Saltar o menú de navegación e ir ao contido
As dietas populares, baseadas maioritariamente en falsas crenzas, conducen a desequilibrios no organismo, con repercusións máis ou menos graves para a saúde.
A periódica obsesión por perde-los quilos acumulados no inverno volveuse instalar entre nós. E para axudarnos a rebaixar peso, tamén reapareceron innumerables reclamos de píldoras, herbas, substitutivos das comidas, dietas milagrosas e intervencións cirúrxicas. Sen embargo, expertos en nutrición alertan un ano máis sobre a escasa fiabilidade de todos estes métodos para acada-la cobizada figura. A Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN) e a Sociedade Española para o Estudio da Obesidade (SEEDO) mobilizáronse para conciencia-las autoridades sanitarias e a opinión pública sobre a enorme cantidade de información tendenciosa que se publica nos medios de comunicación, salientando os perigos que implican os métodos que prometen perder peso axiña e sen esforzo, que non teñen fundamento nutricional e científico ningún. A urxencia de pórlle orde ó caos alimenticio actual non é casual e baséase nunha premisa fundamental: o equilibrio nutricional é o alicerce dun óptimo estado de saúde. Por iso, cómpre segui-las dietas sempre baixo un rigoroso control médico.
As dietas populares, baseadas maioritariamente en falsas crenzas, teñen en común a errónea achega de grupos de alimentos (abuso de proteína, exceso de graxas, insuficiente cantidade de hidratos de carbono, etc.), o que conduce a desequilibrios no organismo, con repercusións máis ou menos graves para a saúde. Trátase, as máis das veces, de dietas nas que predomina un macronutriente (proteínas, graxas ou hidratos de carbono), polo que o réxime tende a resultar monótono e pouco apetecible. Como consecuencia, quen segue este tipo de dieta opta por comer menos e o seu peso diminúe por unha baixa e pouco saudable inxestión calórica.
Unha achega excesiva de proteínas pero insuficiente de hidratos de carbono pode ocasionar descalcificación ósea e danos renais por exceso de nitróxeno. Tamén poden causar fatiga e mareos por falta de hidratos de carbono, xa que a glicosa, un substrato deficiente nestas dietas, é a fonte de enerxía preferida polo organismo. Ademais, estes réximes provocan unha importante perda de líquido e electrólitos -o que favorece a deshidratación- e elevan os niveis de colesterol e triglicéridos, factores de risco cardiovascular.
Por se todo o anterior fose pouco, aumentan os niveis de ácido úrico e poden provocar ataques de gota en persoas con hiperuricemia (niveis de ácido úrico alto). A curto e medio prazo pérdese proteína muscular e mesmo proteína visceral, xa que o organismo a emprega como fonte de enerxía. Co tempo, a falta de hidratos de carbono produce un exceso de acetona e outros corpos cetónicos no organismo (cetose), xa que o organismo se adapta á situación e utiliza as graxas como substrato enerxético, co fin de preserva-la degradación de proteína muscular e visceral.
O principal risco destas dietas reside na maneira pouco adecuada de perder peso con elas, consecuencia ben dunha reducción importante das calorías inxeridas ou ben de desequilibrios orgánicos que se orixinan ó empregar alimentos en cantidade e calidade pouco axeitada. É dicir, adelgázase a expensas de perder líquidos, electrólitos, en menor proporción reservas de proteínas -músculo principalmente- e nunha proporción menor graxa, que é o que realmente interesa perder.
A grande aceptación destas dietas radica en que, aínda que sen fundamento nutricional, permiten perder peso máis ou menos axiña a costa de inxerir menos calorías, polo que en pouco tempo "convencen" a quen as realiza de continuar con elas.
Así e todo, resultan totalmente inadecuadas para lograr perdas de peso sostidas, xa que amais de perigosas para a saúde, non ensinan a adquirir hábitos alimentarios correctos nin garanten que se manterá a longo prazo a perda de peso.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI