Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Ovos frescos: normais, omega-3 e campeiros: Moitos defectos de calidade: lixados, manchados, rotos...

Tódolos ovos son moi nutritivos, e os omega-3 conteñen estes ácidos graxos saudables, característicos do peixe azul

  Analizáronse dez mostras de ovos frescos, catro delas de ovos convencionais, outras tantas de ovos omega-3 (w-3) e dúas de ovos campeiros. A peculiaridade dos ovos w-3 é que viron modificado o seu perfil de ácidos graxos mediante cambios na alimentación das galiñas poñedoras (consomen, incorporado ó penso, aceites de peixe, algas ou sementes de liño) para acadar nos ovos unha maior proporción de ácidos graxos omega-3, moi saudables pola súa vinculación coa reducción de factores de risco cardiovascular. Pola súa banda, os campeiros obtéñense de galiñas que saen ós prados durante o día e se alimentan fundamentalmente de cereais. Dado que a composición nutricional destes ovos campeiros é practicamente idéntica á dos normais, o seu valor engadido podería estar no mellor sabor e no maior benestar das galiñas.

A análise pretendía comproba-la calidade e frescura destas mostras de ovos, o seu comportamento na cata e, nos w-3, se realmente achegan (e en qué cantidade) estes ácidos graxos, practicamente ausentes nos ovos convencionais e abondosos noutros alimentos, como o peixe azul.

Os estudios científicos para reduci-lo elevado contido en colesterol dos ovos (500 mg/100 gramos) non tiveron éxito e quizais por iso a mercadotecnia se encamiñou ás técnicas de explotación tradicional (ovos campeiros) e á modificación do perfil lipídico (a graxa) das xemas (nos ovos w-3).

Entrando na análise, houbo resultados positivos e outros menos satisfactorios. Entre os primeiros, ningún ovo contiña salmonela, xerme patóxeno que pode atoparse tanto na casca coma no interior. Outro dato positivo é que os ovos omega-3 conteñen efectivamente estes ácidos graxos saudables case ausentes nos ovos normais, e que os achegan nunha proporción razoable, aínda que unhas seis veces menos cás anchoas e nove veces menos có atún. A inxestión óptima dos ácidos graxos omega-3 máis importantes (DHA e EPA) é de 300-400 mg. ó día, que pode acadarse cun par de ovos w-3, se ben isto significaría á súa vez unha elevada achega de colesterol.

Tamén é positivo que (non sendo en dous casos) os frecuentes erros de peso detectados nos ovos se tratasen de excesos respecto do indicado na etiquetaxe.

O resultado máis decepcionante foi a detección de numerosos defectos de calidade, especialmente de ovos porcos e de ovos manchados (no seu interior) de sangue ou carne. Ningunha mostra respecta a norma, xa que as dez exceden a tolerancia admitida (7% de unidades con defectos), se ben en tres o exceso non foi relevante. Destacou co 33% de unidades con defectos a mostra de Pitas Pitas normais.

As probas de frescura dos ovos depararon resultados mediocres: aínda que só unha mostra se pode considerar deficiente en frescura (en Matines normais o 26% dos ovos superaba os 6 milímetros de cámara de aire que permite a norma), outras catro non superan o "regular". Os máis frescos foron Coren e Cantos Blancos, ámbolos omega-3, e Pitas normais.

Só catro mostras incorporan o marcado de data en cada ovo amais do obrigatorio do envase, e Matines w-3 incorpora afirmacións nutricionais non totalmente correctas.

E logo dunha complexa serie de catas, pódese concluír que as diferencias en sabor, cor, cheiro..., entre estes tres tipos de ovo son pouco importantes e que inflúe a maneira de cociñalos. Na cata cega, os normais e campeiros foron mellor valorados cós omega-3. NA cata condicionada -o catador sabe qué tipo de ovo é cada un-, os campeiros foron mellor valorados cós normais, e estes mellor cós omega-3.

Os ácidos graxos omega-3

Nos ovos w-3, mal chamados enriquecidos pois non se lles engadiron nutrientes, a súa composición en ácidos graxos foi modificada mediante cambios na alimentación das galiñas. Os beneficios dos w-3 no noso organismo son a reducción dos niveis de triglicéridos plasmáticos, da presión sanguínea e da agregación plaquetaria, así como a menor posibilidade de sufrir trombose e arteriosclerose -particularmente en diabéticos-, ou de que medren tumores ou xurdan enfermidades da pel. E atribúeselles un aumento nas defensas do organismo.

Os ovos omega-3 presentan pequenas proporcións (aínda que importantes desde un punto de vista cualitativo) destes ácidos graxos saudables.

A análise revelou que os omega-3 de Pitas contiñan unha maior cantidade de ácidos graxos omega-3 cós de Matines e Cantos Blancos e, especialmente, máis cós de Coren, pero nas catro mostras a presencia destas graxas é aceptable. Cantos Blancos e Pitas Pitas indican un "enriquecemento" en vitamina E. Esta vitamina ten un efecto antioxidante que pode diminuí-la perda dos omega 3 (moi susceptibles de se oxidar coa calor) durante o cociñado.

¿Por que son tan nutritivos os ovos?

Pola súa gran achega (12%) de proteínas de elevado valor biolóxico, polos seus ácidos graxos esenciais, polas súas vitaminas (A, D, E, B2, B12) e minerais (ferro, iodo, cinc), e por outros compoñentes como a lecitina ou os carotenoides. Para un adulto, recoméndase un consumo duns catro ou cinco ovos á semana, ben sexan na súa forma recoñecible (fritidos, cocidos, en tortilla...) ou menos visible (rebozados, cremas, salsas, flans, doces...). Son enerxéticos (150 calorías cada 100 gramos), conteñen entre un 9% e un 12% de graxa e os hidratos de carbono representan menos do 1%. As proteínas do ovo, que se atopan na clara, son de alto valor biolóxico e moi boa dixestibilidade. A xema é a fonte de graxas: uns 3,5 gramos corresponden a ácidos graxos saturados (os menos saudables), 1,2 gramos son poliinsaturados e 4,5 gramos son monoinsaturados. Entre os ácidos graxos destacan o oleico e o linoleico (ácido w6 que o organismo non pode sintetizar, polo que resulta esencial a súa inxestión). O contido en colesterol, 500 mg/100 g, é moi elevado xa que un par de ovos superaría a ración diaria de colesterol recomendada, 300 mg. Por outra banda, o ovo achega vitaminas A, D, E, B2, B12 e minerais (ferro, iodo e cinc) que cobren boa parte da CDR para un adulto. Outros compoñentes de interese son a lecitina, importante en procesos metabólicos e na construcción de membranas celulares e neurotransmisores, e os carotenoides, antioxidantes que axudan na prevención das cataratas.

Na cata, poucas diferencias

¿Existen diferencias reais no sabor destes tres tipos de ovos ou é todo producto da mercadotecnia? CONSUMER realizou unha complexa análise sensorial composta de varios tipos de cata, con catadores adestrados e con consumidores sen especialización, e con catas abertas e condicionadas.

A conclusión final é que cando non coñece o tipo de ovo do que se trata, o consumidor prefire os normais e os campeiros fronte ós omega-3. Cando si sabe o tipo de ovo que degusta, os campeiros gañan posicións respecto ós normais e os w-3 seguen en última posición. Parece que se asocia o campeiro con mellores características organolépticas (sabor, cheiro, cor...) mentres que nos w-3, a imaxe de beneficioso para a saúde non fai que sexa máis apreciado sensorialmente.

A cor da xema

Moitos consumidores de ovos concédenlle unha especial importancia á cor da xema, ó asociala a características como "fresco" ou "natural", se ben as preferencias sobre a súa intensidade (cor máis alaranxada ou máis amarelada) son ben distintas en certas zonas da xeografía española. Pero a cor da xema nada ten que ver coa calidade do ovo; é doadamente manipulable polo productor mediante unha maior ou menor suplementación con pigmentos carotenos que se engaden ó penso das galiñas poñedoras. Os ovos omega-3 de Cantos Blancos, con 8,7 na escala Roche de cor, ten a xema máis clara e amarelada cós demais, cunha maioría que se sitúa entre 10 e 11 nesta escala. As xemas de Matines omega-3 (12,2 na escala Roche) e Coren normais (13) son un pouco máis alaranxadas cás do resto.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto