Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

José Miguel López, xornalista musical de RNE-Radio 3: "Recibimos presións, pero mantémo-la nosa independencia"

  Naturalmente, podemos abordar na rúa a un inmigrante senegalés, guineano ou ecuatoriano e ofrecerlle conversa ou, mellor aínda, a nosa amizade e solidariedade, pero conveñamos en que un dos mellores xeitos de abrirnos á realidade de quen habita outros países e continentes é achegármonos á súa cultura, e dentro desta, á súa música. Escoitarmos un disco de Cesaria Evora (Cabo Verde), Ismael Lo (Senegal) ou Caetano Veloso (Brasil), e interesármonos por letras, harmonías e instrumentos constitúe unha experiencia ben distinta da que pode proporciona-lo último disco de Enrique Iglesias ou Britney Spears. E para falar destas músicas do mundo, deses ritmos enraizados en culturas arredadas e que nos transmiten un patrimonio cultural descoñecido e de non doado acceso, unha das persoas máis indicadas é José Miguel López (Haro, 1953), crítico musical que cada día e desde hai máis de 15 anos presenta no seu programa "Discópolis" de RNE-Radio 3 as últimas novidades desta música de raíz que nos traslada a outros espacios xeográficos e humanos.

É membro do panel europeo de críticos musicais (WMCE) especializados en música étnica e autor de dous libros, un sobre King Crimson, "o meu grupo preferido", e outro sobre Celtas Cortos. Séntese moi orgulloso de que o prestixioso Club de Música e Jazz San Xoán Evanxelista de Madrid lle outorgara a Mención de Honor de Prensa 2002 "por ser un gran comunicador da música popular e defende-las asociacións sen ánimo de lucro". Para José Miguel López "este recoñecemento é mellor có Premio Ondas".

Asume con profesionalidade e rigor a responsabilidade que entraña recomendar ou ignorar no seu programa un determinado disco e cre que a súa función é busca-las novidades e a música emerxente para amosarllas e explicarllas ó público, "teño un certo ton académico".

¿É consciente da súa capacidade como prescritor e da responsabilidade profesional e ética que entraña que desde un programa de tanta audiencia e prestixio como "Discópolis" se eloxie un determinado disco?

Por suposto, teño conciencia diso. Estudiei Xornalismo e atendín moito á materia de Ética e Deontoloxía. Sabendo que quería ser xornalista e que aspiraba a estar ligado profesionalmente á música, tiven a precaución de ir ó Conservatorio formarme e aínda non deixei de estudiar. Recoñezo que recibimos presións das compañías de discos, non en van é un dos seus cometidos, pero asegúroche que non conseguen varia-lo noso criterio: como xornalista dunha cadea pública, teño moi claro que estou aquí para pó-los meus coñecementos musicais ó servicio da sociedade.

Son absolutamente independente. Como profesional da comunicación a miña función é dar noticias, neste caso de música, e non teño intereses en ningunha empresa que non sexa RNE. O meu público é a sociedade, e para ela abastézome de toda a música posible. En Radio 3 contamos con medios para chegar a todo tipo de músicas, os propios autores entréganno-los seus discos editados ou as maquetas, ademais pertenzo a unha rede europea de críticos que me permite facerme axiña con discos de calquera punto do mundo. Tras esta recompilación permanente de material, só queda presenta-las novidades, e a iso eu súmolle un certo toque propio, o académico, porque procuro ensinar algo. Comecei co programa Discópolis o 5 de xaneiro de 1987 cando unha panda de tolos, Peter Gabriel e algún outro que facía unha música diferente dentro do rock, crean un selo que despois abranguería o que máis tarde se chamou a world music. Era unha aposta arriscada, unha mestura de rock con sons de raíces étnicas e toques folk, algo que aínda non estaba moi perfilado, pero eu confiei nese movemento. Ó final, trátase de abrirte a autores que fan cousas novas, que mesturan músicas e culturas distintas en igualdade de condicións, que unen linguaxes, que crean ...

O seu programa apostou desde sempre pola mestura de culturas, no que semella unha toma de postura ante a crecente chegada de inmigrantes ó noso país. Hoxe, que tanto se discute a multiculturalidade ó asociarse este concepto á existencia de guetos de cada etnia nas cidades, ¿segue sendo válido o "multicultural"?

Esta música lévache a recoñecer que quen tes ó teu carón, aínda que proceda dun país que queda a milleiros de quilómetros do noso, é igual ca ti e ten os teus mesmos dereitos. O concepto que eu desenvolvo no meu programa é a mestura, pero hai un problema semántico, de terminoloxía, coa multiculturalidade. En Discópolis fálase de música de mestura, de feito emítese tamén por radio Multiculti de Berlín. Recorremos ó pensador José Monleón, para que nos orientase sobre cómo tratar esta cuestión. Se entendemos que facemos unha mestura igualitaria e permeable das culturas, que se opón a que permanezan en guetos, atinaremos falando de multiculturalidade. Se loitamos contra o apartheid, debemos ser coherentes. Pero, ollo, as mesturas cómpre facelas ben. Por exemplo, na música non vale todo, porque podes conxugar dous estilos que acaban non funcionando. No ámbito social, serviríanos de moito lembrarmos que vimos de distintas raíces e que a mestura enriquece.

¿Que opina sobre o tan repetido comentario de que o rock morreu e de que as bandas actuais non fan máis ca repetir con ínfimas variacións esquemas e camiños trazados por grandes grupos coma Beatles, Rolling Stones, Velvet, Genesis, King Crimson, Pink Floyd, Kinks ou Led Zeppelin...? ¿Non se fixo nada importante nos vinte últimos anos? ¿Son os Smiths, Nirvana, Talking Heads, Oasis e U2, por exemplo, só un calco do anterior?

O rock non morreu, nin moito menos, aínda que o anuncio da súa morte se repetira mil veces. O que morre son as gañas de coñecer cousas novas. Ó oínte pode non interesarlle o que se está facendo hoxe mesmo, pero os profesionais temos que estar abertos ás novidades para expolas e explicalas, conscientes de que a oferta está sobredimensionada e de que a capacidade de atención do receptor é limitada, non pode con todo.

As "tribos urbanas" pódense definir polos estilos musicais dos que son seguidores. Se nos centramos na música electrónica e dance, preguntámonos se as características específicas desta música explican o consumo de drogas sintéticas, tan asociado ó estrondo rítmico e repetitivo do dance.

O outro día, aquí no estudio, un grupo de compañeiros mantiñamos un coloquio sobre a polémica que acompaña a estes concertos. Lembrabámo-los nosos guateques dos anos 60 que, en realidade, eran o mesmo, escoitar música, divertirse e busca-lo contacto cos demais. Os concertos e festas de agora son se cadra os guateques de entón. É obvio que as pastillas están asociadas ó dance e ó tecno pero a pregunta é se son necesarias para gozar da música, eu coido que non. Nese aspecto son naturista, o corpo é capaz de segregar por si mesmo substancias naturais que te colocan. A música ten unha capacidade de somerxerte nun transo que as pastillas non teñen. Se cadra estas drogas sintéticas fano máis axiña, pero non hai dúbida de que é máis auténtico, máis san e máis real deixarte posuír pola música sen substancias psicotrópicas.

¿Por que a moda dos discos unplugged ou desenchufados?

Responden á idea de mercadotecnia de da-lo mesmo que xa se ofrecera antes, que xa se coñece, cun formato distinto, o acústico. Eric Clapton, por exemplo, fixera varios discos de grandes éxitos, pero o público demanda máis, e para compracelo e así vender máis, recórrese a este formato de "desenchufado". Ó final, trátase das mesmas cancións con outro ton. Nalgúns casos saímos gañando porque se mimou ese disco, pero non deixa de se-lo mesmo contado doutro xeito.

Co que rematamos inundados de versións...

Nos anos 60 cada disco dun grupo era mellor có anterior. Os músicos buscaban non só superarse, senón ofrecer frescura, experimentación, novidade, cousas que non se parecesen ó que xa fixeran. Os Beatles superábanse en cada gravación: soaban distintos e mellores ano tras ano. E non eran os únicos, Rolling Stones, Pink Floyd e outros grupos intentaban medrar como artistas, evolucionar na súa linguaxe. Nos anos 80 iso pérdese, os grupos só buscan facer discos que se asemellen ó anterior e que sexan perfectamente identificables coma seus. Véndese a marca, admítese unha nova tendencia do grupo pero sempre dentro da mesma clase, coa garantía de que non vai decepcionar á súa clientela. U2, por exemplo, saca discos bos, pero sempre son recoñecibles, soan coma os anteriores. Hai algúns grupos que foxen disto, pero a maioría, unha vez logran a súa imaxe sonora, tratan de mantela e recorren a facer, na práctica, versións de si mesmos no canto de evolucionar e cambiar.

A música é arte e, á vez, un producto cultural. Sen embargo, os discos aturan un IVE do 16%, mentres que os libros gozan dun IVE reducido, do 7%. ¿A que atribúe esta discriminación?

Hai un feito significativo: as edicións máis baratas véndense máis cás novidades, porque estas custan moito máis caras. Se pode, o afeccionado merca música legal, porque lle compensa (maior calidade, libretos, etc.) e non discos piratas. Pero, respondendo á túa pregunta, non toda a música é cultura: hai discos comerciais para os que si ten sentido o 16% de IVE, e outros que se deberían protexer, como feitos culturais que son, mediante un IVE reducido. Pero xurdiría o problema de quén establece qué é cultura e qué non. De calquera xeito, todo o que sexa baixa-lo prezo dos discos véxoo correcto e apropiado.

O sistema educativo está en pleno proceso de reforma, pero son moi poucas as voces que reivindicaron a materia de Música. Aínda que a nosa tradición académica non nos permite soñar co nivel educativo doutros países europeos nesta materia, ¿como cre que debería enfocarse a Música nos programas escolares?

O que anoxa a un profesional da música coma min é que non haxa un mínimo de cultura musical na poboación. Podes atopar melómanos novos que están ó día en estilos actuais, que mercan e escoitan moita música, pero que non saben quén é Wagner. Pero a carencia na ensinanza musical chega a tódolos niveis, non só na escola. Nas facultades universitarias de Humanidades esquecen a música, e isto significa esquecer unha expresión artística universal. Cumpriría facer algo.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto