Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Elixir correctamente o tipo de carrete, utilizar ben o flash e dar cun enfoque orixinal, as claves para unha boa foto.
As vacacións multiplican a toma de fotografías. Aínda que o propósito na maioría dos casos é conxelar momentos para velos ó remate da época estival, sen dúbida produce moito máis pracer recuperar imaxes ben feitas. As actuais cámaras compactas garanten na maioría das ocasións retratos de calidade con tan só premer un botón, o resto das funcións lévanas a cabo automaticamente. Tamén as réflex colocadas no modo automático funcionan practicamente soas. Outra cousa ben distinta é que queiramos xogar manualmente coa velocidade e apertura do diafragma, para o cal farán falta uns coñecementos básicos. E aínda que a fotografía é unha arte, o afeccionado pode converte-las instantáneas en fermosas lembranzas seguindo unhas sinxelas regras. Antes de dispórmonos a face-las fotos, e como en moitas familias ó tempo que se lle quita o po ó bañador se fai o mesmo coa cámara de fotos, convén revisar que funcione ben, medi-la carga das pilas, e asegurármonos de que tanto o interior coma o obxectivo están limpos de calquera lixo de po. Se está posta unha película, e leva máis de tres meses, non espere milagres, seguramente as fotos estean veladas ou no mellor dos casos as cores estarán alteradas.
As tres sensibilidades de película de negativo máis populares son de 400, 200 e 100. Estas cifras indican a sensibilidade relativa á luz. Exprésase cun número ISO (antes chamado ASA) ou cun índice de exposición (EI). Canta maior sensibilidade, máis rápida é a película e menor definición ofrece; canto menor, máis lenta e maior definición. Por exemplo, se estamos a fotografar unha carreira de coches contra o serán e dispomos dunha película de alta sensibilidade (400 ISO) lograremos conxela-lo movemento. Se queremos facer unha foto do noso fillo xogando na praia pola mañá, cunha de 100 é abondo. Para fotografías interiores con pouca luz, precísase unha película de 400 ISO e flash, ou ben unha película de 800 ou 1.600 ISO se se prescinde do flash. No verán, é aconsellable utiliza-lo flash como ferramenta de recheo, para elimina-las sombras que produce o duro sol estival. O máis atinado é levar varios carretes, e se o normal é utiliza-los de 100 ISO, pero temos intención de facer fotos de noite ou con pouca luz, precisaremos un 400. Cómpre ter en conta que as películas de alta sensibilidade (400 ISO) teñen un gran maior ás de baixa sensibilidade, polo que se pensamos amplia-las fotos obteremos maior calidade de imaxe cunha película de baixa sensibilidade.
No verán hai moita luz. As mellores horas para facer fotos nun día soleado coinciden coas aconselladas para toma-lo sol: antes das 12 e despois das 6 da tarde. Os días anubrados suavizan as cores e reducen o contraste, polo que non importa tanto o horario. Xeralmente, a posición máis adecuada para tomar unha instantánea é a que deixa o sol ás costas do fotógrafo.
É habitual que cando imos revela-las películas nos pregunten se as queremos en mate ou en brillo, é dicir, se se selecciona un papel satinado ou brillante. O mate ten a vantaxe de evita-las marcas das pegadas dixitais: os dedos nas fotos. O brillo ofrece máis viveza nas cores. De calquera xeito, é cuestión de gustos. Unha práctica que se ha de ter presente é revelar en contactos antes de face-lo positivado de todo o carrete, é dicir, solicita-la impresión dos negativos (contactos) para despois elixir cál das fotos queremos ter en formato tradicional de foto.
Ó facer de fotógrafo afeccionado pouco importará se a máquina é moi cara, profesional ou sinxela se os coñecementos de fotografía son reducidos, e máis aínda, se non se entende a propia máquina. Cómpre suxeitar sempre a cámara con firmeza, cos brazos pegados ó corpo e o corpo estable, vixiando que o dedo, un cabelo ou a correa da propia cámara non tapen parte do obxectivo, xa que o visor a penas revela a súa presencia. Convén achegarse o máis posible ó obxecto, obedecendo á máxima do reporteiro gráfico Robert Capa: "Se unha foto non resulta interesante, é que non estabas preto abondo". Se se vai tomar unha foto de grupo, convén situalos de xeito que non lles dea a luz directa, para evitar acenos pouco favorables; se a luz é moi intensa, hai que busca-la sombra clara, coma a dunha árbore, para fuxir dos contrastes no propio grupo.
As diapositivas ofrecen unha maior definición, contraste e saturación de cores. Se imos realizar unha viaxe especial se cadra convén colocar un carrete de diapositivas na nosa cámara, aínda que a diferencia se notará máis nunha cámara réflex ca nunha compacta. Outra vantaxe que ofrecen as diapositivas é que aguantan mellor o paso do tempo.
Aínda que faltan aínda uns anos para que as cámaras dixitais abarquen a maioría do mercado, xa non son un obxecto estraño en mans de turistas xaponeses. Se ben se trata doutra tecnoloxía, as normas para realizar boas fotos son as mesmas. As principais vantaxes ofrecidas pola fotografía dixital son as enormes posibilidades que ofrece á hora de facilita-la manipulación das imaxes no ordenador, e o aforro en carretes e revelado, aínda que se o obxecto é imprimilas, hoxe por hoxe a calidade que se pode conseguir é inferior ós positivos tradicionais. (Máis información, Consumer, Abril 2001).
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI