Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Analizáronse oito tipos de gominolas (botellas cola, pexegos, quenllas, froitiñas, delicias, docepica amorodo, gomas e amoras) de catro marcas distintas e prezo idéntico, a 0,72 euros os 100 gramos.
As gominolas infantís son productos de confeitería compostos por unha pasta maciza elaborada con azucre, aromatizada e coloreada mediante un xeneroso uso de aditivos e que se presenta con formas e tamaños variados. O seu nutriente maioritario son os hidratos de carbono sinxelos: glicosa, sacarosa e fructosa supoñen entre un 70% e un 80% do peso. A proporción de proteína máis común é do 5%-6% aínda que unha mostra contén o 7% e outra só o 1,5%. A proteína preséntase principalmente a xeito de xelatina, que proporciona a textura gomosa típica destes productos. As graxas, pola súa banda, supoñen menos do 1%. O contido en auga foi sempre inferior ó 14% e nalgunhas aínda menor: entre o 5% e o 8%. E a achega enerxética é de 320 a 360 calorías cada cen gramos, demasiado elevada para un producto absolutamente prescindible na nosa dieta polo seu case nulo valor nutritivo.
O seu consumo frecuente pode xerar obesidade e caries: na nosa boca existen bacterias que transforman nuns 20 minutos certos azucres (principalmente, sacarosa) en ácidos, que se mesturan coa saliva e as partículas de comida na boca formando unha placa que se adhire ó esmalte, atacándoo e producindo a caries. Tras consumir estas e outras chucharías, aínda en pequenas cantidades, convén cepilla-los dentes para elimina-los restos de azucres da boca, xa que o risco de caries non depende da cantidade de azucre consumido senón da frecuencia da súa inxestión.
As gominolas están constituídas principalmente por azucres simples (glicosa, fructosa e sacarosa), fonte de enerxía de rápida asimilación. Estes azucres, ó se metabolizaren no noso organismo, transfórmanse en glicos,a que é absorbida no intestino, de onde pasa ó fígado; alí transfórmase en glicóxeno e almacénase como reserva enerxética ata unha cantidade máxima de 100 gramos no fígado e 200 gramos nos músculos. Se a cantidade de azucres inxerida é tal que se exceden os límites de almacenamento de glicóxeno, o exceso de glicosa no sangue transfórmase en graxa no tecido adiposo, constituíndo unha forma de reserva enerxética a longo prazo. A obesidade na idade infantil é particularmente desaconsellable, porque nesta etapa se produce un aumento do número de células deste tecido graxo, relacionado coa inxestión de enerxía. Se o aumento de células graxas é alto, supón un estadio inicial de obesidade difícil de reverter xa que se precisaría unha restricción calórica (que podería afecta-lo crecemento do adolescente) para compensar ese aumento de peso.
Na maioría das gominolas a proteína preséntase a xeito de xelatina, que se caracteriza por unha composición incompleta en aminoácidos xa que non achega as cantidades precisas dalgúns esenciais: metionina, lisina e triptófano. Non se deben considerar como productos que proporcionan proteínas.
En resumo, as gominolas representan unha elevada achega enerxética, pouca proteína de escasa calidade, moi poucos minerais e ausencia de vitaminas, polo que non deberían formar parte da dieta habitual. Aínda que non hai normativa referente a esta cuestión, as de gran tamaño supoñen un risco para os nenos pequenos: debido á súa textura gomosa mastíganse con dificultade, o que pode provocar atragantamentos que poderían desembocar en asfixia.
Detectáronse moitas irregularidades na etiquetaxe. Só Froitiñas Roypas cumpre a norma. Denominación de venda, lista de ingredientes, lote e modo de conservación son as informacións peor indicadas.
O case nulo valor nutritivo deste producto e os prexuízos que causa o seu consumo habitual (obesidade e caries) fan que non se elixa unha mellor relación calidade-prezo.
Á hora de envasa-las gominolas, a maioría dos fabricantes empregan un mesmo envoltorio para diferentes tipos de producto. As Fini (botellas cola, quenllas e pexegos) e Vidal (docepica amorodo e gomas) locen varias denominacións e listas de ingredientes, facendo referencia a diferentes tipos de gominolas, polo que non se pode sabe-la denominación do producto nin os ingredientes dunhas gominolas en concreto. O envase de Roypas (froitiñas e delicias) e Dulciora (amoras) ten unha única lista de ingredientes, que son: azucre, sirope de glicosa, xelificantes, auga, xelatina (froitiñas Roypas e Dulciora), amidón modificado (froitiñas Roypas), dextrosa (delicias Roypas), acidulantes, aromas e colorantes. As amoras Dulciora indican, ademais, os ingredientes do recubrimento: aceite vexetal, cera de abella e cera carnauba. De tódolos xeitos, e malia a que só se lles poden asignar ingredientes a tres das oito estudiadas, todas están compostas fundamentalmente de azucres, xelatina e aditivos.
A elaboración parte dunha mestura líquida quente formada por azucre, sirope de glicosa e aditivos que se introduce nun molde para que adquira a forma desexada. De seguido, redúcese a temperatura para o seu endurecemento. Trala solidificación, as gominolas cepíllanse para eliminar restos da mestura, que se reincorporarán á máquina para o seu aproveitamento.
Este é un producto moi rico en aditivos. Os máis comúns son: aromas, colorantes, acidulantes e xelificantes. Os aromas proporcionan cheiro e sabor e os acidulantes empréganse como complemento de aromatización e/ou conservación. Segundo o etiquetado, algúns acidulantes empregados son ácido cítrico, ácido láctico, ácido málico e ácido tartárico. Os xelificantes forman un xel durante o arrefriamento. Os máis empregados son agar-agar, amidón modificado e pectinas. Os colorantes danlles cor ás materias primas, azucre e sirope de glicosa, ámbolos dous incoloros. Os colorantes atopados son tartracina (E-102), amarelo de quinoleína (E-104), amarelo alaranxado (E-110), azorrubina (E-122), vermello cochinilla (E-124), vermello allura (E-129) e azul patente (E-131). A lista de colorantes indicada nos envases tampouco corresponde ó producto concreto que contén, senón a toda a gama de lambetadas. Soamente amora Dulciora e froitiñas Roypas indican a lenda "colorantes segundo producto" e "posibles colorantes", respectivamente. Tódolos colorantes utilizados son artificiais e o seu uso está autorizado na norma. Mesturando os colorantes devanditos obtense toda a gama de cores presente nestas gominolas. Dos sete colorantes, cinco son azoicos (tartracina, amarelo alaranxado S, azorrubina, vermello cochinilla A e vermello allura AC), algúns dos cales se asocian coa posibilidade de provocar alerxias e trastornos no comportamento dos nenos. A tartracina (E-102), por exemplo, pode producir reaccións adversas (alerxias non graves e manifestacións cutáneas ou respiratorias) en persoas asmáticas e no 10% dos alérxicos á aspirina. As gominolas con este aditivo son froitiñas e delicias, ámbalas dúas de Roypas. Das oito mostras, soamente Botellas cola, de Fini, non utiliza colorantes azoicos.
Algúns fabricantes envasan diferentes tipos de gominolas empregando un mesmo adhesivo no que indican as diferentes denominacións e listas de ingredientes de tódolos productos que fabrican. Ó non lle asignaren ó producto contido no envase unha denominación e a lista de ingredientes, incumpren a norma. Cinco das oito inducen a confusión: Fini (botellas cola, pexegos e quenllas) e Vidal (docepica amorodo e gomiñas) locen diferentes denominacións e listas de ingredientes, mentres que Roypas delicias ten unha única lista pero non indica denominación, incumprindo a norma. Dulciora (amoras) non indica peso neto e lote, e Roypas (delicias) posúe dúas indicacións referidas ó lote.
A indicación do modo de conservación aparece unicamente en Dulciora (amoras), Vidal (docepica amorodo e gomiñas) e Roypas (froitiñas). Fini (botellas cola, pexegos e quenllas) e Roypas (delicias) non sinalan este dato, incumprindo a norma. A data de consumo preferente non é obrigatoria neste producto, pero Vidal (docepica amorodo e gomiñas), Dulciora (amoras) e Roypas (froitiñas) inclúena, o que é de agradecer. Outro tanto acontece co punto verde (propio de envases reciclables) nas de Fini e Vidal. Ningún dos envases inclúe información nutricional, non obrigatoria pero conveniente. A etiquetaxe de Froitiñas Roypas é a única correcta. A peor correspóndelle a Fini, pola súa denominación de venda e lista de ingredientes confusa e por non indica-lo modo de conservación.
Se se venden en réxime de autoservicio ou a granel, deben cumpri-los seguintes requisitos: o vendedor deberá conserva-la información da etiquetaxe ata o final da súa venda, o producto tense que expor en vitrinas ou recipientes protexidos nos que figurará de xeito claro, visible e indeleble a denominación do producto, lista de ingredientes e fabricante ou envasador. A venda deberaa realizar o vendedor, empregando os utensilios axeitados (pinzas, paletas, etc.), en calquera manipulación que realice.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI