Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Psicoloxía

Λ

Caricias, abrazos, saúdos... unha linguaxe moi valiosa: Témonos que tocar máis e mellor

  Cando somos bebés, non manexámo-las palabras porque non tivemos tempo de aprende-la linguaxe verbal. A que utilizamos é a non-verbal: o contacto físico, a proximidade ou distancia, os choros, a risa, os xestos... Conforme pasan meses e anos, aprendemos e usámo-la linguaxe verbal, que acabará predominando nas nosas comunicacións. Pero as palabras non deberían substituí-la linguaxe non-verbal, porque esta achega prestacións que non están ó alcance das palabras. Pensemos nese xesto que nos informa mellor do estado de ánimo do noso interlocutor ca calquera discurso oral. Ou no ton de voz dunha persoa deprimida que nos impresiona máis do que di. Ou nun bico romántico e cadencioso, ou nunha ollada cómplice, ou nun sorriso seductor ou en...

Sen palabras

Dentro dos diversos tipos de comunicación non verbal, e malia ó seu potencial, a comunicación táctil é unha das que menos se prodiga. Tocar e que nos toquen, amais dun estímulo pracenteiro, é unha necesidade. Ímonos construíndo como persoas na interacción humana, forxando a nosa autoestima e sociabilidade. E o vehículo que empregamos para iso é a comunicación, tanto verbal coma non verbal.

As olladas, a expresión facial, o sorriso, osxestos, o volume, entoación e inflexión da voz, a súa velocidade e claridade... conforman toda unha linguaxe que non só complementa e enriquece a mensaxe oral senón que constitúe todo un abano de elementos autónomos e con significación propia que outorgan credibilidade e fiabilidade ás nosas palabras, establecen o noso grao de coherencia e marcan as relacións que establecemos cos demais.

As mans son un dos instrumentos comunicadores por excelencia. A necesidade de que as persoas se volvan tocar, de que os afectos máis ou menos íntimos utilicen para a súa expresión a linguaxe das caricias, os abrazos, os saúdos, as palmadiñas... estana constatando cada día máis os especialistas en relacións humanas, que comprobaron que quen durante a súa infancia non recibiu caricias dos seus pais son máis proclives a amosar dificultades para dar ou recibir afecto, a manter unha postura corporal ríxida e ás limitacións para expresa-la súa emotividade. Ademais, manifestan unha tendencia a evita-lo contacto físico cos demais, a velo como algo inapropiado ou "porco". Son vistas como persoas distantes, "frías". Ó parecer, estas persoas evidencian tamén unha dificultade maior da habitual para se sentiren queridas e aceptadas polos demais. Esta incapacidade pode comportar problemas no manexo das súas habilidades de comunicación e na xestión da agresividade que todos levamos dentro.

O tabú e os freos

É ben certo que o feito de "tocarse" está suxeito a tabús, prexuízos e normas, que entorpecen que a caricia sexa un hábito máis no noso modo de expresión cotián. Interiorizamos que tocarnos un ó outro forma parte da comunicación erótica e que calquera uso distinto do sexual ou extremadamente afectivo podería ser mal entendido. A única excepción "consentida" é acaricia-los nenos cos que mantemos relación de parentesco ou grande afecto e os adultos cos que temos unha relación persoal moi próxima ou íntima. E non son poucos os pais e nais que coidan moito cánto e ónde tocan ós seus fillos, ante o temor de que os seus tocamentos e caricias poidan constituír abuso ou algo semellante. É, sen dúbida, un tema delicado. Ademais, nenos e adolescentes amósanse ariscos ou pouco receptivos ás caricias dos seus pais e parentes, por entenderen que "iso é cousa de nenos pequenos" e eles xa se senten maiores. E como os adultos case non se tocan, pois...

O medo a que se malinterprete o xesto táctil condúcenos a non usalo e así, ós poucos, ímolo descartando do noso repertorio de conductas.

Por outra banda, funcionan as normas sociais que marcan tanto o espacio de proximidade que deben mante-las persoas coma os "tocamentos" considerados correctos. Todo dependerá da zona e modo en que se toca e do parentesco ou confianza das persoas ás que se toca. O peor é que establecen penalizacións de índole moral para quen rebasa eses límites e o xuízo de valor co que se etiqueta ó transgresor pode ser, cando menos, insidioso: "é un polbo, un garatuxeiro que está todo o día tocando".

Así, no tocante ó contacto táctil, movémonos non desde esa necesidade comunicativa senón desde pautas impostas que asumimos coma outras tantas convencións sociais. Sabemos que temos que gardar certas formas pero temos que asumir que toca-los demais é un calibre da nosa capacidade de amar e amosar aprecio, proximidade e comprensión a quen nos arrodea. É preciso para a nosa saúde física e emocional. E tórnase imprescindible para asenta-la nosa autoestima porque non só desexamos saber que somos queridos, tamén precisamos sentilo, porque ese estímulo sobre a nosa pel significa a ratificación das palabras, os bicos, as olladas... Tocar e sermos tocados é unha arte que se aprende coa práctica, que ademais nos permitirá distingui-lo toque tenro e agarimoso do que sanda, do consolador, do que nos transmite seguridade ou dese outro de carácter aberta ou suxestivamente sexual. Diferencialos axudaranos a xestiona-las nosas reservas e medos ou a pedir ou rexeita-los contactos, atendendo ó momento en que nos atopemos. A rixidez facial, a ausencia de sorriso, a hostilidade, a falta de apertura e espontaneidade poderían ter que ver coa "fame de pel". É un apetito emocional que precisa ser saciado, un desexo que debemos intentar (sempre respectando ó outro) satisfacer.

Tocar e ser tocado, un tema tabú

  • Non deixemos que os prexuízos nos venzan; se o respecto e o sentido da medida acompañan a caricia ou o abrazo, dificilmente o destinatario se sentirá agredido ou confuso. En caso de que así fose, deixemos que nolo faga saber, e expliquémoslle a nosa conducta.
  • Se non entende o noso argumento, desistamos. Simplemente, equivocámonos. Non pasa nada, o mundo segue xirando.
  • A estimulación táctil pode activa-las endorfinas, esas hormonas naturais do organismo que controlan a dor e están relacionadas coa sensación de benestar.
  • Saibamos que un xesto di máis ca moitas palabras, de aí que utiliza-lo tacto poida contribuír a facer mais fiable, efectiva e entrañable a nosa comunicación.
  • A mellor maneira de expresar afecto, solidariedade, proximidade, cariño, é tocando ó outro, facéndolle saber que o noso corpo sente o mesmo que comunicamos con palabras ou xestos.
  • Non esquezamos que tocar e sermos tocados é unha necesidade fisiolóxica (calquera que sexa a nosa idade) e emocional.
  • A nosa autoestima pasa polo coñecemento do noso corpo e este precisa "saberse" desde o sentido do tacto. Achegarse a un mesmo a través da pel é darse unha entidade corpórea coa que podérmonos achegar ó outro.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto