Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Canto máis básica é a necesidade dun produto, menor é o IVA que se lle aplica
Canto máis básica é a necesidade dun producto, menor é o IVE que se lle aplica. ¿Reparou vostede algunha vez nos tres tipos de IVE distintos que lle cobran na compra do supermercado? ¿Sabe que porcentaxe de IVE -16%, 7% ou 4%- lle corresponde a cada producto que adquire? En 1992, logo de seis anos de permanencia na daquela CEE, hoxe UE, entrou en vigor o Imposto sobre o Valor Engadido. Substituíronse así outros impostos sobre bens e servicios de consumo e estipulouse un tipo de IVE para cada ben de consumo. Así, canto menos primario ou necesario resulte un producto, maior será a porcentaxe de IVE que soporta (o leite, 4% de IVE; o transporte urbano, 7%, e un vídeo, 16%). A particularidade do IVE é que grava o valor engadido dun artigo en cada fase da cadea de producción e cada unha das partes asúmeo e desgrávao, agás o último elo, o comprador final, que se limita a aboalo.
Chama poderosamente a atención a disparidade de criterios ó aplicarlles un tipo de IVE ou outro a algúns productos. Mentres que os preservativos si están incluídos dentro do grupo do 4% ó entenderse, correctamente, que son un producto sanitario, as compresas e tampóns non se definen como tal e deben soportar un 16% de IVE, a mesma porcentaxe cós cosméticos, cando a súa compra obviamente é necesaria para un amplísimo sector da sociedade. Sucede que os libros se gravan cun 7% de IVE por entender que son un ben cultural e, sen embargo, a producción musical está cargada cun 16%. A modificación da Lei do IVE, reclamada por diversos sectores, é factible, como quedou patente hai 2 anos, cando se rebaixou o IVE do butano e das autoestradas ó 7% como medida para loitar contra a inflación. Ambas tiveron que ser agora corrixidas, atendendo a indicacións da Comisión Europea no caso do gas, e ó Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas no caso da peaxe.
Non atender á obriga legal de facturar e, xa que logo, aboar unha factura sen IVE, é un fraude, xa que non se paga o imposto establecido por lei. Aínda que o consumidor final ten poucas probabilidades de que Facenda descubra a compra irregular, o delicto cométese por ámbalas partes: tanto quen vendeu e non facturou coma quen mercou infrinxen a lei. Outra razón para aboa-lo IVE, fóra de termos legais, é a obriga ética dos cidadáns para co Erario Público. No último estudio do CIS que analizou a opinión pública sobre impostos descubriuse que máis da metade dos enquisados consideraba que os impostos son necesarios para que o Estado poida prestar servicios públicos, construír estradas, etc. O 63% consideraba que os impostos eran moi altos, e que a clase media aturaba máis presión por parte de Facenda. Preguntados tamén sobre a subida de qué imposto lles amolaría máis, un de cada dous enquisados citou o IRPF e foi a resposta que máis se repetiu; en segunda posición quedou o imposto que grava o tabaco e as bebidas alcohólicas e o IVE ocupou o terceiro posto.
Para entender cómo se desenvolve, sirva o seguinte exemplo: un labrego véndelle algodón a un vendedor téxtil por xunto por valor de 3000 euros. A este prezo cárgalle o 16% de IVE, polo que na factura aparecerá a suma total de 3480 euros, que é o que paga o vendedor por xunto. O labrego deberá ingresar en Facenda, en concepto de IVE cobrado, 480 euros. Pola súa banda, o vendedor téxtil por xunto véndelle a la a un fabricante de camisas, por 3600 euros, máis o 16% de IVE: en total 4176 euros. O vendedor por xunto debería depositar 576 euros en Facenda pola venda, pero como asumiu 480 euros na compra, aboa a diferencia, é dicir, 96 euros. Pola súa banda, o fabricante de camisas véndelle as prendas a un comerciante, por un valor de 6000 euros, ós que lle aplica o 16% de IVE. En total, o comerciante aboa 6960 euros. Así, o fabricante debería pagar en Facenda 960 euros (polo IVE) pero como pagou 576 euros na compra, ingresa en Facenda 384 euros en concepto de IVE. Xa imos chegando ó final. O comerciante vende as prendas ó público por 9150 euros ós que lles aplica o 16% do IVE. Cando venda tódalas prendas recadará 1464 euros en concepto de IVE. A Facenda deberá entregarlle 504, xa que ó merca-las camisas soportou un pagamento de 960. Os consumidores pagarán pola súa banda o 16% de IVE en cada camisa. Ó final, como se ve, Facenda percibiu 1464 euros (a suma de 480 + 96 + 384 + 504 euros).
Hai 5 grupos de bens e servicios exentos de IVE, por se consideraren sumamente necesarios:
Hai tres tipos de IVE: 16%, o xeral; 7%, o reducido, e 4%, o superreducido. Canto máis primaria é a necesidade dun producto, menor é a carga de impostos que atura.
O 4%, o superreducido. Grávanse con este IVE bens e servicios cualificados como de primeira necesidade: pan, leite, queixos, ovos, verduras, froitas, hortalizas e tubérculos naturais, que non foran modificados de ningún xeito (é dicir, non entra aquí a agricultura ecolóxica, aínda que se escoitan demandas que o solicitan). Tamén se aplica este tipo de IVE a libros, xornais e revistas non publicitarios; medicamentos de uso humano; cadeiras de rodas para minusválidos e próteses, e Vivendas de Protección Oficial. En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI