Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Amais de axudar a previr enfermidades, demostrouse que os adolescentes que practican deporte regularmente consomen menos drogas
Tense discutido moito sobre a influencia do deporte no crecemento infantil. Algúns expertos sinalan posibles prexuízos para o organismo, xa que o corpo dun neno é delicado e está en pleno crecemento, e os adestramentos excesivamente duros e os inevitables microtraumatismos poderían influír negativamente nel. Pero ninguén conseguiu demostrar este extremo e si, pola contra, as vantaxes que reporta a práctica deportiva regular desde a infancia. Ademais, é máis doado inculcar hábitos saudables cando os rapaces son aínda novos que eliminar hábitos malos ou autodestructivos na idade adulta. Sedentarismo, tabaquismo, sobrepeso, alimentación pouco axeitada e outras variables están presentes na xénese e desenvolvemento das chamadas enfermidades dexenerativas, que se asocian ós males do mundo desenvolvido: arteriosclerose, artrose, diabete tipo II, etc. Estas patoloxías, aínda que se manifestan na idade adulta, comezan a se xerar na infancia. E é daquela cando se pode comezar a previlas, entre outras maneiras, practicando deporte.
Varios estudios realizados no noso país alertan sobre os niveis altos de colesterol na infancia, as taxas crecentes de obesos entre nenos e nenas, e mesmo do incremento de casos de hipertensión arterial entre adolescentes. Detectar estes factores de risco resulta relativamente sinxelo e permite previ-lo seu desenvolvemento desde a infancia.
Pero hai, ademais, outras razóns de peso para promove-la práctica deportiva en rapaces novos. O consumo de drogas, tanto das socialmente admitidas coma tabaco e alcohol, coma das rexeitadas, coma cannabis, cocaína, heroína, e das de novo deseño que tantos problemas carrexan, presenta índices moito inferiores entre os que practican algún deporte. E cantas máis horas de adestramento e máis novo se comeza coa práctica deportiva, menor é o consumo de drogas. En liñas xerais, pódese afirmar que un adolescente deportista, afeccionado ou federado, presenta menos risco de consumo de drogas.
Pero para que o desenvolvemento do seu corpo e mente se faga de maneira máis equilibrada e harmónica, cando un neno practica deporte cómpre prestarlles atención a dous aspectos: a especialización deportiva e a competición. A especialización, é dicir, a dedicación case exclusiva a unha modalidade deportiva desde moi novos, ten os seus defensores e detractores. Para os primeiros, a capacidade de aprendizaxe do neno é elevada e permítelle asimilar técnicas e crear reflexos mais doadamente. Para os detractores, a especialización resulta prexudicial porque xera desequilibrios no desenvolvemento físico e pode influír negativamente na estructuración da personalidade do neno. Máis discutido aínda é o tema da competición. Para algúns, cumpriría integra-la competición sa, limpa en calquera programa pedagóxico, xa que axuda a estructurar e organizar todo o comportamento dos nenos e adolescentes. Outro argumento esgrimido é que nunha sociedade coma a nosa, a competición debe formar parte do deporte infantil xa que o prepara e educa para o futuro. Outros, pola contra, opinan que a competición esixe un precoz e duro adestramento, xa que a meta actual do deporte contemporáneo é a busca da marca, do vencedor, a calquera prezo.
Numerosos factores poden influír na elección dun deporte, amais das preferencias persoais, pero destaca o papel dos medios de comunicación: os deportes con máis presencia na pantalla teñen máis predicamentos entre os adolescentes.
Os pais pregúntanse a miúdo se determinado deporte resulta bo ou malo para a saúde do neno ou da nena. Non é doado de responder, pois aínda que se demostrou que o deporte é, en xeral, bo para os nenos, non hai estudios concluíntes sobre cómo inflúen disciplinas concretas no crecemento e desenvolvemento infantil. Así e todo, a modo de orientación, expómo-lo que os médicos do deporte admiten sobre esta cuestión, aclarando que a palabra "risco" se utiliza só desde a óptica do crecemento e desenvolvemento.
A primavera e o verán son épocas propicias para iniciar unha actividade deportiva ó aire libre: marcha, paseo, sendeirismo, natación, monte, bicicleta, etc. Ó tempo o neno aprenderá tamén a amar e gozar da natureza. Pero teña presente que:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI