Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Seis bebidas "enerxéticas", ó laboratorio: Máis ca enerxéticas, son estimulantes

  Analizáronse cinco productos denominados "bebida enerxética" ou "Energy drink", e un (Guaraná Lamanita) que se define como "bebida refrescante de extractos". En realidade, a súa achega enerxética é moderada, unhas 45 calorías por cada cen mililitros. A OMS suxire que, pola súa composición e efectos, se denominen "bebidas estimulantes".

Aseméllanse a calquera refresco con burbullas, xa que comparten como ingredientes básicos a auga carbonatada e o azucre. A súa principal peculiaridade é que as cinco bebidas que se din "enerxéticas" incorporan cafeína e vitaminas e que, nalgúns casos, engaden tamén taurina, inositol, minerais, extracto de guaraná e outros compoñentes. O que máis os caracteriza é a achega de compostos con efectos a nivel metabólico.

A enerxía que proporcionan procede de azucres sinxelos (sacarosa, glicosa ou fructosa), que supoñen entre o 11% e o 12% do seu contido, mentres que o seu contido en graxa e proteína é nulo. Estas porcentaxes sitúanse no intervalo no que a absorción destes azucres é rápida, o que pode resultar beneficioso como fonte enerxética e de líquidos se a súa inxestión se produce durante a práctica de deportes de longa duración. Estas bebidas achegan tamén vitaminas e minerais (electrólitos) en cantidade abonda para que 100 mililitros cubran e nalgúns casos superen a cantidade cotiá recomendada (CDR) dalgunha vitamina, como a B6. Noutras vitaminas (C, B2, niacina...), aínda que menor, a cantidade é moi apreciable.

De tódolos xeitos, o que máis distingue estas bebidas é o seu contido en cafeína, que alcanza ata os 340 mg/litro, e que duplica o de bebidas refrescantes de cola, aínda que resulta equiparable ó dunha cunca de café.

A cafeína estimula o sistema nervioso central e pode aumenta-lo rendemento muscular e incrementa-la utilización dos ácidos graxos como fonte de enerxía aforrando glicóxeno, principal fonte de enerxía durante a práctica do deporte. Isto explica que o Comité Olímpico Internacional defina a cafeína como substancia dopante. A cafeína, ademais, induce sensacións de benestar e alerta.

O guaraná é unha planta que medra en Venezuela e Brasil, e sobre os seus efectos circulan lendas sen aval científico ningún. O seu compoñente esencial é a guaranina, substancia quimicamente idéntica á cafeína. A semente de guaraná contén un 5,8% de cafeína (en termo medio, o café da variedade arábica ten un 1,2% de cafeína). Tamén contén teofilina e teobromina, substancias de efecto excitante semellante ó da cafeína. Estas sementes conteñen tamén fibra vexetal, amidón, auga, resina, pectinas, ácido tánico e saponinas. O carácter graxo da semente do guaraná e substancias coma o ácido tánico ou as saponinas fan que a liberación da guaranina se faga máis a modo cá da cafeína.

Outra substancia dalgunhas destas bebidas é a taurina, un aminoácido esencial condicionado (o noso organismo é capaz de sintetizalo, pero pode atoparse en cantidade insuficiente) que participa no metabolismo das graxas facilitando a absorción, transporte e utilización dos ácidos graxos co fin de obter enerxía. Outras funcións están relacionadas co tecido muscular, polo que a taurina pode ser interesante na práctica dalgúns deportes.

En resumo, estas bebidas poden provocar cambios metabólicos ocasionais que alteran a utilización das reservas de enerxía do noso organismo, aumentando o emprego das graxas e aforrando glicóxeno (forma de almacena-los hidratos de carbono), amais do efecto estimulante da cafeína. Non achegan moita enerxía, pero algúns traballos científicos indican que melloran o rendemento deportivo e aumentan o nivel de alerta dos seus consumidores.

Qué teñen e en qué proporción

As seis conteñen azucres sinxelos arredor do 12%. Red Bull distínguese pola súa elevada achega de sacarosa (8%), mentres que no resto é baixa (entre o 1% e o 2% en Guaraná Lamanita e en Speed Unlimited) ou case nula. Red Bull case non incorpora fructosa mentres que as demais teñen entre un 5% e un 6%. Tamén contén menos glicosa (2,6%) có resto, que teñen arredor do 6%. A absorción de sacarosa no noso organismo é máis rápida cá de glicosa e moito máis cá de fructosa.

No tocante á cafeína, varía desde os 6 mg/l en Guaraná Lamanita ata os 341 mg/l en Red Bull. A segunda proporción máis baixa de cafeína é a B52 (263 mg/l) e séguea Guaraná Natural (300 meg7l). O contido en cafeína por envase destas cinco bebidas é semellante ó dunha cunca de café. O consumidor non debe inxerir despreocupadamente estes productos, especialmente se se trata de persoas con sensibilidade á cafeína ou que sufran problemas de hipertensión ou problemas cardíacos.

Por outra banda, nin Guaraná Lamanita nin Guaraná Natural indican o seu contido en extracto de guaraná, aínda que ámbalas dúas o salientan na súa etiqueta. Pódese pensar que Guaraná Lamanita ten pouco guaraná, polo moi baixo contido en cafeína detectado na análise. Pero en Guaraná -que amais de extracto de guaraná engade cafeína-, ó se-la guaranina e a cafeína quimicamente idénticas, non se pode discrimina-lo extracto de guaraná do contido total de cafeína. A taurina atópase en cantidades importantes en Dynamite (4,6 g/l) e Red Bull (4,0 g/l), e en doses modestas en Speed Unlimited (0,7 g/l) e B52 (0,5 g/l). Guaraná Lamanita e Guaraná Natural non engaden este aminoácido.

Para rematar analizouse o contido en vitaminas. Todas agás Guaraná Lamanita (neste producto non se atopou ningunha vitamina) teñen vitamina B6, desde os 4 mg/l de Speed Unlimited e Guaraná Natural ata os 24-25 mg/l de Dynamite e Red Bull. E ácido pantoténico, desde os 23-24 mg/l de B52 e Red Bull ata os 5-6 mg/l de Dynamite e Guaraná Natural. Pola súa banda, Speed Unlimited e Guaraná Natural presentaron similar proporción de vitamina C (138-139 mg/l), por baixo dos 231 mg/l de B52. A niacina, ou vitamina B3, foi detectada en Red Bull (81 mg/l), B52 (62 mg/l) e Guaraná Natural (34 mg/l). No tocante á riboflavina ou B2 atopouse en Red Bull (6 mg/l), Guaraná Natural (3,2 mg/l) e Dynamite (0,9 mg/l). Apareceron tres vitaminas máis: o ácido fólico (só en B52, con 0,64 mg/l), biotina (só en Speed Unlimited, con 0,32 mg/l) e vitamina B12, só en Red Bull, con 23,9 microgramos/l. Chama a atención a elevada proporción dalgunhas delas: unha lata de Red Bull achega o 100% da cantidade diaria recomendada (CDR) de ácido pantoténico, o 310% de vitamina B6, o 113% de B3, o 94% de B2, e, o máis sorprendente, o 598% de B12. Estas cantidades non resultan prexudiciais, pero non se deben inxerir estas bebidas a xeito de suplementos vitamínicos. Só Guaraná Lamanita inclúe conservantes: sórbico e benzoico, conxuntamente 326 mg/l. Aínda que conxuntamente non supera o contido permitido destes conservantes (400 mg/l), si o supera no de benzoico: ten 289 mg/l e a norma permite ata 150 mg/l.

Etiquetaxe, moitas irregularidades

A inclusión de mencións como "O máis prohibido" (Speed Unlimited) na denominación é de legalidade moi dubidosa. Un producto alimenticio non se debe atribuír na súa etiqueta efectos ou propiedades dos que carece. Pois ben, o que se di en dúas mostras é dificilmente demostrable. Guaraná Natural di "O Guaraná natural procedente do Amazonas é utilizado polos oriúndos da zona polos seus potentes efectos revitalizantes, proporcionándolle enerxía e vigor a quen o toma", mentres que Red Bull asegura "Con Taurina. Revitaliza corpo e mente".

Se un ingrediente figura na denominación ou se salienta na etiquetaxe, cómpre sinalalo de xeito cuantitativo. Guaraná Natural e Guaraná Lamanita, polo tanto, deben indica-la súa porcentaxe de extracto de guaraná, pero non o fan. En Guaraná Natural menciónanse os efectos "revitalizantes" do guaraná, o que en calquera caso semella ben difícil se este aparece en doses baixas, como simple aromatizante. E na lista de ingredientes de B52 detectouse un erro, xa que aparece "Acidulante: Taurina", cando seguramente se refire ó ácido cítrico. En Guaraná Lamanita, por outra banda, o lote e a data de caducidade, polo lugar no que aparecen, non poden comprobarse no momento da compra.

Xa no positivo, todas agás Guaraná Lamanita inclúen información nutricional sobre a cantidade de enerxía, proteína, graxa e hidratos de carbono e vitaminas. E só en Dynamite, de minerais. Red Bull e Dynamite informan "Non recomendada para diabéticos ou persoas sensibles á cafeína" e B52 e Speed Unlimited estenden esta recomendación ós nenos. Guaraná Natural indica que "polo seu alto contido en cafeína, debe tomarse en cantidades limitadas". E recoméndalles non consumilo ós diabéticos, ós nenos e ás persoas sensibles á cafeína.

As conclusións

O laboratorio comprobou que a cafeína aparece nunha proporción de só 6 mg/l en Guaraná Lamanita, pero a súa achega vai desde 263 mg/l ata 341 mg/l nas outras cinco bebidas. Por outra banda, Dynamite e Red Bull conteñen bastante taurina (4 e 4,6 g/l), mentres que Speed Unlimited e B52 a teñen en cantidade moi inferior (0,7 e 0,5 g/l). Guaraná Lamanita (que non indica cafeína na súa etiqueta) e Guaraná Natural conteñen extracto de guaraná (guaranina, substancia idéntica á cafeína), aínda que non indican a porcentaxe. No tocante ás vitaminas, Guaraná Lamanita é a única que non as engade. As outras cinco bebidas engaden ácido pantoténico e vitamina B6, entre outras vitaminas. Red Bull é a máis rica en vitaminas.

Os resultados da cata foron moi discretos, pois -malia a que moitos dos catadores estaban familiarizados con estas bebidas- ningunha mostra alcanzou os 6,5 puntos e tres (B52, Guaraná Natural e Speed Unlimited) nin sequera chegaron ós 5 puntos. Guaraná Lamanita foi a mellor cualificada globalmente, con 6,1 puntos.

Na etiquetaxe detectáronse irregularidades: Speed Unlimited loce unha denominación ("O máis prohibido") non conforme á norma, Guaraná Natural atribúese propiedades dificilmente demostrables e ningunha das dúas bebidas a base de guaraná indica a súa porcentaxe, incumprindo a norma.

A máis barata é Guaraná Lamanita, a 0,54 euros (200 ml) cada botella, e a máis cara Guaraná Natural, que sae a 1,21 euros a lata de 250 ml. Dada a peculiaridade destes productos e a súa dispar composición, estimouse improcedente elixir unha mellor relación calidade-prezo.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto