Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Miscelánea

Λ

Ensinanza musical: Materia pendente

A aprendizaxe musical proporciona un coñecemento integral do mundo

  De igual maneira que ensinar literatura non persegue crear escritores nin a educación física formar atletas, aprender música non significa promover músicos. Como materia imprescindible na formación das persoas e na ampliación da cultura, a música responde á necesidade compartida con outras disciplinas humanísticas de lograr un coñecemento integral do mundo. Non se trata de domina-lo solfexo, que agora se denomina linguaxe musical, senón de dedicar interese e tempo a coñecer e recoñece-los instrumentos (cando menos os máis populares no mundo occidental) e de facernos cunha bagaxe de compositores, intérpretes, correntes, escolas e obras universais. Lonxe aínda de erradica-lo analfabetismo musical, cómpre admitir que o coñecemento social desta expresión humana é moi superficial no noso país, o que nos impide gozala en toda a súa dimensión.

O sentido da música

Os estudios de música enténdense en España, en xeral, como un complemento ou unha afección que debe correr paralela á formación escolar ou académica. O seu acantoamento afástanos da civilización grega, que non dubidaba da súa importancia. Para eles tiña tanto sentido estudiar e comprende-la música como aprender sobre astronomía, xeometría e filosofía. De feito, a pedagoxía sinala que o neno se expresa antes cantando que falando, a súa imaxinación musical coopera no desenvolvemento da súa personalidade e o carácter progresivo da música acompáñao ó longo do seu proceso evolutivo, desde a educación infantil ata os niveis máis altos de aprendizaxe, adaptándose en cada momento ás súas capacidades e intereses específicos. A Educación Musical dota ó neno, xa que logo, de sensibilidade para capta-las manifestacións do mundo sonoro, amplía a súa facultade de expresión, forma nel unha conciencia do que é, debe e pode se-la arte e achégao ós seus semellantes (No número de abril entrevistabamos a José Miguel López, xornalista musical, que salientaba que a música é un dos mellores xeitos de abrirnos á realidade dos que habitan outros países e continentes ou son compatriotas con outras raíces).

Conservatorios e escolas

Nos conservatorios ou os centros privados facultados para expedir títulos oficiais, o ensino réxese pola Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo -LOXSE-, que estructura en tres graos a formación musical: grao elemental, de catro anos de duración; grao medio, que se compón de tres ciclos de dous cursos académicos de duración cada un; e grao superior, que comprende un só ciclo e de duración dependente das características de cada ensinanza musical. Por citarmos algúns exemplos, realiza-la carreira completa de piano ou violín supón uns 14 anos de estudio. No tocante á titulación, a superación do terceiro ciclo do grao medio equivale a unha diplomatura e a do grao superior a unha licenciatura. Esta ensinanza musical está dirixida, polo tanto, á obtención de títulos que demostran o dominio de técnicas de estudio, o desenvolvemento de habilidades e a adquisición de coñecementos que inclúen tódalas disciplinas precisas para dedicarse profesionalmente ó mundo da música (docencia...).

Pero hai outras ofertas formativas tanto en centros privados como desenvolvidas mediante actividades extraescolares, que promoven o carácter afeccionado e non teñen capacidade para expedir títulos. Poden rexerse ben polo sistema de ensino marcado na LOXSE ou aplicar outros métodos.

Métodos de educación musical non académicos

É un tipo de ensino máis libre no que o alumno é quen elixe o seu xeito de aprendizaxe e o nivel que lle interesa chegar a obter.

  • Dalcroze: relaciona o movemento corporal coa aprendizaxe musical.
  • Orff: inclúe canto, baile, instrumentos de percusión pequenos e expresión corporal.
  • Kodaly: aprendizaxe da linguaxe musical a base de folclore da cultura do neno, incluíndo movemento, canto e baile, e é que se ben a música occidental común aparece vinculada á escrita, cómpre non esquecermos que existen outras tradicións musicais nas que esta non aparece ou ocupa un papel moi secundario.
  • Suzuki: este método traballa con nenos a partir dos tres anos sempre contando coa presencia dun dos pais. Introduce instrumentos a través da imitación e o desenvolvemento do oído. Os instrumentos que se utilizan principalmente son de corda.
  • Aschero (sonocores): relaciona sons con cores. Empregan unha linguaxe diferente ó solfexo, non usan as notas musicais, senón sonocores. Teñen as súas propias partituras. Apréndese moi rápido.

Elixir un instrumento

No momento en que os nenos comezan a se familiarizar coas notas e a distinguir entre instrumentos de corda, vento e percusión, deciden cál é o que máis lles gusta e encaixa mellor co seu carácter. O piano e a guitarra continúan sendo as grandes estrelas, xa que resulta relativamente doado aprender a tocalos, aínda que sempre hai quen se decanta polo violín, a trompeta ou calquera outro instrumento da orquestra. Aínda que os pais ou o profesorado poden alentar unha elección, expertos en pedagoxía musical advirten que a primeira relación do alumno co instrumento debe vir motivada, na medida do posible, pola querencia do estudiante, a visión atractiva que xere nel un instrumento. Debido á pouca tradición de ensino musical en España, o mercado de segunda man é escaso e os instrumentos supoñen en ocasións un desembolso considerable, polo que nas escolas recomendan agardar a que medre a empatía do neno cara ó instrumento antes de adquirilo. Sen embargo, nos nove plans de estudio inícianse simultaneamente a materia de Linguaxe Musical e o instrumento, polo que o neno debe elixir instrumento sen contar cunhas nocións básicas musicais.

Non hai mal oído, falta formación

É un erro común pensar que se ten mal oído e que ese problema impedirá cantar ou tocar un instrumento. Se ben a capacidade de aprender música é maior nalgunhas persoas, a posibilidade de aprende-la linguaxe da música é universal. A miúdo a incapacidade non é a de entender ou aprender, senón a de reproduci-lo son, pero a isto tamén se chega, aínda que non todo o mundo ten que ter unha boa ou bonita voz.

Ademais, a aprendizaxe da música non se debe enfocar a chegar a ser forzosamente un virtuoso de determinado instrumento. Deixar de ser analfabetos musicais, ser capaces de recoñece-los instrumentos e distinguir entre diversos tipos de música supón, tamén, todo un reto.

Criterios para elixir un centro

Para elixir un centro de aprendizaxe musical ou pór en marcha unha aula de actividade extraescolar, poden servir de pista unha serie de criterios:

  • Considera-la aprendizaxe da música como unha actividade lúdica, activa e participativa, na que o movemento e a improvisación rítmica e melódica teñan un papel importante.
  • Desenvolve-la sensibilidade e o pracer pola música, amais de atender a resultados tanxibles de dominio da técnica.
  • O neno debe elixir un instrumento despois de coñecer, visual e auditivamente, diferentes opcións e sabendo se poderá formar parte dunha orquestra, tocar en grupos de cámara, etc.
  • Os grupos deben ser reducidos, de 15 alumnos como máximo.
  • A organización de festivais e actuacións non deben figurar como obxectivo prioritario.
  • Cómpre rexeitar metodoloxías que potencien a rivalidade e a concorrencia entre os alumnos e valorar distintos xeitos de entende-la música.

Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto