Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A madeira con etiqueta FSC foi producida de maneira xusta e respectando o medio natural
Aproximadamente o 28% da superficie emerxida do noso planeta cóbrena os bosques. As dúas terceiras partes desa extensión forestal sométense á obtención de madeira para a súa venda, polo que sobre esa superficie recae a ameaza dunha xestión inapropiada ou unha explotación abusiva e mesmo ilegal -especialmente en madeiras tropicais-. Conscientes da urxente necesidade de protexe-las fragas, 25 países ratificaron en 1996 os principios que protexerían o desenvolvemento sostible do sector da madeira. Naceu así o Consello de Administración Forestal (o FSC). Aínda que é de cumprimento voluntario, a certificación forestal triunfou no mercado, segundo recolle un recente estudio encargado polo Banco Mundial, que conclúe que "as empresas que poden demostrar un manexo responsable xeran vantaxes competitivas". O consumidor é cada vez máis consciente de que, sen resultar significativamente máis caros, os productos acompañados do logotipo da árbore respectan o medio natural e de que a orixe da súa madeira é xusta. Ó mesmo tempo, a FSC intenta evitar confusións xeradas por empresas que promoven os seus productos con frases como "por cada árbore cortada plántanse dúas": é ben sabido que de 80 afirmacións deste tipo, só tres poderían sustentarse.
A etiqueta ou marca rexistrada do FSC permite identificar claramente a orixe dun producto, garantindo a súa calidade e o bo manexo que tivo no proceso de producción. Ademais, incentiva a conciencia ambiental sobre o sostemento e preservación dos recursos naturais, neste caso, as fragas. O Consello desenvolve rigorosos procedementos de vixilancia e acredita as axencias certificadoras a nivel mundial que, pola súa vez, certifican todo tipo de bosques e plantacións mediante persoal técnico especializado. As empresas que aspiran a posuí-lo Certificado sométense a dez principios, o Decálogo Verde, que comprende bosques tropicais, temperados, boreais e plantacións forestais. Dentro do Decálogo destaca a relevancia dos dereitos dos pobos indíxenas a posuír, usar e organiza-las súas terras, territorios e recursos. Inclúe tamén a obrigatoriedade de manter ou eleva-lo benestar social e económico dos traballadores forestais e das comunidades locais, e a ter en conta os beneficios da propia fraga para asegura-la viabilidade económica. En definitiva, minimízase o impacto ambiental, entendendo que todo desenvolvemento forestal debe conserva-la diversidade biolóxica e os seus valores asociados, recursos de auga, solos e ecosistemas fráxiles e únicos, amais de paisaxes. Para rematar, obrígase a mante-los bosques naturais, é dicir, non talar bosques primarios nin secundarios ben desenvolvidos ou os lugares de grande importancia ambiental, social ou cultural. As plantacións, únicas xeradoras lexítimas de madeira, deben proporcionar beneficios sociais e económicos, ó tempo que reducen a presión sobre os bosques naturais e promoven a súa restauración e conservación.
Aínda que a FSC non é unha imposición oficial ou barreira arancelaria, cada día máis países e empresas se ven na necesidade de aceptala por esixencia de clientes e consumidores, que prefiren adquirir artigos coa garantía de que proceden de bosques xestionados de maneira axeitada. Así, ata chegar ó mercado, cumpríronse as dúas liñas marcadas polo Consello: a certificación de bosques (comprobando aspectos coma o sistema de manexo e a súa implantación seguindo un conxunto de estándares nacionais e internacionais convidos) e a chamada Cadea de Custodia, proceso polo que se verifica a fonte dun producto. Vén sendo o percorrido que segue a madeira desde o bosque e a través de tódolos pasos do proceso de producción ata a súa chegada ó usuario final. Só cando este seguimento se verificou de maneira independente o producto pode leva-la marca rexistrada FSC.
Ós consumidores resúltanos moi doado recoñece-la madeira ou producto orixinado certificado: está sinalada cun logotipo, un trazo que simula unha pequena árbore sobre as siglas FSC. Este selo pode aparecer impreso no producto, marcado sobre o material ou en etiquetas pegadas ó producto, pero sempre terá que levar un número de rexistro que establece a procedencia do producto. O logo do FSC é na actualidade o garante máis fidedigno de que a xestión das explotacións forestais e a súa transformación foron realizadas conforme a criterios claros e probables de sostibilidade.
En poucas ocasións pode o consumidor exercer unha postura máis activa para promover actitudes ecoloxistas e sostibles, máis aínda cando o mercado se somete ás súas preferencias. Sinxelas esixencias acadaron, e así o confirma o Banco Mundial, que por unha vez resulte rendible investir en ecoloxía. Sinxelos requirimentos coma estes:
Segundo os datos da ONG ecoloxista Adena, no noso país cada vez hai máis madeira, pero menos fragas. No Segundo Inventario Forestal Nacional realizado entre 1986 e 1996 contabilizouse unha superficie arborada de 10.625.698 hectáreas, aínda que máis da metade dos bosques ten unha densidade de árbores deficiente. Só entre o 10 e o 15% da superficie forestal pode considerarse bosque denso, nin un 3% da superficie xeográfica española. Hai 105 especies diferentes de árbores autóctonas, pero só 80 especies chegan a formar bosques propiamente ditos: bosques de abetos, aciñeiras, sobreiras, piñeiros, sabinas, olmos, salgueiros, etc. Moitas especies de fauna e flora están ligadas exclusivamente a algún destes tipos de bosque e a súa supervivencia depende da continuidade dos bosques. O negocio da madeira (incluído o sector do moble) move en España máis de 1.500 millóns de euros e dálles traballo a unhas 200 mil persoas.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI