Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Medio natural

Λ

Cebos envelenados: A maior ameaza das especies máis vulnerables

Amais de ser unha práctica cruel cos animais, pode ter repercusións negativas nos seres humanos, xa que o veleno entra na cadea alimenticia.

  Manteñen as organizacións ecoloxistas que a principal ameaza que planea sobre as especies de fauna ibérica máis vulnerables á desaparición é o uso de cebos envelenados. A aguia imperial -única no mundo-, o alimoche, o voitre negro ou o voitre barbado, xunto a carnívoros case extinguidos coma o oso (no ano 2000 foron confirmadas tres mortes de osos envelenados en Cantabria) e o lobo, enfróntanse a un futuro incerto no que as prácticas primitivas supoñen un factor determinante na reducción das súas poboacións.

Desde o comezo dos tempos, os campos estiveron sementados de cepos, lazos e engados tóxicos colocados polo home na súa loita pola supervivencia, pero daquela funcionaba tamén como equilibrio do ecosistema. Agora, os métodos de captura non selectivos -e ilegais-, causan a regresión e extinción da fauna, co agravante de que os principais afectados son precisamente as especies con serio perigo de desaparecer para sempre. E aínda que perigo significa que aínda hai tempo, extinción é sinónimo de irreversible.

Poucas sancións

A lexislación internacional e local endurécese ano tras ano e persegue a cómoda práctica de provocarlle a morte á natureza, pero os procedementos son difíciles de detectar e, desafortunadamente, moi fáciles e baratos de levar a cabo. Desde 1996 o uso de cebos envelenados é un delicto tipificado no código penal, castigado con penas de entre seis meses e dous anos de cárcere. Sen embargo, aínda que a batalla legal resulta incipiente, nos nosos tribunais só se dictaron cinco condenas. O 13 de outubro de 1999 dictouse a primeira condena contra quen colocara 6 ovos de paspallás que previamente manipulara inxectándolles unha substancia denominada fentión. Este composto químico insecticida utilízase para envelenar cebos que perseguen controla-lo número de predadores, pero os seus efectos poden acumularse na cadea alimenticia e acabar afectando os seres humanos. As lexislacións das comunidades autónomas tamén consideran o uso de veleno como infracción grave ou moi grave, pero ó igual ca na xurisprudencia estatal case non hai sancións. O motivo: esíxese como proba a demostración da autoría do envelenamento, o que resulta imposible nos mais dos casos.

Alta toxicidade

É difícil seguírlle-la pista ós envelenadores. As substancias tóxicas forman parte da composición de productos de uso rutineiro na agricultura, de adquisición cotiá e libre. Os velenos que se están a empregar para eliminar fauna son, sobre todo, organofosforados, substancias como o carbofúrano ou o aldicarb, de toxicidade elevada en cantidades moi pequenas. Un miligramo abonda para matar unha ave dun quilo de peso. O cianuro, atopado nas análises de animais envelenados, é un compoñente dos raticidas. Non obstante, sexa cal sexa a composición do producto velenoso, a maioría teñen en común que conducen a unha morte prolongada e dolorosa por sufocación e parálise muscular.

Cebos

Eliminar depredadores, en xeral, e lobos, raposos e cans bravos, en particular, é o obxectivo dos velenos que se colocan no monte. A causa: os danos dos carnívoros ó gando ou ás especies cinexéticas, aínda que tamén hai quen esparexe veleno confiando en que algún porco bravo o devore e deixe de estraga-los seus prados e os seus cultivos. Cans bravos, animais sen dono que se reproducen no campo, tamén forman parte do problema e son a escusa perfecta para o uso indiscriminado de cebos envelenados. E deste xeito, moitos cans das aldeas e dos propios pastores, que deambulan libremente polo monte, están detrás de matanzas de reses que, a miúdo, acaba pagando o lobo. Outras especies, como o raposo e outros pequenos carnívoros, son perseguidas pola súa presión sobre a fauna cinexética; os córvidos e os roedores, polos seus danos nas colleitas. Esta práctica, ilegal, parecía un mal soño do pasado. O uso de cebos envelenados coñécese en España polo menos desde finais do século XIX, pero cando na década dos anos 60 a poboación da Aguia imperial se reduciu a 30 parellas saltou a alarma. Vinte anos de evolución da sensibilidade social fixeron que en 1983 fose declarado ilegal o uso de cebos envelenados para o control de predadores. Sen embargo, cando o problema parecía xa superado, cara a finais dos 80 e primeiros anos 90, volveuse atopar un bo número de animais preeiros envelenados mediante estes cebos.

Envelenar non é a solución

O sistema non só é ilegal, senón que altera a organización dos ecosistemas e, o peor de todo, non selecciona as víctimas. Calquera animal que se alimente de carne é un receptor potencial dos cebos envelenados, e non só de primeira man: as substancias tóxicas persisten no organismo, de xeito que se transmiten a través das redes tróficas. O lobo envelenado morrerá antes ou despois e, en calquera caso, o seu cadáver serviralles de comida ós preeiros: córvidos, voitres, raposos, porcos bravos, outros lobos... que tamén morrerán e serán devorados, transmitindo o veleno ata que a súa concentración deixe de ser letal. Os que sobrevivan veranse afectados, por exemplo, no seu éxito reproductor. Esta cadea non exclúe ó ser humano. O método non é selectivo e propaga a morte de tódolos carnívoros. Unha posible alternativa para encara-lo problema de ataques indiscriminados son batidas selectivas que teñen que ser permitidas polas administracións, aínda que non é práctica habitual.

Qué facer se atopamos animais ou cebos supostamente envelenados

Un dos principais obstáculos para procesar ó que envelena é a carencia de probas adecuadas. Por este motivo, é moi importante que, de atoparmos un cadáver ou cebo supostamente avelenado, se apliquen unhas liñas de actuación que eviten defectos de forma.

  • É imprescindible avisa-la Autoridade Xudicial (SEPRONA ou Axentes Forestais).
  • Non hai que tocar nin move-lo cadáver ata que chegue a autoridade.
  • Hai que fotografa-la zona e o cadáver.
  • Débese revisa-la zona para comprobar se hai máis cadáveres, mesmo de animais domésticos, e cebos.
  • É fundamental pór axiña os feitos en coñecemento dos responsables da Comunidade Autónoma.

Cifras para a reflexión

Desde o Laboratorio Forense de Vida Silvestre sinálase que o problema, lonxe de desaparecer, se acentúa. Os datos que achegan desde este Laboratorio son reveladores: polas súas dependencias pasaron 5.623 animais envelenados desde 1990. Os cans bravos encabezan a estatística (1.510), seguidos do voitre leonado (627), o miñato real (489), o voitre negro (404) e o raposo (335). No primeiro caso, o número reflicte a dimensión da poboación; nos do miñato real e o voitre negro constitúe unha perda de exemplares catastrófica. Aínda que a situación máis grave é a da aguia imperial ibérica, que perdeu 69 individuos nunha década sobre a penas 150 parellas. Para dar unha idea clara de cál é o estado actual destas especies, cómpre lembrar que a poboación española de voitre negro se conta en arredor das 1.000 parellas -1.127 en 1998- mentres que a de alimoche supón máis das dúas terceiras partes da poboación continental. No tocante ó voitre barbado, especie en perigo de extinción xunto coa aguia imperial, o veleno é actualmente a súa principal causa de mortalidade. E o 82% das tan só 117 parellas reproductoras da especie que habitan en Europa atópanse nos Pirineos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto