Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Limpavitrocerámicas: Limpan e protexen, pero de xeito desigual

As dúas mostras máis caras foron as mellor valoradas en coidado da placa e poder desengraxante

 Analizáronse sete limpavitrocerámicas cun prezo que oscilaba entre os 3,94 euros por litro de Froggy e os 17,10 euros por litro de Vitroclen. Nas vitrocerámicas as potas e os outros recipientes están en contacto directo co cristal que protexe as placas (as que xeran a calor), polo que é habitual que os líquidos se esparexan e queden adheridos.

Forza e Vitroclen, as dúas máis caras, son tamén as mellor valoradas (ámbalas dúas cun "moi ben"). Salientaron pola súa capacidade limpadora e o seu respecto á placa. Ó ser Forza máis barata, perfílase como a mellor relación calidade-prezo. Un limpavitrocerámicas de prezo medio (Luminia, 8,40 euros por litro) foi o peor valorado, xa que só acadou un regular.

Un bo limpador de vitrocerámicas debe demostrar un alto poder desengraxante. Para iso incorpóranse á fórmula minerais de acción abrasiva que poden deteriora-la propia placa ou os elementos adxacentes (a xunta de silicona, a encimeira de granito...). Estes limpadores contan, ademais, con axentes tensioactivos (eliminan a sucidade), disolventes (desfán as graxas), siliconados (protexen as placas e proporcionan brillo) e secuestrantes (atrapan os metais responsables da dureza da auga, facilitando o labor deterxente).

Manchas difíciles

A eficacia limpadora destes productos probouse fronte a dous tipos de sucidade moi agresivas: unha disolución completamente carbonizada de azucre en leite ó 50% e outra de aceite de oliva carbonizado, ámbalas dúas extremadamente difíciles de eliminar. Verteuse cada solución nunha placa quente que se deixou arrefriar para tratar de elimina-la película formada fregando con tres mililitros de producto e papel de cociña. Cando isto non resultaba abondo, empregouse unha rasqueta tralo cal se volvía emprega-lo papel de cociña e o producto.

Forza foi o máis eficaz fronte á disolución de leite e azucre, eliminando parcialmente a película inicial, pero non podendo coa pegada da mancha, mentres que Vitroclen e Scotch-Brite son os mellores respecto ó aceite carbonizado, acabando tanto coa película coma coa pegada da mancha. Vitroclen e KH-7 non puideron limpar nin a película nin a pegada producidas pola disolución de leite e azucre, mentres que Luminia non puido con ningún dos dous tipos de manchas. Outro ensaio que amosa a eficacia limpadora do producto é a medición da súa capacidade desengraxante. Forza, Vitroclen, Sidol e Scotch-Brite foron os mellor puntuados, mentres que Froggy, KH-7 e Luminia só obtiveron unha valoración de aceptable.

Valores de pH. Os limpavitrocerámicas con valores de pH máis extremos (ben por moi básicos, ou por moi ácidos) son os que mellor capacidade de limpeza ofrecen, aínda que estes son, precisamente, os máis prexudiciais para a pel. Por iso, convén ser precavidos e aplicalos sempre cun pano ou papel de cociña. Os valores de pH máis extremos son os de Forza (pH 2,4) e KH-7 (pH 11,7), sendo o menos extremo (ou máis próximo ó neutro, que é o pH 7) Scotch-Brite, con pH 7,9.

No tocante ós axentes tensioactivos, os que eliminan a sucidade, tódalas mostras cumpren a norma de expresar cáles incorporan. Vitroclen e Sidol foron os que maior contido de tensioactivos presentaron (5% e 4% respectivamente), mentres que Luminia e KH-7 soamente obtiveron 2,5% e 1,3%. Forza quedou excluído deste test porque presentaba elementos químicos que impedían a exactitude na análise.

Para comprobar se os limpavitrocerámicas incrementaban o brillo da placa mediuse a porcentaxe da luz reflectida antes e despois da aplicación de tres mililitros de producto. Forza (5,8% de aumento) e Froggy (4,2%) foron os que mellor comportamento obtiveron, mentres que Sidol non conseguiu varia-la capacidade reflectinte.

Danos na placa

CONSUMER realizou unha proba de uso para comprobar se os limpavitrocerámicas raiaban a placa. O test consistía en 2.000 ciclos de fretamento con papel de cociña engadindo tres mililitros de producto cada 400 ciclos. Ó remata-lo ensaio non foi visible dano ningún, se ben se comprobou que Luminia aumentou a rugosidade un 33%. Forza, Scotch-Brite, KH-7 e Froggy obtiveron as mellores valoracións xa que non incrementaron a rugosidade da placa.

Sen embargo, a placa é só un dos elementos que o limpador pode danar. Por iso, depositáronse tres mililitros de producto durante 24 horas sobre os mandos de plástico da placa, o aceiro inoxidable que separa a placa da encimeira e o granito da propia encimeira. Ningunha das sete mostras se comportou de maneira agresiva nos mandos de plástico, nin no aceiro inoxidable. Non obstante, no granito si se detectaron problemas: Luminia, Scotch-Brite, KH-7 e Froggy causaron un escurecemento da encimeira e Forza e Sidol deixaron unha pegada na zona de aplicación. Só Vitroclen demostrou un bo comportamento con esta superficie.

No tocante ós recipientes dos limpavitrocerámicas, comprobouse que todos eran estancos tras permaneceren en posición invertida durante dúas horas. Para coñece-la resistencia, lanzáronse catro envases de cada mostra desde un metro de altura para que caesen sobre a súa base primeiro e logo sobre un dos lados. Nas mostras de Scotch-Brite, KH-7 e Froggy rompeu un dos catro recipientes.

A información e etiquetaxe, ben

A normativa sobre etiquetaxe dos deterxentes e desinfectantes (entre os que se atopan os limpavitrocerámicas) é moi exhaustiva. Amais de elementos como a súa composición, fabricante ou contido neto, deben incluí-las lendas claras e facilmente lexibles "fóra do alcance dos nenos", "non inxerir", e "en caso de accidente consulte o servicio médico", xunto co número de teléfono no que recadar información en caso de emerxencia.

O tamaño da letra no que Scotch-Brite mostra a cantidade de producto é máis pequena có que fixa a norma. Polo demais, as sete etiquetaxes cumpren de sobra a lexislación, xa que incorporan lendas propias. Os limpavitrocerámicas Luminia, Forza, Vitroclen e Scotch-Brite informan da irritación que produce en caso de entrar en contacto cos ollos. Forza é un dos máis completos, xa que indica "Evítese o contacto prolongado coa pel" e "Lave e seque as mans despois de usalo". Sidol salienta: "En caso de inxestión, acuda inmediatamente ó médico e amóselle a etiqueta ou o envase". O producto KH-7 é incompatible coa roupa, pel e aluminio, e inclúe a seguinte indicación adicional: "Se se aplica sobre o aluminio aclarar axiña". Froggy engade indicacións sobre o respecto ó medio natural, tanto pola súa composición coma polas características do envase. Forza, Sidol, Vitroclen e Scotch-Brite contan cun teléfono gratuíto de información ó consumidor.

Coida-la vitrocerámica

Ningún dos limpavitrocerámicas analizados conseguiu eliminar na súa totalidade as duras manchas coas que foron probados (unha composta por azucre queimado e leite a partes iguais e outra de aceite de oliva carbonizado). Por iso, para alonga-la vida útil das vitrocerámicas convén extrema-las precaucións á hora de usalas e non limitarse a confiar na acción limpadora destes productos.

  • Non use cazolas de barro.
  • Teña coidado de non arrastra-las potas sobre restos de alimentos que puideran caer na placa, xa que a poderían raiar.
  • Estenda o limpavitrocerámica cun pano ou papel de cociña e procure non toca-lo producto directamente cos dedos.
  • Se por un descoido o limpavitrocerámicas cae sobre outra superficie que non sexa a propia placa (a encimeira, botóns de plástico, a xunta de silicona, aceiro inoxidable...) límpeo axiña, xa que podería danalo.
  • No caso de que a sucidade estea incrustada na placa, utilice unha rasqueta especificamente deseñada para ese labor e non intente limpala con coitelos ou outros utensilios cortantes.
  • Lave as mans despois de utiliza-lo limpavitrocerámicas.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto