Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Informe

^

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Comisións bancarias: O outro gran negocio

Os bancos e caixas de aforro conseguen máis ingresos mediante as comisións bancarias ca a través doutros beneficios do negocio

Aforrar págase

  Bancos e caixas cobran por ingresar diñeiro, por sacalo, e tamén cobran, aínda que semelle unha incongruencia, por non facer nin unha cousa nin a outra, xa que a inactividade tamén se paga. En concreto, a partir do terceiro ano de inactividade nunha conta de aforros algúns bancos e caixas cobran seis euros semestrais en concepto de comisións.

Por dispor dunha conta, o seu titular deberá aboar en concepto de gastos de mantemento entre 10,80 e 54,10 euros anuais, segundo a entidade bancaria. A estas cantidades cómpre sumárlle-las comisións por cada anotación ou operación realizada. Aínda que algúns bancos ou caixas non as cobran e outras soamente o fan a partir dun número determinado de anotacións realizadas, o certo é que cada anotación en conta -non son computables para estes efectos os reintegros en efectivo, os debes de cheques nin os apuntes xerados pola liquidación de intereses ou comisións- pode suporlle ó titular da mesma un custo de ata 0,45 euros.

Os números vermellos, por suposto, tamén cotizan, e os descubertos en contas correntes e contas de aforros considéranse operacións de crédito para tódolos efectos, e aplícaselles comisións de entre un 1% (mínimo de 6,01 euros) e un 2,5% (mínimo de 15,03 euros).

O diñeiro de plástico tamén é caro

Posuír unha tarxeta de crédito pode ocasionar un desembolso anual de ata 24,04 euros, mentres que o custo dunha de débito oscila entre 3,61 e 12,02 euros ó ano. Se a tarxeta ten unha tinguidura dourada, a cota elévase ata os 72,12 euros anuais.

Pero as tarxetas de plástico esixen precaucións á hora de usa-lo caixeiro automático, xa que tamén se ven afectadas polo cobro de comisións, e ó non estaren sometidas a unha regulación específica no tocante ás comisións máximas ou mínimas aplicables, as entidades aplícanas libremente. Sacar cartos indiscriminadamente de calquera caixeiro pode encarece-la operación ata un 4%, cun mínimo de 2,50 euros, segundo se retire o diñeiro na propia entidade, nun caixeiro da rede ou en rede allea. É dicir, extraer 60,00 euros nun caixeiro da competencia pode ocasionar un custo engadido de 2,50 euros. No tocante ás disposicións a crédito, o mínimo pode alcanza-los 2,70 euros.

Movementos de fondos

Os bancos e caixas de aforro cóbranlles ós seus clientes cada vez que estes realizan unha transferencia ou xestionan un ingreso por cheque, letra ou obriga de pagamento. Os gastos dependen das seguintes variables: o modo no que se formula a orde de pagamento (manualmente é máis caro ca en soporte magnético ou informático), a urxencia da transmisión e o destino da operación (as transferencias na mesma entidade son máis baratas ca nas que interveñen outras prazas). Facer chegar 60 euros dunha capital de provincia a outra pode ter un custo adicional de 3,01 euros, cantidade que se eleva a 15,03 euros, máis do 25% da cantidade transferida, se o envío é urxente. As transferencias dentro da mesma localidade son algo máis baratas, con mínimos comprendidos entre 0,90 e 9,02 euros, segundo a urxencia do pagamento.

Préstamos con moitos intereses

Os gastos bancarios representan cantidades importantes no momento de formalizar un crédito hipotecario ou de consumo, cunhas custas de apertura que andan entre o 1,5% e o 4% da cantidade prestada. Tamén comportan comisións a maioría das cancelacións anticipadas de préstamos, entre o 1% e o 4% nos hipotecarios e entre o 1,5% e o 3% nos persoais, segundo sexan de interese fixo ou variable, en ámbolos casos.

O estudio previo á concesión do préstamo tamén ten a consabida comisión. Nos préstamos hipotecarios debe vir englobada coa comisión de apertura. Normalmente, calcúlase coma unha porcentaxe, entre o 0,20% e o 2%, cuns mínimos que oscilan entre os 12,02 e os 300,51 euros.

Comisións máis habituais

Transferencias

  • Normais (Orde Manual)
    1. Mesma entidade: Entre 0,05% e 0,50% da cantidade transferida (mínimo, entre 0,75 e 2,70 euros)
    2. Outras: Entre 0,20% e 0,50% da cantidade transferida (mínimo, entre 1,50 e 3,31 euros)
  • Urxentes
    1. Mesma entidade: Entre 0,10% e 0,50% da cantidade transferida (mínimo, entre 0,90 e 9,02 euros)
    2. Outras: Entre 0,50 e 0,75% da cantidade transferida (mínimo, entre 3,01 e 15,03 euros)

Contas correntes e de aforro

  • Mantemento: Entre 10,80 e 54,10 euros/ano
  • Administración:
    1. Apuntes en conta: Gratuítos nalgunhas entidades financeiras, ata 0,45 euros/apunte noutras.
    2. Descubertos: Entre 0,10 e 4,50% do descuberto (mínimo, entre 3,01 e 15,03 euros)

Tarxetas de crédito

  • Custo anual, emisión e renovación:
    1. "Clásica": Entre 6,01 e 18,03 euros
    2. "Ouro": Entre 42,07 e 72,12 euros
  • Disposición en efectivo
    1. Propia Entidade: Gratuítas nalgunhas entidades financeiras, ata 4% das cantidades extraídas (mínimo 2,40 euros) noutras.
    2. Propia Rede: Gratuítas nalgunhas entidades financeiras, ata 4,50% (mínimo 3,01 euros)
    3. Outra Rede: Entre 3% e 6,50% das cantidades extraídas (mínimo, entre 1,50 e 4,81 euros).

Tarxetas de débito

  • Custo anual, emisión e renovación: gratuítas nalgúns bancos e caixas, noutros ata 12,02 euros.
  • Disposición en efectivo:
    1. Propia Entidade: Exento
    2. Propia Rede: Gratuítas nalgúns bancos e caixas, ata 1% das cantidades extraídas noutros (mínimo, 1,50 euros)
    3. Outra Rede: Entre 2% e 4% (mínimo, entre 1,35 e 2,50 euros)

Créditos hipotecarios

  • Estudio: Entre 0,20% e 2% (mínimo, entre 12,02 e 300,51 euros)
  • Xuro fixo:
    1. Apertura: Entre 2% e 6% (mínimo, entre 300,51 e 901,52 euros)
    2. Cancelación anticipada: Entre 1% e 5%
  • Xuro variable:
    1. Apertura: Entre 2% e 6% (mínimo, entre 300,51 e 901,52 euros)
    2. Cancelación anticipada: 1%

Créditos ó consumo

  • Estudio: Entre 0,20% e 1,50% (mínimo, entre 12,02 e 210,35 euros)
  • Xuro fixo:
    1. Apertura: Entre 1,50% e 6% (mínimo, entre 18,03 e 150,25 euros)
    2. Cancelación anticipada: 3%
  • Xuro variable:
    1. Apertura: Entre 1,50% e 6% (mínimo, entre 18,03 e 150,25 euros)
    2. Cancelación anticipada: 1,50%

Suposto de gasto anual en comisións

Gastos do titular dunha conta corrente e 2 tarxetas, unha de crédito e outra de débito:

  • Mantemento anual conta e 60 apuntes anuais (5 apuntes ó mes)... entre 10,80 e 81,10 euros.
  • Custo anual tarxeta de crédito normal, cinco disposicións en efectivo de 60,02 euros na propia entidade e unha disposición de 120,20 euros noutra rede... entre 9,62 e 40,24 euros (a min sáeme 37,83).
  • Custo anual tarxeta de débito, 33 disposicións en efectivos de 60,02 euros e 2 de 150,25 euros na propia entidade, 11 disposicións en efectivo de 60,02 euros noutra entidade da rede, 2 disposicións en efectivo de 200 euros noutra entidade da rede e 4 disposicións de 60,02 euros noutra rede... entre 5,04 e 42,52 euros.
  • Seis transferencias normais de 180,30 euros a outra conta da que é titular na mesma praza. Unha transferencia urxente de 120,20 euros a unha conta noutra cidade... entre 7,51 e 31,23 euros.
  • Seis ingresos en conta de cheques de 721,21 euros... entre 5,4 e 14,4 euros.

Total do gasto anual de comisións: entre 38,37 e 209,49 euros

¿Que di a lei?

  • As dúas normas nas que se basean as comisións bancarias en España son a Orde ministerial do 12 de decembro de 1989, sobre tipos de xuro, comisións, normas de actuación e información ós clientes e publicidade das entidades de crédito, e a Circular 8/1990 do Banco de España de transparencia das operacións das entidades de crédito e protección da clientela, coas súas posteriores modificacións.
  • Ámbalas dúas normas prevén un sistema de liberdade de prezos para a práctica totalidade das comisións, pero con limitacións: os bancos e caixas de aforro non poderán cargar tipos ou cantidades superiores ás contidas nas tarifas, nin cobrar comisións por conceptos non mencionados nas mesmas. Tampouco poderán cargar comisións e gastos por servicios non aceptados ou solicitados formalmente polo cliente. Ademais, establécese que as comisións ou gastos repercutidos terán que responder a servicios efectivamente prestados ou a gastos reais.
  • A lei establece tamén garantías formais para os usuarios, como a publicidade das tarifas e a entrega do documento contractual.

Requisitos das comisións bancarias

  • Ser realmente necesarias. O servicio cobrado debe responder a un servicio efectivo e non recollido por outro producto xa contratado polo cliente.
  • Non ser sorprendentes. O prezo da comisión debe serlle comunicado de modo intelixible ó consumidor.
  • Ser legais. Aínda que o cobro está liberalizado, debe respectar diversas normas que regulan a materia.
  • Non ser abusivas Deben cubri-los gastos da entidade e a súa marxe de beneficios; isto implica que non poden cobrar comisións con contías proporcionais ó nominal da operación.
  • Tamén é ilícito cobrar comisións por seguimento e administración dun préstamo, pois tamén son actuacións que o banco realiza polo seu propio interese.
  • Non poden excede-la contía fixada. Nas cancelacións anticipadas de hipotecarios variables, do 1%, e nos créditos ó consumo, do 1,5% nos variables e do 3% nos fixos. No tocante ás hipotecas a tipo fixo, poden reclamarse as comisións superiores a un 2,5%, aínda que isto non ten soporte legal ningún.
  • Modificacións da contía de comisións. Para modificalas é preciso que transcorran dous meses desde a súa publicación no Taboleiro de Anuncios da Entidade.
  • Non poden repercutir no cliente os gastos producidos por falta de dilixencia da entidade (gastos que se lle ocasionen pola non presentación dentro de prazo de recibos ou efectos, como consecuencia da actuación neglixente do banco ou por fallos no sistema informático).
  • Tampouco poden cobrarse comisións por descuberto cando este se produciu como consecuencia de normas de valoracións á hora de imputar un abono ou cargo nunha determinada data. En todo caso as comisións por descuberto, se proceden, deben ser proporcionadas ó descuberto xerado.
  • Comisións por devolución de cheques, letras, recibos... entregados para a súa presentación a cobro a unha entidade bancaria. O Banco de España considéraas incorrectas se o Banco ou Caixa non informou previamente ós clientes que en caso de non pagamento do título se cobrará comisión por devolución.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto