cidadán, inglés, branco e rico: tódolos demais padecían tara. Se contemplamos agora isto, seméllanos unha tolería. Pois ten o mesmo rigor científico calquera argumentación que defende diferencias xenófobas.

Se cadra cun maior índice de coñecemento de temas científicos lograrase humaniza-la sociedade.

Os científicos estudiámo-lo ser humano e somos, polo tanto, humanistas, aínda que se nos considere doutra rama, como se buscasemos outros coñecementos. Tradicionalmente, separouse o saber humanista do científico, e mesmo se enfrontaron. No noso país non temos tradición científica, non houbo ciencia ou foi moi escasa, e non temos hábito de estar preto da ciencia. Aínda que o xusto sería afirmar que o costume non está instaurado en quen posúe a capacidade de transmitir coñecementos. Explícome. A metade dos estudiantes decántase pola rama científica e abandona o que chamamos letras, é dicir, interésalles máis a física cá arte. Pero hai un problema: quen ten a capacidade para ofrecer cultura, as editoriais, os xornais ou os programadores de televisión, viven arredados da ciencia, son persoas formadas en humanidades, polo que a súa capacidade de entendemento e interese no campo científico é escasa. Se vou ofrecerlle información a un xornalista para un artigo faime advertencias de que empregue unha linguaxe doada, ou cando menos non especializada, pero iso non acontece cando botas unha ollada ás páxinas de motor, onde sen problema ningún, falan en termos moi concretos. Pero a min pídenme que non descenda ó detalle.

Sen embargo, os seus libros científicos tiveron un grande éxito.

Unha das revistas máis lidas é Moi interesante, algo significará isto. Os textos científicos interésanlle a unha boa parte da poboación, e mesmo hai moitas mostras de que investir en proxectos audiovisuais ou literarios é rendible. Estiven na Feira do Libro e non deixei de asinarlles exemplares a lectores mozos e vellos, mulleres e homes.

Cumpridos 25 anos do comezo das escavacións de Atapuerca, explíquenos a importancia real do xacemento.

É unha gran biblioteca que encerra moita documentación sobre a historia da humanidade e sobre a evolución do home en Europa. A súa riqueza é abraiante e axudaranos a rexistra-lo pasado con todo tipo de datos, desde os climas e as evolucións ata o comportamento dos seres humanos. Nos xacementos que conforman a serra agáchanse moitos antepasados, máis ca en ningures, e só estamos comezando a descifra-lo que nos agacha.

Sábese, polo tanto, cando comezou. Pero, ¿cando acabará de da-lo seu tesouro esta mina de información tan valiosa?

A documentación é elevada abondo como para que estudie nela toda unha xeración. Algún dos alumnos que hoxe está de prácticas sucederame e acabará dirixindo as investigacións. Aquí, a medida do tempo, igual ca nas covas, responde a parámetros moi afastados da inmediatez.

O último dato científico localiza en África un fósil primitivo, antecedente do home e datado hai 7 millóns de anos. ¿Pensa que o ser humano perdurará tantos anos a partir de agora?

Ó mundo quédalle aínda moito combustible, moitos millóns de anos, pero iso si, todo remata.

Da lectura das súas obras sorprende a afirmación de que o progreso alcanzado pola agricultura e a gandería non lle fixo gañar saúde ó ser humano.

Cando compára-los esqueletos de labregos e gandeiros co dos seus devanceiros recolectores e cazadores, decátaste de que sementar e organizar rabaños non mellorou a súa esperanza de vida nin a súa saúde. Son máis baixiños, teñen máis enfermidades e viven menos tempo cós seus devanceiros. As pegadas atopadas en dolmens indican que o seu estado físico se deteriorou. Tamén se estudias esqueletos do século XIX percibes que a súa estructura ósea é peor cá dos seus antiquísimos antecesores. Cando hai 9.000 anos, ó comeza-lo Neolítico, a xente se asegurou a súa alimentación ordenando hectáreas que garantían máis quilos de sementes e carne, logrou aumenta-las familias, pero isto non implica que se vivise mellor. De calquera xeito, a calidade de vida non é un termo obxectable. Ó estado de benestar engádenselle periodicamente criterios, como que o medio sexa cada vez máis natural, a alimentación máis sa, o tempo libre máis numeroso. E é que o ser humano segue a ser un misterio, aínda que o coñecemento sobre el sexa cada vez maior.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto