Saltar o menú de navegación e ir ao contido
O tamaño do xardín, o custo dos sistemas e o tempo que se lle queira dedicar ó coidado das plantas determinarán a elección.
Boa parte do éxito do xardín baséase nun óptimo deseño do sistema de rega. Se se fai á man, pódense corrixir carencias de auga dalgunhas zonas do xardín e adoptar medidas axeitadas para que ningún recuncho quede sen regar. Pero se se opta por un sistema mecánico, cómpre elixir meticulosamente a mellor situación dos aspersores, difusores e goteos para asegurarlles unha cobertura perfecta a tódalas plantas e zonas do céspede. A cantidade de auga precisa para axusta-lo sistema depende do tipo de arbusto, o seu grao de desenvolvemento, o substrato da terra, a estación do ano, a climatoloxía, o vento, a humidade ambiental, a cantidade das últimas chuvias, a humidade ambiente, e un longo etcétera. Pódese concluír, polo tanto, que o único xeito de atinar coa rega é o mimo: cómpre que o xardineiro observe e interprete os sinais que as propias plantas envían.
O método que se elixa depende do tamaño do xardín, do custo dos sistemas e do tempo que se lle queira dedicar ó coidado das plantas.
Unha planta dentro do fogar recibe moita menos luz da que orixinariamente precisaría. Para aguantar, os estomas abren parcialmente, a planta transpira pouco e, polo tanto, consome menos auga. Se anegámo-lo substrato, este permanecerá longo tempo nestas condicións xa que hai pouco consumo de auga. As raíces asfíxianse e a planta morre. Cando unha planta está no interior hai que evitar regala ata o límite da avaricia. Convén que nos afagamos a observala a cotío e agardemos para regala a que amose os primeiros síntomas, case imperceptibles, de que precisa auga.
Un concepto que pouco ten que ver coa rega é a conveniencia de subministrarlle humidade ó ambiente. No caso de plantas no interior pódese te-lo exemplar enriba dunha superficie con auga (un prato grande), coidando de levanta-la maceta con algún obxecto sólido, como pedras, co fin de que a auga non enchoupe as raíces. A evaporación da auga do prato abondará para compensa-los ambientes secos nos fogares. As plantas de exterior adoitan estar máis a gusto nunha zona que conteña unha gran cantidade de vexetación, como pode ser un parque. A transpiración da masa verde ó seu arredor proporciona unha humidade axeitada. No caso de plantas en ambientes máis secos como pequenos xardíns pouco vizosos, hai que compensar esta carencia con calquera dos métodos que a imaxinación e a conveniencia aconsellen. Desde ter un sistema de aspersores que se poña en marcha medio minuto cada hora (coidando de que a auga non molle as follas ó sol) ata rocia-las plantas manualmente cunha mangueira. Calquera método é bo con tal de proporcionar humidade ambiente.
É certo que xardineiros profesionais recomendan regar pola mañá en inverno e pola tarde no verán, entendendo que no estío se aproveita mellor a auga polo serán porque non se evapora tan axiña. Pero a premisa, sen ser falsa, esquece que se se rega pola tarde ou noite, a auga permanece moito tempo afogando as raíces, sen ser utilizada. O mellor momento para regar é polo tanto a primeira hora da mañá. No caso dun céspede no que os aspersores poden estar funcionando durante unha hora, cumprirá axusta-lo programador para que a rega remate á alborada, un anaco antes de que saia o sol.
Sen importa-lo sistema que se escolla, o obxectivo é sempre o mesmo: devolverlles ás raíces a auga que precisou a planta, e polo tanto usou, e que se evaporou. Hai que considera-lo tipo de terra, a flora que se posúe e o clima ó decidir cánto e cómo de a miúdo se debe regar. O solo areoso retén menos auga có arxiloso; as plantas grandes usan máis auga cás que acaban de agromar; o tempo caloroso e ventoso deseca a terra. No canto de seguir un horario baseado en cálculos ou no calendario, vixíe as súas plantas para saber cándo precisan auga, pero sempre tendo en conta que:
As sementes precisan que a terra estea constantemente húmida, pero pódense arrastrar doadamente por un forte chorro de auga. Régueas cunha chuvia suave cada un ou dous días.
As plantas 'adultas' débense regar menos a miúdo pero máis profundamente para que as súas raíces medren ben. Régueas a unha profundidade de cando menos 18 centímetros, e logo deixe que os catro centímetros superficiais da terra sequen completamente antes de volver regar.
Como norma xeral, as plantas que se regaron correctamente e polo tanto teñen raíces profundas precisan auga cada 5 ou 7 días durante a tempada calorosa.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI