Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Tensión prolongada, dietas inadecuadas, cambios bruscos de temperatura ou o descanso insuficiente provocan que o noso corpo se resinta e descendan as nosas defensas. Hai signos, como feridas nos beizos, maior cansazo ca decote, feridas que tardan en cicatrizar, dores musculares sen practicar exercicio ou fraxilidade do cabelo, que delatan que as defensas do noso organismo están baixas. Se ben o ideal sería evitar, na medida do posible, hábitos e situacións que poidan debilita-lo noso organismo, unha alimentación axeitada tamén nos pode axudar a superar épocas duras, pois permite reforza-lo sistema inmunolóxico, que nos protexe de bacterias, virus e outros organismos patóxenos.
Aparentemente a inxestión enerxética ten unha manifesta influencia na actividade inmunolóxica, tanto por exceso coma por defecto de calorías. A achega excesiva de enerxía pode afecta-la capacidade do sistema inmunolóxico de combater infeccións, polo que a obesidade está ligada a unha maior incidencia de enfermidades infecciosas. Ademais, as persoas obesas son máis propensas a desenvolver enfermidades cardiovasculares que, á súa vez, están relacionadas con alteracións da función inmunolóxica. Pero tamén as persoas desnutridas presentan un maior risco de contraer infeccións, ó igual ca quen segue réximes de adelgazamento de menos de 1.200 calorías ó día ou outros de maior número de calorías pero desequilibrados, xa que esas dietas poden facer diminuí-la función inmunolóxica.
A reducción de graxas na dieta non só se torna fundamental para controla-lo peso, senón tamén para o óptimo funcionamento do sistema inmunolóxico. Parece ser que as dietas ricas en graxa reducen a resposta inmunolóxica, aumentando así o risco de infeccións. Polo tanto, se se reduce o contido de graxa na dieta, a actividade inmunolóxica aumenta. Así e todo, non é só unha cuestión de cantidade, a procedencia ou calidade das graxas que introducimos na nosa alimentación cotiá tamén é importante. Cómpre incluírmos na dieta peixe azul, froitos secos, aceite de oliva e xirasol ou soia ou aceite de liñaza para asegurarmos unha achega equilibrada de diferentes graxas esenciais para a saúde.
Consumir regularmente productos lácteos fermentados -como iogur ou quefir- tamén contribúe a aumenta-las defensas inmunolóxicas. De feito, hai estudios que demostran que quen toma regularmente leite fermentado presenta, amais dunha maior resistencia ós microorganismos que provocan as intoxicacións alimentarias, un mellor estado do sistema inmunolóxico.
Para rematar, o mantemento en condicións do sistema inmunolóxico require un consumo constante de tódalas vitaminas e minerais precisos. Para iso, hai que asegurarse de seguir unha dieta equilibrada que inclúa variedade de alimentos nas cantidades axeitadas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI