Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Mochilas de tamaño medio: As caras non son mellores

Hai diferencias importantes en prezo e prestacións, pero todas cumpren o seu cometido

  Analizáronse sete mochilas de 30 a 45 litros de capacidade que custan entre 29,70 euros e 76,90 euros. Estas mochilas de tamaño medio son axeitadas para excursións de un ou dous días e comercialízanse equipadas con suxeicións, petos e cintas que serven para transportar elementos específicos (piolets, esquís, carteiras, chaves...).

Unha boa mochila debe distribuír eficazmente o peso ó longo dos nosos ombreiros, costas e cadeiras. Tamén debe ser axustable para permitirlle ó usuario unha certa liberdade de movementos. Convén que o respaldo conte cun sistema de aireación e que o tecido non absorba nin reteña a transpiración. Ademais, para que as duras condicións de uso habituais non limiten a súa vida útil, debe resistir perforacións, abrasións e rachaduras.

A mellor relación calidade-prezo desta análise é Altus Oxford 30, que ofrece prestacións satisfactorias a un prezo moi competitivo (39,07 euros). E a gran cantidade de accesorios de Vaude Basic Rock, a segunda máis cara (72,06 euros) converten esta mochila nunha opción moi atraente, por polivalente, para os usuarios máis esixentes.

O volume e o peso son esenciais neste producto. Paradoxalmente, só unha mochila indica claramente a capacidade (Salewa Hyper 700, que sinala 35 litros), se ben en cinco se sobreentende que o número que acompaña ó modelo se refire á súa capacidade. Se isto é así, Vaude Basic Rock, Ferrino Fennec e Altus Oxford son de 30 litros, Cassin Snowave de 35 litros, e, para rematar, Hi Tec Special, de 45 litros. Atlantis, de The North Face, non indica capacidade. Vaude e Cassin, por outra banda, son bastante máis pesadas (1250 e 1010 gramos respectivamente) cás demais, mentres que The North Face, a máis lixeira, pesa só 660 gramos. No tocante á posibilidade da mochila de adaptarse á anatomía do usuario, só unha mochila, Vaude, permite esta regulación: un sistema aloxado na parte interna da mochila dálle ó usuario a posibilidade de elixir entre cinco tamaños distintos.

Só catro das sete mostras incorporan cintas de compresión para que a mochila avulte menos cando non estea totalmente cargada: Cassin (seis cintas de compresión), Vaude (catro), Ferrino (dúas) e Altus (dúas). E todas incorporan tensores nos ombreiros e posibilidade de axuste pectoral, polo que é posible axustalas á capacidade torácica do usuario. Sen embargo, só Vaude e Cassin dispón de tirantes superiores nos ombreiros, polo que permiten adapta-la forma da mochila ás costas do usuario en función do peso da carga. Vaude, Cassin, Hi Tec e Altus inclúen colgadedos que permiten mante-las mans agarradas á mochila, evitando así que inchen, ó levalas durante horas na súa posición natural. No tocante ó cinto axustable, Hi Tec é a única que non o incorpora mentres que o cinto de Vaude é o único con cinguideiros que reducen o balanceo lateral.

Facilidade para o transporte

Coa excepción de Hi Tec, as mochilas inclúen cintas portamaterial, aínda que o seu número varía (Ferrino só ten unha, mentres que Vaude conta con dez cintas). Cassin, Hi Tec e Altus son as que dispoñen de máis petos, cinco. E o gancho para chaves viuse en Vaude, The North Face e Altus.

Por outra banda, tres mochilas incorporan sistemas de protección ante a chuvia. Vaude e Salewa incorporan un faldrón, mentres que Hi Tec pode recubrirse cunha funda impermeable. As costuras dunha mochila deben ser resistentes e duradeiras. A calidade dos remates foi satisfactoria en tódolos casos (a terminación das cintas evita que esfiañen e os elementos plásticos non teñen partes cortantes), e destacaron Vaude polas súas cremalleiras con cintas antiatoamento e Altus polos seus agarradores con remate de plástico).

Vaude, Cassin, Ferrino e Hi Tec presentan o respaldo, a zona lumbar e o cinto acolchado. Salewa e Altus non teñen cinto acolchado e The North Face só trae acolchado o respaldo.

Os modelos de Vaude, Cassin e The North Face contan cunha canle de aire no respaldo para facilita-la ventilación. O acolchado de Ferrino non conta con canle de aire, aínda que permite unha lixeira ventilación. Na maioría, o tecido do acolchado (reixa ou tecido reticulado) favorece a ventilación, pero en The North Face o tecido reticulado ten unha trama tan densa que a penas cumpre co seu cometido.

Nunha proba específica, tres usuarios con distintas características anatómicas valoraron a comodidade e aptitude á función das mochilas. Os mellores resultados correspondéronlles a Cassin, Ferrino, Salewa e Altus, mentres que Hi Tec obtivo as valoracións menos positivas.

Resistentes á calor, pero non á chuvia

Para calcula-lo efecto da chuvia sobre as mochilas sometéronse a un arco de chuvia durante unha hora, inspeccionando cada 10 minutos para comprobar se enchoupara a parte interna. Tan só unha, Hi Tec, única que incorpora funda impermeable, superou o ensaio.

As mochilas expuxéronse tamén a 70 ºC de temperatura durante 4 horas e ningunha presentou deformacións, fendas ou ampolas ó remate deste test técnico.

E para comproba-la resistencia do tecido da mochila ó rozamento someteuse o tecido da base da mochila ó fretamento, durante 5 minutos, sobre unha lixa de gran 180 virando a 200 rpm (revolucións por minuto). O comportamento da mochila é insatisfactorio nesta proba cando se produce unha perda total do tecido, o que só aconteceu en Ferrino. Nas demais, a perda de masa variou entre o 0,1% de Vaude e Altus, e o 1,2% de Cassin. Para medi-la resistencia ás rachaduras do tecido exterior, tívose en conta a forza necesaria para provoca-la rotura. As máis resistentes foron Hi Tec e Altus (que precisaron máis de 65 Newtons). Pola contra, as menos resistentes resultaron Salewa (29 N) e Vaude (14 N).

Empregouse tamén unha agulla de 1,5 mm de diámetro para simula-las posibles punzadas da ramallada na mochila. Todas ofreceron unha aceptable resistencia á perforación. As mellores foron Hi Tec e Vaude, mentres que Cassin, Salewa e Altus opuxeron a menor resistencia.

Noutra proba mediuse a forza precisa para rompe-las costuras. Altus obtivo o mellor resultado (184 N/cm), pero Vaude e Salewa tamén demostraron un bo comportamento. Pola contra, as costuras máis débiles foron as de Ferrino e Hi Tec (96 N/cm), aínda que as costuras de Cassin e The North Face tamén obtiveron uns resultados discretos.

Os tirantes, desiguais

Os tirantes máis resistentes foron os de The North Face. Tanto os superiores coma os inferiores demostraron un bo comportamento, xa que foi precisa unha carga de 1.130 N e 1.320 N, respectivamente, para provoca-la súa rotura, que normalmente se produce no tecido próximo á costura. En Salewa, os tirantes superiores presentaron un moi bo comportamento, pero nos inferiores foi bastante malo. Exactamente o contrario acontece con Cassin. Os tirantes máis débiles foron os de Ferrino (575 N e 350 N respectivamente).

Tamén se mediu a forza que cómpre aplicar lateralmente sobre a cremalleira para lograr unha apertura incorrecta. Tódalas mochilas se comportaron ben, pero as mellores foron The North Face, Salewa, Altus e Hi Tec.

A etiquetaxe non é totalmente correcta en ningunha mochila. As de Altus e The North Face son as mellores. A garantía é completamente correcta tan só en Vaude, e podería aceptarse a de Ferrino se se atende á norma europea, que aínda non entrou en vigor en España. Para rematar, as instruccións de uso e mantemento son incompletas nas sete mochilas: as mellores atopáronse en Altus, que achega información de lavado e conservación do producto mediante símbolos normalizados.

Para un bo uso da mochila

  • Non escolla unha mochila grande só porque a crea a máis polivalente. Se cadra aínda a enche máis, cos problemas que iso orixina á hora de camiñar.
  •  A maneira de cargala varía en función do terreo. Se a superficie é lisa e sen complicacións é máis descansado leva-lo centro de gravidade arriba, coa parte máis pesada preto dos ombreiros. Para camiñar por terreo difícil, situémo-la carga no medio, preto das costas, de xeito que favorezámo-la estabilidade da marcha.
  • Empreguémo-los arneses e correas de suxeición da mochila para fixala ás cadeiras: reparten e equilibran o peso ó longo das costas e evítannos cargar todo sobre os ombreiros.
  • Teña claro para qué a vai usar. Cada deporte (esquí, sendeirismo, bicicleta de montaña, alpinismo...) ten as súas peculiaridades, e hai mochilas que se adaptan a cada actividade concreta con portaobxectos específicos.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto