Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Novas Tecnologías

Λ

Weblogs: Bitácoras para todos

As 'weblogs' ou bitácoras permítenlles ós usuarios sen experiencia publicar contidos en Internet

  A primeira páxina web, a que hai once anos creou en Suíza Tim Bernest-Lee, era unha weblog, aínda que daquela ninguén pareceu decatarse diso. Sen embargo, no último ano as weblogs ou bitácoras convertéronse na palabra de moda, no concepto que mudou o xeito de transmitir información e ameaza con cambalea-lo xornalismo tradicional. Mesmo hai quen as chegou a comparar coa democratización que na transmisión do coñecemento tivo a imprenta.

E, sen embargo, unha weblog non é máis ca unha bitácora, ese libro de a bordo no que o capitán anotaba de modo cronolóxico tódolos acontecementos do navío. Trasladado ó mundo dixital vén se-lo sitio-web onde o internauta relata o que lle interesa a quen queira escoitar, sen intermediarios que coarten a súa liberdade. Dito así, non semella nada novo baixo o sol, xa que hai anos que publicar unha web é barato e doado. Daquela, ¿onde radica a novidade? En que nunca antes fora tan barato (gratis) nin tan doado (uns poucos clics do rato) lanzarlle a unha audiencia potencial de varios centos de millóns de persoas as arengas persoais.

Sitios web como o pioneiro Blogger ou o hispano Blogalia permítenlles ós internautas que practicamente non saben utilizar un procesador de textos crear e manter vistosas bitácoras (páxinas web, en definitiva) valéndose de modelos predeseñados ad-hoc. Despois, abastecer estes webs de contido tórnase nun xogo de nenos: abonda con escribir nunha páxina destinada a iso e pulsa-lo botón publicar.

Por amor á arte

A temática destes altofalantes mediáticos é tan diversa coma o son os seus creadores: hai bitácoras banais, filosóficas, poéticas, literarias ou informativas. Os que escriben nelas case nunca gañan nada máis ca unha inxección de ego, que adoita ser directamente proporcional ó número de internautas que son capaces de congregar.

Este fenómeno deu orixe a verdadeiros gurús que desde os seus púlpitos dixitais informan ou entreteñen a grupos máis ou menos numerosos. Escritores que pasaron media vida de editorial en editorial suplicando unha oportunidade teñen agora unha cohorte de seguidores que ansían cada nova entrega. O boca-orella (máis ca calquera marca que os apoie) atrae os usuarios cara a bos escritores e xornalistas que carecen dun sólido apoio mediático, antes imprescindible para chegar a un público tan amplo.

As bitácoras non supoñen un cambio substancial no xeito de transmitir información, xa que non deixan de ser unha sucesión de textos, mellor ou peor engarzados, cunha temática común (algo non moi diferente a un xornal ou a unha revista). Non obstante, hai weblogs máis evolucionadas, verdadeiros puntos neutros onde se vehicula o coñecemento dos seus integrantes. A clave está nunha palabra: a moderación.

Nos weblogs moderados cada internauta pode comenta-las informacións publicadas, coma se se tratase dun foro de debate. Pero a gran novidade que achegan estes sitios-web é a ausencia de comentarios fóra de ton sen recorrer á censura.

Sen ruído

En moitos foros de debate o nivel de ruído acaba sendo enxordecedor. Cantos máis usuarios teña un foro, maior será a cantidade de persoas que se desvíen do tema de debate ou que lonxe de contribuír con comentarios razoados e útiles se limiten a difamar ós presentes ou a torpedear calquera conversa intelixente (o que se coñece como Trolls). A solución, ata agora, pasaba por instaurar como mal menor a figura do censor que velase polo publicado.

Sen embargo, as weblogs moderadas contan cun sistema de xestión escrupulosamente democrático. Tomemos como exemplo o web de referencia no software libre, Slashdot (www.slashdot.com). Tódalas opinións vertidas neste foro son valoradas polos propios lectores que, cada certo tempo, reciben puntos para repartilos como mellor entendan entre os comentarios doutros usuarios. Non se trata de vota-lo que un apoia, senón salienta-las opinións máis razoadas, informadas ou enriquecedoras, independentemente do seu signo. É dicir, o que máis paga a pena ler.

Opinións ponderadas

Mediante este sistema tódolos comentarios acaban sendo valorados entre -1 (o mínimo) e 5 (o máximo). Así, os visitantes á páxina só deben escolle-lo nivel soleira de calidade dos comentarios que están dispostos a ler. Ningunha opinión se censura, pero poucos visitantes estarán dispostos a le-lo que os máis dos internautas castigaron cun -1, mentres que os que menos tempo dispoñan se limitarán a le-las opinións máis brillantes.

Para encerellar aínda máis a cereixa, outra serie de usuarios recibe puntos de metamoderación, que serven para valora-las puntuacións que os moderadores emitiron e evitar que no sucesivo usuarios tendenciosos se aproveiten do sistema para puntuar mellor opinións afíns. O mellor xeito de escruta-lo funcionamento deste sistema é dar unha volta por Slashdot e velo en funcionamento. Cada día publícanse máis dunha ducia de novas con centos de comentarios entre os que resulta doado extraer só os mellores.

Un pequeno comentario, Rob Malda, o creador de Slashdot, pediulle matrimonio á súa moza nunha nova da propia web titulada "Kathleen Fend le esta historia". Ela respondeulle quince minutos e trinta segundos despois nun comentario que recibiu a máxima puntuación (5 puntos) polo seu interese: "Si, parviolo. Fixéchesme chorar".

Navegar á carta

Blogger www.blogger.com
Blogger é unha ferramenta sinxela e gratuíta para que os usuarios publiquen en Internet aínda que non teñan ningún coñecemento de programación. Sen embargo, os habilidosos co HTML poderán personaliza-las súas creacións tanto como desexen.

Kuro5hin www.kuro5hin.org
Kuro5hin é unha das bitácoras máis adiantadas tecnoloxicamente da Rede. Nela os usuarios non só poden emitir xuízos sobre as novas e sobre as opinións doutros internautas, senón que son eles mesmos os que de maneira democrática elixen qué informacións publicar e cáles desbotar.

Blogalia www.blogalia.com
Blogalia, a comunidade española de bitácoras, satisfará ós usuarios que estean dispostos a renunciar a algunhas opcións avanzadas de Blogger en troques de empregar unha ferramenta en castelán. Os que se dediquen máis a mirar e menos a interactuar (os que se limiten a recoller bitácoras alleas), atoparán entre as weblogs que aloxa verdadeiras xoias literarias e de divulgación científica.

Barrapunto www.barrapunto.com
Aínda que o seu sistema de moderación leva meses no dique seco por problemas técnicos, Barrapunto segue sendo a weblog española máis concorrida. A súa temática é preferentemente tecnolóxica, pero abriuse a outros temas sociais que conseguiron un número de comentarios impensable noutros temas máis arduos e técnicos.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto