Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Seis depiladoras eléctricas, a exame: Dolorosas pero eficaces

Os sistemas atenuantes da dor son esenciais para elixir unha depiladora

  Analizáronse seis depiladoras eléctricas de tres marcas diferentes (dúas de Braun, dúas de Philips e outras dúas de Rowenta). O seu prezo oscila entre os 64 euros de Braun Easy Start e os 85 euros de Philips Satin Ice HP. Tralas probas realizadas, a mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Philips Satin Ice HP, a de máis accesorios e a mellor valorada nas probas de uso e aptitude á función, malia a que foi unha das máis lentas en remata-la depilación. Philips Satinelle e Rowenta Access EP385 constitúen tamén opcións interesantes.

Unha depiladora eléctrica é un aparello deseñado para elimina-lo pelo de raíz, mediante uns discos rotatorios incorporados ó cabezal que levantan e extraen o pelo. O número de pinzas (que, ó se abriren e pecharen a gran velocidade, extraen o pelo) de cada cabezal é distinto segundo a depiladora da que se trate. Cantas máis pinzas teñan, menos pasadas serán precisas e máis eficaz resultará o aparello. Pois ben: as dúas de Rowenta teñen 32 pinzas mentres que as outras catro só teñen 20.

Os cabezais das Philips e Braun son extraíbles, o que permite intercambialos e facilita a súa limpeza en profundidade. As dúas mostras de Rowenta teñen cabezais fixos, aínda que en Access EP 385 o cabezal bascula para adaptarse mellor ó contorno da pel.

Entre os cabezais adicionais atópase o exfoliador, que evita o crecemento subcutáneo do pelo. Este tipo de cabezal está presente nas dúas de Philips. As dúas de Rowenta non inclúen este cabezal, pero si incorporan dúas placas exfoliadoras para usalas xunto ó cabezal de depilación principal, unha para pel normal e outra para pel delicada. As de Philips e Rowenta contan cunha tapa que protexe o cabezal cando non se usa.

Ó seren as depiladoras un aparello de uso doloroso, os mecanismos que atenúan o sufrimento adquiren un gran protagonismo. Con respecto a iso, os dous modelos de Braun incorporan o sistema valorado como o menos eficiente: dous rolos con púas que masaxean a zona durante a depilación.

Sistemas contra a dor

Cada unha das Rowenta presenta un sistema distinto para mitiga-la dor por medio de masaxes: Access EP385 utiliza 16 pequenas esferas e Expertise EP345 válese de 68 púas. Philips Satinelle utiliza dous peites de púas brandas, un para o cabezal normal e outro para o de zonas sensibles. En Rowenta Expertise, ó igual ca nas dúas Philips, o radio de actuación do cabezal pódese restrinxir para o seu uso en zonas sensibles (inguas e axilas). Deste xeito consegue unha depilación máis precisa e diminúe a dor.

O sistema máis moderno contra a dor viuse en Philips Satin Ice que, amais de se-la única con cabezal de corte para zonas sensibles (non extrae o pelo, córtao) conta cun aplicador de frío que anestesia a zona que se vai depilar. Este aparello contén un líquido que cómpre conxelar previamente e que se coloca ou non no cabezal segundo as necesidades do usuario.

Nas probas de sonoridade demostrouse que as seis depiladoras son moi ruidosas, con valores próximos ós 100 decibelios (dB). Unha conversa normal sitúase entre os 60 e os 70 dB, e o nivel soleira da dor está entre os 130 e os 140 dB, polo que a emisión de ruído é un aspecto que cómpre mellorar nesta clase de pequeno electrodoméstico.

Aínda que tódolos modelos estudiados superaron satisfactoriamente as probas de adaptabilidade e ergonomía, Philips Satin Ice foi mellor valorada cás demais por se tratar da máis lixeira (102 gramos) e porque a súa forma facilita unha mellor adaptación á man do usuario, o que permite unha mellor suxeición durante o seu uso. A máis pesada foi Rowenta Expertise, que deu 148 gramos na báscula de precisión.

Proba de uso

CONSUMER puxo a proba as seis mostras mediante un panel de 36 usuarios de distintas idades, con diversos tipos e cantidades de pelo e variados hábitos de depilación. Os resultados poñen de manifesto, en liñas xerais, que os dous modelos Philips foron algo mellor valorados cós Rowenta, e estes, á súa vez, foron mellor valorados cós Braun. Así e todo, as diferencias non foron importantes: a puntuación global máis alta na proba de uso acadárona Philips Satin e Satinelle, con 4,3 puntos sobre un total de 5 posibles, mentres que a máis baixa lle correspondeu a Braun Body Epilation: 3,4 puntos.

Este panel de uso avaliou 13 variables distintas. Philips Satin obtivo mellores puntuacións en Número de pasadas precisas para arrinca-lo pelo e en Sensación dolorosa durante a depilación, con boas valoracións no resto das variables. Philips Satinelle, pola súa banda, destacou en Estética do aparello, Posta en marcha práctica, Facilidade de agarre e Ergonomía, Manexabilidade, Nivel sonoro, Facilidade de uso, Apreciación da función de exfoliación, e Facilidade de limpeza do aparello.

Rowenta Expertise, que obtivo 4 puntos, os mesmos ca Rowenta Access, destacou en Calidade da depilación durante a primeira pasada, Suavidade da pel trala depilación, e empatou con Philips Satin en Número de pasadas precisas para arrinca-lo pelo. As dúas de Braun obtiveron resultados menos brillantes pero tamén correctos: Body Epilation, 3,4 puntos, e Easy Start, 3,5 puntos.

O tempo, fundamental

A depiladora que menos tempo precisou para rasurar media perna foi Rowenta Access, con 5 minutos e 33 segundos, seguida de Philips Satinelle, que precisou 6 minutos e 7 segundos. E a quen máis tempo lle levou foi a Braun Body Epilation (10 minutos e medio) e a Philips Satin (9 minutos, 17 segundos).

Por outra banda, nas probas relacionadas coa seguridade do producto e a súa compatibilidade electromagnética, as seis depiladoras estudiadas demostraron un bo comportamento: ningunha supón perigo para o usuario nin interfire co funcionamento doutros electrodomésticos.

Para o transporte

Tódolos modelos incorporan bolsa de transporte, pero a mellor é a de Philips Satin, que conta cun estoxo con compartimentos independentes para a depiladora e para o resto de accesorios. As dúas Braun inclúen bolsas fabricadas cun material que simula un enreixado metálico e é resistente ós golpes e ás rachaduras. A bolsa de Braun Easy Start é mellor, xa que o seu peche é de cremalleira e non de cordón corredizo. A bolsa de Philips Satinelle é sinxela, de tea permeable e con peche mediante cordón corredizo.

Información ó consumidor

Tódolos manuais foron ben valorados, aínda que con matices: os de Philips e Rowenta son moi bos, pero os de Braun valoráronse un pouco peor por non incluíren indicacións de cómo actuar en caso de que a depiladora ou o alimentador se deterioren. O manual de Philips HP 6447/00 non se corresponde con ese modelo.

A marcaxe e os símbolos que presentan as seis depiladoras estudiadas incumpren a normativa ó estaren incompletas as placas de características eléctricas de tódolos modelos. As garantías das mostras de Philips son correctas, pero teñen unha errata: din ser de cafeteira. A de Braun 2550 non se corresponde co modelo en cuestión, e o formato da de Rowenta EP385 non é correcto: falta espacio para indica-lo vendedor, a data e o comprador.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto