Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

O Mediterráneo: O Mare Nostrum loita pola súa salvación

A construcción incontrolada na costa, a contaminación procedente da industria e dos vertidos de petróleo, e a sobrepesca, os principais problemas do Mediterráneo

  Nas costas do mar Mediterráneo viven máis de 130 millóns de persoas. As súas augas arrolaron o nacemento de civilizacións e recolleron a cinza de pobos extinguidos, e os seus 46.000 quilómetros de litoral, ansiado por distintas potencias, foron punto de conflicto e xerador de guerras ó longo de toda a historia. Pero de testemuña de epopeas e derrubes pasou a ser un doente moribundo, e converteuse nun problema que pesa na conciencia dos países que teñen nel o seu estandarte, os seus portos, cidades, destinos turísticos e cloacas. Basta observármo-lo mapamundi para decartármonos das reducidas dimensións do Mediterráneo, pero non nos deixemos enganar e reflexionemos sobre algunhas cifras: baña 3 continentes -Europa, Asia e África-, concentra 20 estados con 400 millóns de habitantes, alberga a maior diversidade biolóxica de Europa, é o primeiro destino turístico do mundo, soporta o 50% do tráfico marítimo global, desembocan nel centos de ríos, algúns tan importantes coma o Nilo, o Ródano, o Ebro ou o Po -un 85% deles con augas contaminadas-, contén un nivel de chumbo 8 veces superior ós niveis oceánicos, precisa 80 anos para renova-las súas augas que teñen como única saída natural o estreito de Xibraltar, e está no punto de mira de decenas de ONG que se comunican en, polo menos, 22 linguas diferentes. A estas cifras pódense suma-las innumerables reunións, manifestacións, denuncias e encontros que provocou o seu estado, tan lamentable, que levou a que científico Jacques Cousteau exclamase a finais dos anos 60: "O Mediterráneo morre". E para evitalo, desde 1976 os países mediterráneos intentan pórse de acordo para aproba-lo Convenio de Barcelona, comprendido en 7 protocolos de actuación, que necesariamente teñen que ser subscritos por polo menos tres cuartas partes para entrar en vigor.

Principais ameazas

Máis de 20 anos de actuacións non conseguiron previ-la degradación do ecosistema; e agora as denuncias céntranse en que se empregaron demasiados esforzos en medi-lo nivel de contaminantes e a súa localización, e ningún en combatelos. Aínda que tamén se coincide en que proliferan as medidas e se multiplica a concienciación dos axentes implicados.

Organizacións ecoloxistas e defensoras do desenvolvemento sostible e institucións gobernamentais, aínda que difiren nas solucións, coinciden en sinala-los principais problemas ós que se enfrontan. Resúmense na construcción incontrolada na costa, a contaminación procedente da industria e dos vertidos de petróleo, e a sobrepesca. A estes é preciso engadi-la eutrofización nas desembocaduras (incremento de substancias nutritivas en augas doces, que provocan un exceso de fitoplancto e un descenso de osíxeno), a intoxicación producida principalmente por metais pesados, compostos orgánicos, aceites e graxas e o aumento de residuos plásticos.

Esta ameaza mídese na auga, pero tamén as ribeiras sofren consecuencias a causa do cambio climático, e cada vez son maiores as zonas afectadas pola deforestación, o esgotamento de terras cultivables, a salificación, a erosión e a perda de hábitat. O mar de Liguria (Italia), a costa turca e o mar Exeo son os lugares máis degradados, segundo estudios de organizacións ecoloxistas. No último lustro sumáronse á lista de zonas que precisan protección urxente a costa italiana do Adriático, a que hai entre Siria e a desembocadura do Nilo, a que une a desembocadura do Ródano en Francia con España e o litoral español desde Barcelona a Valencia.

Costa española

O problema mediterráneo é global e os datos mídense de modo uniforme, non sendo os que afectan ás costas. A este campo pertence o estudio realizado o pasado marzo por un grupo de científicos españois, que concluíron que o 47% das augas da costa mediterránea española están afectadas por sedimentos de substancias químicas utilizadas en productos habituais de hixiene e de limpeza doméstica, cunha contaminación que pode afectar ó sistema hormonal e á reproducción da fauna mariña.

Adeus ó atún vermello

Sen dúbida, os principais afectados polo estado das augas mediterráneas son a flora e a fauna marítima. Entre os máis prexudicados destaca o cobizado túnido, que viu diminuída a súa poboación nun 80% nos últimos anos. A perda deste exemplar chama a atención, pero tamén devén fundamental lembra-la dificultade que atopan a maioría das especies de pesca para a súa recuperación, xa que se enfrontan a sistemas de cerco industrializado que retardan o seu desenvolvemento. Dentro da ameaza rexistrada inclúense 58 especies marítimas, 6 de réptiles, 17 de aves e 22 de mamíferos, nos que se contabilizan os 3 tipos de baleas que sucan as súas augas e un tipo de delfíns.

APOIO: O Convenio de Barcelona:

O plan de acción para salva-lo Mediterráneo está marcado polo seu ritmo lento. Aprobouse o 16 de febreiro de 1976 e entrou en vigor o 12 de febreiro de 1978, baixo o nome completo de Convenio de Barcelona para a Protección do Medio Mariño e da Rexión Costeira do Mediterráneo (Barcon). Rubricárono vinte estados costeiros e a Comunidade europea. O 10 de xuño de 1995 incluíronse no Convenio varias emendas para adapta-lo seu contido ós cambios que o Mediterráneo sufriu nos últimos anos, pero o novo texto aínda non entrou en vigor. Confórmano sete protocolos pero tan só un deles foi ratificado; de feito, na última das reunións bianuais que tivo lugar en outubro do pasado ano en Mónaco, acordouse un novo prazo para que os gobernos asinasen primeiro, e aplicasen despois, as cláusulas subscritas. Só o Protocolo sobre cooperación para combater en situacións de emerxencia a contaminación está en vigor, tódolos demais están pendentes de seren postos en marcha. Os protocolos aluden á prevención e eliminación da contaminación do mar Mediterráneo (Protocolo sobre verteduras desde buques), que conforme pasan os anos, debe adapta-las súas medidas ás novas prácticas ilexítimas co medio natural, como verte-los depósitos das plantas incineradoras de lixo; ás zonas especialmente protexidas e á diversidade biolóxica no Mediterráneo (Protocolo ZP); á protección contra a contaminación causada por fontes e actividades situadas en terra (Protocolo sobre contaminación de orixe terrestre); á contaminación resultante da exploración e explotación da plataforma continental, do fondo do mar e do seu subsolo (Protocolo sobre fondos mariños); e á contaminación causada polos movementos transfronteirizos de refugallos perigosos e á súa eliminación (Protocolo de residuos transfronteirizos).

O turismo, tamén é responsable

O Mediterráneo recibe cada ano 220 millóns de turistas que buscan nas súas belas costas o descanso anual, e que non son alleos á degradación da riqueza natural e cultural das súas costas e augas. Por iso, organizacións ecoloxistas como Adena apostan por introducir conceptos que axuden a que a deterioración da natureza se deteña ou se reverta. Estiman que toda a industria do turismo -desde operadores ata autoridades locais- deben alcanzar un compromiso que garanta o desenvolvemento turístico de tódalas rexións. Como mínimo, isto significa unha adecuada protección das áreas claves para a conservación da biodiversidade, un non-desenvolvemento nos lugares máis críticos de ditas áreas e un desenvolvemento beneficioso para as comunidades locais. Segundo unha análise presentada por Adena, para o ano 2005 países como Francia, Italia e España continuarán nas listas de principais destinos de vacacións, mentres que Marrocos, Tunicia, Grecia, Turquía e Croacia experimentarán un masivo agromar turístico. Isto propiciará que continúen a erosión do solo, as crecentes descargas de contaminantes no océano, a perda de hábitat natural, unha crecente presión sobre as especies ameazadas, así como unha elevada vulnerabilidade ós incendios forestais e un incremento da contaminación acústica. Tamén os veraneantes poñen en perigo os recursos de auga doce: en épocas de non vacacións un cidadán español gasta 250 litros de auga ó día, en tanto que un turista utiliza ata 880 litros de auga (son responsables deste aumento o feito de enche-las piscinas de complexos hostaleiros, as duchas das praias...).


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto