Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Seguridade na Rede: Conexións seguras

Seguir unhas sinxelas regras asegurará que ninguén tome o control do ordenador

  Unha actitude responsable fronte ó ordenador debe situarse a medio camiño entre a paranoia e a despreocupación absoluta. Non se trata de temer un perigo tras cada arquivo, pero tampouco de actuar como se en Internet nada nos puidese pasar. A cantidade e calidade das informacións que se confían ó abeiro dos discos duros e que se envían pola Rede (nomes de usuario, contrasinais, números de tarxetas de crédito, datos persoais, fotografías íntimas...) obriga a dedicarlle un tempo a garanti-la súa inviolabilidade. A fin de contas, estas preocupacións non son máis có equivalente electrónico a pecha-la porta con chave ó saír da casa.

Un dos timos máis habituais en Internet pasa por cambiar subrepticiamente o número de teléfono ó que o internauta se conecta. O 87% dos usuarios domésticos españois entran á Rede por medio da rede telefónica básica (RTB), é dicir, o seu ordenador chama co modem ó provedor de acceso utilizando a liña telefónica. Polo tanto, o internauta paga por dous conceptos: o acceso á Rede (que moitas empresas ofrecen de xeito gratuíto) e a propia chamada. O habitual é que o provedor de acceso e o usuario estean fisicamente preto para que o custo sexa só o dunha comunicación metropolitana.

Cada vez que o usuario fai dobre clic sobre a icona de conexión empeza o proceso: o ordenador chama ó número de teléfono seleccionado, identifícase e unha vez completada a validación comeza o intercambio de información. Cando menos, así debería ser en condicións normais.

Se un programa malicioso cambia o número de conexión por outro que comece por 906 será difícil que o usuario o detecte, xa que non se distinguirán síntomas: a conexión abrirase igual, poderá navegar sen ningún problema e a velocidade non se verá alterada. Sen embargo, a final de mes a factura pódese elevar a varios centos (se non milleiros) de euros.

Gasto desorbitado

Pero, ¿por que ía querer ninguén activar unha aplicación que cambia o número de conexión por outro tan oneroso? É evidente que non o fan por gusto, senón enganados. En certas páxinas de Internet, xeralmente pornográficas, invítase a descargar supostos programas de chat imprescindibles para acceder a seccións "privadas". Internautas incautos descárganos, actívanos e só ó ve-la factura se decatan da súa verdadeira función: redirixi-los parámetros de conexión ós seus propios servidores de tarifas abusivas.

Evitar este problema é sinxelo: basta con optar pola dúbida metódica antes de instalar nada: ¿é fiable a fonte deste programa? ¿realmente resulta preciso o seu uso? Pero, por moita precaución que un poña en práctica, convén coñecer cál é o número do provedor de acceso e corroborar cada certo tempo que se corresponde co que realmente se marca (o que aparece ó inicio da conexión).

Acceso total

En boa medida, o problema vén de que as diferentes versións domésticas de Windows ofrécenlle a calquera programa o control absoluto da máquina. É dicir, se unha aplicación está concibida para borrar todo o contido do disco duro ou para infectar cun virus electrónico a todo o que se mova, non haberá nada que o deteña. Isto non acontece en Linux, por exemplo, onde só se toma o control total do ordenador en situacións imprescindibles (cambios de configuración e demais), mentres que o resto do tempo só é accesible a parte menos comprometida do sistema.

Ante este panorama convén instalar un firewall ou cortalumes. O labor desta clase de aplicacións é a dun matón de discoteca con criterio: pecha as portas innecesarias e vixía toda a información que entra e sae do ordenador para rastrexar se hai algún programa oculto realizando actividades ilexítimas ás costas do usuario. A susceptibilidade do cortalumes pódese elevar para que avise das máis nimias ameazas, aínda que non convén situa-lo listón moi alto se non se quere acabar inundado de falsas alertas. Un cortalumes mal configurado perde toda a súa utilidade, xa que se asemella a esas alarmas de coche que saltan se unha bolboreta bate as ás e espertan a todo o barrio. Ante a dúbida, mellor deixa-las opcións por defecto para usuarios noveles.

Por moitas precaucións que adopte un usuario, nunca estará completamente a salvo: unhas pingueiras no teito, un pequeno incendio, un virus especialmente virulento ou un amigo pouco habilidoso ó teclado... son moitos os imprevistos capaces de elimina-lo contido dun disco duro e arruina-lo traballo de meses ou anos. Por iso, tórnase imprescindible que toda a información dixital se almacene sempre por duplicado.

Aínda que hai sistemas profesionais que simplifican a salvagarda de datos de xeito automatizado e veloz, o dispositivo idóneo para realizar copias de seguridade domésticas é o CD-ROM gravable: é barato (hai gravadoras por 100 euros e discos compactos virxes por 30 céntimos de euro), ten gran capacidade (650 megabytes, uns 450 disquetes convencionais) e o seu uso non é especialmente complicado.

Se se toma a precaución de gardar nunha carpeta tódolos documentos e de traspasalos periodicamente a un CD (o que tecnicamente se coñece coma backup), o usuario sempre contará cun salvavidas ó que amarrarse en caso de catástrofe dixital.

Navegar á carta

Enlaces de seguridade

http://webs.ono.com/usr016/Agika

Cortalumes efectivo e doado de empregar polos internautas noveles, sen deixar de ser altamente configurable para os máis mañosos. O seu uso é gratuíto para usuarios domésticos.

Zone Alarm

http://www.zonelabs.com

Tallafocs efectiu i fàcil d'utilitzar pels internautes novells, sense deixar de ser altament configurable per als més manyosos. El seu ús és gratuït per a usuaris domèstics.

Tira Ecol

http://tira.escomposlinux.org

Os problemas co ordenador deben tomarse con humor se non se quere acabar atacado polos nervios. O cómic semanal de Ecol satiriza os crebacabezas que sofren os que andan con ordenadores e amosa a cara máis amable de tanto cable e sigla inintelixible.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto