Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Estas residencias son unha alternativa en alza, accesible para o peto e, sobre todo, respectuosa coa nosa mascota
Os cans son, sen dúbida, o animal de compañía favorito no noso país. Aínda que non hai un censo oficial, estímase que conviven como mascotas máis de dous millóns e medio de cans, aínda que só 800.000 están identificados mediante microchip. Así e todo, semella que a chegada da época estival converte estes desinteresados amigos nun estorbo, especialmente ó planifica-los desprazamentos das vacacións.
Segundo cifras oficiais, no noso país abandónanse anualmente ó redor de 125.000 cans. Parte deles consegue regresar ó seu fogar, pero o resto sacrifícanse ou morren atropelados ou desnutridos. O maltrato ós animais que se rexistra en España arrédase dunha Europa moito máis concienciada neste problema. Sen irmos máis lonxe, hai unha organización alemana (Alba) que anuncia en Internet un servicio para correr cos gastos de adopción de mascotas españolas. Polo de agora, de pouco serven as campañas de sensibilización que diversas institucións lanzan cada verán para concienciaren os cidadáns sobre o terrible hábito de desfacerse do cachorro que medrou ou de abandona-lo amigo de catro patas que agora non encaixa na nosa nova casa (as dúas principais causas de abandono). O delicto está contemplado como falta moi grave na maioría das comunidades e as sancións previstas oscilan entre 300 e 18.000 euros. As residencias caninas convértense, ante este desolador panorama, nunha opción non só válida senón precisa para as vacacións da mascota familiar.
Deixalo cun familiar ou cun amigo é unha opción, pero non sempre resulta posible. Levalo de viaxe pode ser inviable ou provocar moitos gastos. E, en consecuencia, contrata-lo servicio dunha das aproximadamente 515 residencias caninas do noso país é unha alternativa en alza. Aínda que nun comezo poden non parecer baratas -custan arredor de 8 euros diarios-, cómpre lembrar todo o que nelas farán polo noso amigo de catro patas: coidarano, alimentarano, pasearano e manterano limpo. E aínda que a primeira vez que pase uns días na residencia canina o animal sufrirá o abandono e poderá presentar un cadro de depresión leve e deixar de alimentarse, asumirao con resignación en vindeiras ocasións, sempre e cando o trato anterior fora o adecuado.
Repare nos seguintes aspectos ó elixir unha residencia canina para a mascota familiar:
Se as residencias caninas cumpren correctamente coas funcións básicas que se lles encomendan -dar de comer e de beber ós animais, proporcionarlles un lugar para mexar e defecar e desinfectar este lugar-, o estado da boca e das unllas será ó axeitado ó recollelo e probará que coidaron ben do can.
A nutrición tamén ocupa un papel moi importante na saúde dos animais e debe axustarse a cada mascota de xeito individual e atendendo ás súas preferencias. Obviamente, distintas razas requiren distinto tipo de alimentación.
Á calidade da auga xeralmente non se lle outorga a importancia merecida. Hai que esixir hixiene e que estea controlada analiticamente.
A construcción inadecuada das instalacións tamén pode ser orixe de varios problemas. Tórnase esencial unha boa ventilación: a traqueobronquite infecciosa canina é común en poboacións confinadas, pero a súa incidencia é moito menor cando existe un bo intercambio de aire. As superficies porosas son difíciles de limpar e poden albergar axentes infecciosos, ovos de parasitos ou ouriños que poden irrita-la pel. Por iso cómpre fixarse en que as superficies proporcionen unha boa drenaxe (un sistema de reixas ou slats pode facilitar enormemente a limpeza e desinfección, pero cun deseño que impida que as unllas se enganchen neles). É ideal un chan que non sexa esvaradío, pero que non raspe as patas.
As gaiolas tampouco deben ser porosas para facilita-la súa limpeza e evitarlles problemas de saúde ós animais. Hai casos descritos de envelenamentos por chumbo a partir de superficies pintadas, gaiolas e cuncas de louza.
Visite a residencia antes de deixar nela a súa mascota. Repare na limpeza das gaiolas, no espacio aberto para pasear e comprobe a actitude dos cans aloxados. Antes de emprender unha viaxe coa mascota, convén pensar nas seguintes cuestións: ¿atópase o can nun bo estado de saúde? ¿gozará a viaxe? ¿será benvido no lugar de destino? ¿será posible ocuparse del coma na casa?
As mellores mascotas para levar de viaxe son as que están afeitas a saír e pasear en coche ou a seren levadas en gaiolas para animais. Se o seu can non está afeito a saír da casa e a viaxe vai ser longa, convén levalo pasear antes de partir, para que se afaga.
Hai algunhas precaucións que cómpre tomar:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI