Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.
Aínda que algunhas marcas custan case o triple ca outras, todas superan folgadamente a norma
Analizáronse once marcas de preservativos de látex de caucho natural con lubricante cun prezo por unidade que varía entre os 23 céntimos de euro de Farmacoton e os 72 céntimos de Profil. Tódalas mostras examinadas superaron folgadamente as probas que esixe a lei (UNE-EN600, modificada en 1996), polo que os máis baratos (Farmacoton) poden considerarse a mellor relación calidade-prezo. Outras opcións máis resistentes e de prezo algo maior son Harmony, Control Nature (55 céntimos) e Presttys (43 céntimos). Profil é a única marca analizada que só inclúe dez unidades por envase, o resto leva doce.
O profiláctico converteuse nun dos sistemas anticonceptivos máis usados ó non precisar prescrición médica para o seu emprego e se-lo único que, amais da súa función contraceptora, impide o contaxio de enfermidades de transmisión sexual coma o sida, a gonorrea, a sífilis ou a hepatite B.
Os primeiros condóns que se coñecen confeccionábanse coa tripa natural de animais coma o año. Co tempo, os materiais empregados evolucionaron ata o látex de caucho natural, o elemento máis utilizado na actualidade, que se obtén da árbore Heyca Brasilensis e doutras árbores de caucho de Malaisia. Os alérxicos ó látex dispoñen no mercado de preservativos fabricados con poliuretano, un material hipoalerxénico que aínda só está presente nun número moi reducido de marcas á venda.
A lexislación marca un valor mínimo para a lonxitude (170 milímetros) e un rango de tamaños para a anchura, que debe estar entre 50 e 54 milímetros. As once mostras cumpren estes valores, de feito Galanty, Profil e Durex presentaron unha lonxitude incluso superior ós 200 milímetros. Pola contra, o profiláctico máis curto é Harmony, con 193 milímetros. No tocante á anchura, tódolos condóns miden 52 milímetros agás Family Natural, que mide un milímetro menos.
A capacidade de inchar de cada unidade debe ser, polo menos, de 18 dm3 (decímetros cúbicos). O mellor nesta proba, Durex Natural, superou sobradamente (55 dm3) o valor mínimo establecido pola norma. Incluso os de menor capacidade (Family Natural e Farmacoton) chegaron a admitir máis do dobre có parámetro esixido: 37 dm3. A norma dicta que os profilácticos deben aturar como mínimo a presión de 1 KPa (quilopascal). Galanty e, de novo, Control Natural foron os que máis presión soportaron (1,6 Kpa). O peor valor obtívoo Androtex, que aguantou 1,2 Kpa.
Para detecta-la presencia de buratos encheuse cada mostra con 300 milímetros de auga destilada e inspeccionáronse as súas paredes durante 1 minuto co obxecto de localizar posibles fugas. En ningún caso se detectaron poros polos que entrase a auga. Os ensaios sobre a resistencia e o alongamento do preservativo ata a súa rotura realizáronse así que se extraeron do estoxo (estado inicial) e "avellentados". Para avellenta-los condóns sometéronse durante 48 horas, tal e como indica a norma, a unha temperatura de 70 graos centígrados, o que pode facer que a resistencia varíe (para mellor ou para peor). En ámbalas situacións os profilácticos han de resistir, cando menos, 39 N (Newton) de forza e alongar sete veces máis có seu estado inicial (700%) sen sufriren roturas.
En condicións iniciais o preservativo Harmony foi o que obtivo os valores máis altos en resistencia (80 Newtons) e alongamento ata a rotura (870%, é dicir, estirou máis de oito veces e media por riba do seu tamaño inicial). Presttys e Control Nature tamén obtiveron bos resultados nada máis saíren do envoltorio. O preservativo menos resistente, aínda que con resultados aceptables, foi Prime (50 N), e o que menos estiramento aguantou foi Family Natural (750%, un 7% máis do lexislado).
Unha vez avellentados, os Control Nature son os máis resistentes: cómpre aplicar 78 Newtons para rompelos. Pola contra, Androtex é o que menos forza atura (52 Newtons). A capacidade de alongamento unha vez avellentados é maior en Prime e Harmony (estiran ata 8,3 veces máis có seu tamaño real), mentres que o peor nesta proba foi Presttys (rompeu ó ser alongado 7,4 veces por riba do seu tamaño).
A embalaxe e etiquetaxe foi correcta nas once mostras estudiadas. Todas cumpren cos requisitos da norma: en cada estoxo inclúese a identificación do fabricante e/ou distribuidor xunto co seu enderezo, o lote, as unidades que contén, a data de caducidade, as indicacións do producto e os consellos para unha óptima conservación. No interior de cada estoxo os preservativos preséntanse en envoltorios individuais de plástico ou papel de aluminio, e deben levar inscritos en cada un deles o lote e a data de caducidade. Tódalas marcas analizadas cumpren con este punto, pero en Presttys, Cosmos, Galanty e Family Natural nalgunhas ocasións non é posible ler con claridade estes datos ó coincidiren con outros textos ou lendas.
Nas once caixas inclúese un pequeno folleto explicativo coas características do preservativo, o seu modo de emprego e instruccións de conservación e refugo. Resulta moi aconsellable ler esta información antes do seu emprego, xa que a rotura dos profilácticos case nunca se produce por un fallo do producto, senón que adoita estar relacionada cun mal uso ou cunha mala conservación.
Para acada-la máxima protección fronte a embarazos non desexados e fronte a enfermidades de transmisión sexual coma o sida, a sífilis ou a hepatite B, é importante seguir adecuadamente as instruccións de uso e conservación que se detallan no interior dos envases. Velaquí as máis importantes.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI