Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Vicente Ferrer, toda unha vida dedicada ós demais: "O 90 % das familias deberían doar cartos para os países pobres"

  ¿Que se pode dicir dun home que con 82 anos ás súas costas confesa sen mostra ningunha de sufrimento ou de falsa modestia que non procura a felicidade: "Como moito, traballo pola dos demais. En realidade, non sei o que é a miña felicidade, coido que é un desatino, seméllame excesivamente egoísta"?

Vicente Ferrer é, amais dunha institución vivinte, un home locuaz que transmite serenidade e que vehicula as súas fortes conviccións éticas ("a responsabilidade recae na sociedade, pero o que fago é un motivo abondo para dedicarlle toda unha vida") cunha sabedoría ancorada no práctico que o leva a pórse como meta que "o 90% dos españois doen cartos para o desenvolvemento dos países máis pobres do mundo".

Non avellentou, porque non deixou de se namorar: da vida, da xente, dos seus proxectos solidarios. Pero Vicente Ferrer dista moito de ser un romántico. Para el, a acción consiste en pór en práctica as ideas, e o idealismo non é outra cousa que actuar.

Apoiado por Ana -esposa e compañeira de singradura solidaria- e polo equipo directivo da Fundación Vicente Ferrer, a este afable profeta da acción a prol dos máis necesitados véselle cómodo, afeito ó papel de falar, aínda que resulte evidente que prefire escoita-los demais e traballar a prol deles. Exprésase cunha lenta e doce cadencia, e nun desarmante exercicio de modestia e de respecto ó interlocutor non regatea esforzo nin tempo para fiar e ordena-las súas ideas. A cada momento, percíbese que tanto o xeito de pensar coma de comunicarse de Vicente Ferrer están moi imbuídos da espiritualidade oriental e do desapego a todo o material.

Ferrer non se sente un personaxe histórico pero así e todo aspira a que a súa obra, o seu inxente proxecto, sobreviva ó paso do tempo. É mestre, pero non se reclama líder nin profeta. Recoñece sen máis voltas que o obxectivo que o move a viaxar unha vez ó ano desde a India a España é recadar fondos e asegura que "debemos tira-lo máximo proveito dos cartos para levar adiante os nosos proxectos educativos, sanitarios e laborais". Na rexión de Anantapur, no Estado do sur de Andhra Pradesh, máis de dous millóns de persoas vincularon a súa economía e o seu sistema de vida ós logros da Fundación Vicente Ferrer. Este sistema dentro do sistema adquiriu agora signos de normalidade, pero non foi sempre así.

"Padre Ferrer, colla unhas pequenas vacacións e logo volva á India". Estas diplomáticas palabras enviadas por telegrama na primavera de 1968 asináraas a presidenta Indira Gandhi. As castas máis poderosas e influíntes da India, temerosas das melloras sociais que os programas de actuación dos equipos de Vicente Ferrer estaban acadando para a poboación, acusaron a este traballador infatigable de querer converte-los campesiños ó cristianismo, cando este obxectivo nunca inspirou ó noso personaxe. Pero foron precisamente os labregos, os pobres entre os pobres, os que se manifestaron para esixir que volvese o home flegmático que impulsaba a construcción de pozos, clínicas rurais e escolas. Pasaron desde aquela máis de 30 anos e o esforzo da fundación Vicente Ferrer plásmase en 1.500 aldeas dotadas de infraestructuras, onde a auga é potable, onde hai camas nos hospitais, onde hai libros e nenos que aprenden a ler e onde as cooperativas agrícolas xeran actividade económica e riqueza. Discapacitados, mulleres e intocables seguen sendo pobres, pero comezan a crer que se pode vivir sen se someter submisamente á tiranía da pobreza.

Falar con Vicente Ferrer é escoitar reflexións e propostas tan afastadas dos maximalismos coma impregnadas de realidade e de compromiso. O seu optimismo baséase na fe das persoas, mentres que a súa crítica ó sistema reside no práctico, na busca do cambio.

A súa fundación reivindica a axuda integral ó desenvolvemento, actúan construíndo vivendas, hospitais e escolas, axudando á extracción e canalización de augas en terreos áridos, contribuíndo ó desenvolvemento da producción agrícola, creando estructuras de formación profesional, ofrecendo microcréditos, equiparando os dereitos da muller ós do home. ¿É este o camiño das ONG de desenvolvemento?

Nós nacemos coa idea de construír unha manifestación externa do ben. Fomos medrando e multiplicámo-los efectivos, adecuando os recursos para que o noso traballo chegase non a centos senón a milleiros de persoas, entendendo que para ser eficientes tiñamos que emprega-los medios máis axeitados. E, deste xeito, aquel soño deixou de ser un pequeno proxecto nun mundo distinto: estamos na India, nun sistema particular, e isto distínguenos dos que procuran outras organizacións noutros países, aínda que en esencia todos nos esforzamos no mesmo, na convicción de que con moi pouca cousa se pode facer feliz a outra persoa. De aí xorde o desexo de poder chegar a millóns de seres humanos, neste caso da India, de contribuír a diminuí-lo sufrimento mediante o recurso á compaixón espontánea.

A zona na que leva adiante a súa acción a Fundación ten a extensión de Estremadura, e chega a dous millóns de habitantes. Isto amosa que os problemas teñen solución, cando menos paliativa, pero aceptará vostede que non se lle pode pedir ó mundo desenvolvido que xere mil padres Vicente Ferrer para acabar co subdesenvolvemento nos países máis pobres do mundo. ¿Que debe face-la Unión Europea e os países máis ricos do mundo?

Permítame facerlle unha pregunta: ¿Como podemos restaura-la sociedade se non hai unha reacción masiva nos pobos que poden dar? Cómpre que se produza unha revolución que mova as masas desde o convencemento de que nesta epopea precisamos un heroísmo colectivo. Sen recoñecermos que a humanidade está enferma non podemos gaña-la gran batalla. É certo, a sociedade puido estar enferma durante toda a súa existencia, pero é neste tempo cando se produce a gran traxedia dunha coexistencia entre os recursos abundantes e a extrema pobreza. Unha parte da Terra teno todo nas mans, e non obstante, sofre tamén pola desharmonía global do planeta. Os intereses creados desharmonizan ó home individuo do Norte, que sofre na súa loita entre o ben e o egoísmo, e o seu desequilibrio vese trasladado á sociedade. ¿Por que non o solucionamos, por que non temos xa resolto o problema das grandes diferencias, de seres que están condenados a unha vida infrahumana mentres que outros moitos seres viven na opulencia?

Pero son optimista, penso nos logros que se foron conseguindo e nos milleiros de anos que tiveron que pasar para chegar ata este momento. Admitamos que estamos nun período inexplicable da humanidade que, malia a todo, progresa cara a unha evolución positiva, se ben para acada-la solución tamén vai pasar moito tempo. Eu tamén quixera resolver tódolos problemas da India, pero iso é imposible. Por certo, os organismos internacionais existen porque o mundo non se pode deter.

¿Por que elixiu a India?

A India elixiume a min. A casualidade encobre cousas moi grandes, e engloba todo o que facemos nun espacio da nosa historia. Asumo que o que aconteceu nestes 50 anos de vida da nosa Fundación foi froito de decisións, de reaccións ante imprevistos favorables ou desfavorables. Durante a Guerra Civil elixín dedicarlle o meu traballo a Deus. Tomei esta decisión, e ó remata-la guerra estiven pensando en qué podía concentra-los meus esforzos para poñela en marcha.

Decidín entrar na Compañía de Xesús, seguindo o carácter aventureiro de San Ignacio de Loyola, con aquela mestura de santo e comerciante. Gustoume o seu espírito, era un home moi práctico, preguntábase qué facemos na vida.

Malia ós seus comezos relixiosos, a súa vida é un exemplo de antepor sempre a emancipación dos pobres ó discurso evanxelizador. ¿É a axuda ó necesitado a boa acción por excelencia?

Déixeme explicarllo. No meu caso, cumpríase o terceiro ano da miña formación relixiosa. É entón cando debes saír abastecido co espírito pero eu decidín arredarme da espiritualidade. Decidín que o que máis me importaba era escoitar e obedecer ó meu convencemento de que á santidade se chega polos camiños máis terrestres. Para min, actuar é o máis importante, é a última espiritualidade, porque vai un paso máis alá da oración, porque na túa acción boa se move todo o teu ser: a parte física, o sentimento, as sensacións...

É de supor que foi daquela cando acuñou o lema que máis o define: "a acción contén en si toda a filosofía, todo o universo e ó mesmo Deus"

Cando comecei a traballar nas misións, todo se fundou arredor da acción, de diminuí-lo sufrimento dos seres humanos, que non consiste en impor nada senón en axudar a mitiga-la dor. Formamos unha organización semellante á de agora, co meu propio catecismo, falándolles ós campesiños e dicíndolles que os dous fillos dunha nai non son irmáns, que se tornan irmáns cando un axuda o outro. Se queredes ser ricos, dade; se queredes ser pobres, non lle deades nada a ninguén. E así fun elaborando os mandamentos que se poden resumir no concepto filial entre os seres humanos. Parto de que todos nos debemos á sociedade na que medramos e que lle debemos devolve-lo que nos dá. Se fas contas e só entregas o que recibiches, significa que non deches nada, só devolviches.

¿É isto unha resposta ó espírito ou marca pautas de comportamento?

O home está dotado dunhas forzas espirituais que non precisan aditivos para se explicaren. Son inimigo de falar de revelacións, mais lembro unha noite moi escura durante a guerra, na que o meu pensamento me puxo a proba. Emprendín a miña propia batalla, tiña que escolle-lo bando onde me alistaba: a escuridade ou a luz, e non entendía por qué me custaba tanto aferrarme á luz. Desde aquela estou no seu bando, aínda que vexo a escuridade deste mundo e enténdoa. Pero o bo é que a luz non se apaga: está o amor ós demais, a solidariedade, o querer que este mundo sexa diferente do que é. Queixámonos a Deus, se é que está aí, de que o mundo está mal feito e isto arrédanos dos homes. É unha proba demasiado forte e temos que queixarnos do que nos toca vivir.

Intervén a súa muller, Ana, que cun apracible sorriso afirma que Vicente Ferrer actúa en España como un filósofo mentres que na India fala só de cousas moi prácticas. "Aquí refúxiase en mensaxes espirituais porque a xente ten apetito delas e precísaas, pero durante os trinta e catro anos que levo vivindo con el non deixou de pensar cada día en qué pode facer para mellora-las condicións de vida dos demais".

Será que precisamos recibir doses de optimismo e fe, e que ninguén mellor ca quen traballa afanosamente, ata o punto de dedicarlle toda unha vida, por mellora-lo mundo.

En España precisamos un heroísmo colectivo, porque vence-la pobreza é unha gran batalla humana que non podemos gañar sen unha enorme dose de entrega. Por iso, temos que conseguir que no noso país o 90% das familias doen diñeiro para os países pobres. Repito, a humanidade está enferma pero sinto que temos cada día máis presente a solidariedade.

Son cada vez máis frecuentes as noticias sobre malas xestións de ONGs e os actos reprochables especificamente das que traballan en proxectos de desenvolvemento. ¿A que atribúe tantas irregularidades?

Esas informacións son como unha epidemia, un virus. Permítenlle concluír a quen queira xustifica-la súa conciencia que, efectivamente, estaba no certo: que non tiña que axudar a ninguén. Os casos de abusos son lamentables, pero humanos, porque voluntarios ou misioneiros participan de tódalas virtudes e defectos dos seres humanos. Sen embargo, as máis das veces os proxectos das ONGs están moi controlados. A nosa Fundación hai 32 anos que traballa no mesmo lugar e é a propia comunidade de destinatarios das nosas accións a que vixía o que facemos.

Ténselle oído laiarse da burocracia á que están sometidos.

No canto de tantos papeis, as administracións deberían pedir e comproba-los resultados. Se pedimos cartos para facer un hospital, queren controla-las facturas compulsadas, unha morea de caixas de papeis que cómpre empaquetar e enviar, e o que deberían comprobar é se o hospital se construíu e funciona. Sería máis doado e resultaría máis eficaz para todos.

Fináncianse en boa parte a través do apadriñamento de nenos dunha comunidade. ¿Por que esta fórmula?

É o sistema de solidariedade máis perfecto para contribuír ó desenvolvemento dos países pobres, xa que garante unha doazón permanente durante un longo período de tempo. Precisamos dez ou mais anos de continuidade nos ingresos para estarmos seguros de que haberá cartos para acometer cada proxecto. Unir unha familia española cunha familia india resulta emotivo e unha experiencia moi forte para os "padriños". Moitos deles nos agradecen esta posibilidade de se relacionaren coa familia axudada. Temos 64.000 nenos e nenas apadriñados, e queremos acadar 30.000 máis. Un dos programas máis importantes é impartirlles educación lectiva a estes nenos. Na India os pobres coidan que a educación non é para eles, e nós traballamos para que, en primeiro lugar, saiban que tamén teñen dereito a estudiar, e para que, despois, estudien de verdade.

Resulta un paradoxo escoitar isto da India, un país orixe de matemáticos e informáticos de elite que se disputan as empresas dos países desenvolvidos.

É verdade, pero os pobres non saben nada destas cousas. Oen algo, pero non vai con eles, non teñen forza, nin voz. O outro día abraioume ler que a India mercara uns sofisticados dispositivos loxísticos que lle permiten saber ó exército indio ónde se atopa o inimigo. Pero non esquezamos que os máis pobres son xente feliz e, aínda que resulte difícil de entender, canto máis posúen son menos felices porque viven con menos tranquilidade. Os pobres non teñen preocupacións, xa dixo Buda que a felicidade radicaba en non desexar nada.

¿Como se acada logo o equilibrio entre as necesidades espirituais e materiais?

A India enteira é un lugar sagrado. A cultura elévaos ás nubes, á espiritualidade individual, mentres que en Europa nos conduce ó amor ós demais, a servilos e axudalos, porque é o que reconforta a alma. A acción, prestar axuda, é o movemento natural na nosa sociedade. En Oriente, a mística, falar e atopar a Deus, é o ordinario, imbuíron algo sagrado en tódalas cousas.

Se cadra por iso a India é vista no mundo occidental cun halo de misticismo, e move os mozos a ofreceren a súa colaboración ou a procuraren respostas persoais.

Os voluntarios, sobre todo, teñen que ser útiles. Cómpre que teñan un forte espírito de sacrificio e que queiran atopa-la súa felicidade proporcionándollela ós demais. O erro é querer repeti-los esquemas pracenteiros de aquí na India. É un esforzo inútil.

Un ano máis visitou España para recadar fondos. Ós seus 82 anos contaxia a todo o mundo co seu espírito inconformista e sereno a un tempo, pero, ¿non lle pide o corpo descansar un pouco?

A Fundación funciona sen min, pero eu non sen ela. Temos un equipo directivo de máis de vinte persoas completamente dedicadas ó proxecto. E case todas elas son indios do lugar que levan máis de vinte anos traballando na organización. Eran, ó comezo, pobres e incultos, pero estudiaron e instruíronse ata o punto de que están capacitados para traballar a este nivel directivo e de organización de proxectos. E non van marchar da Fundación porque son de alí, do lugar. O proxecto da Fundación Vicente Ferrer non remata en Vicente Ferrer, só comezou con el.

Vicente e Ana Ferrer van ser axiña avós. Devecen por volver á India que uniu as súas vidas cando ela era unha moza xornalista que se namorou dun revolucionario dos pobres, e o que era unha nova para un informativo converteuse no prólogo dunha nova existencia. Rematou xa a entrevista a, segundo a UNESCO, un dos personaxes máis salientables do século XX, candidato ó premio Nobel da paz e galardoado co Príncipe de Asturias á Concordia, pero non o impacto das súas verbas, que teñen un percorrido que vai moito máis alá da nosa imaxinación.

Quien esté interesado en la acción de Vicente Ferrer puede dirigirse a: www.fundacionvicenteferrer.org y a 902 22 29 29.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto