Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A incineración do lixo é unha discutida opción para soluciona-lo problema da acumulación de refugallos.
O debate de qué facer coa inxente cantidade de lixo que xeramos -1 quilogramo ó día por persoa en países desenvolvidos- semella non ter fin. Tras quedar patente que acumular refugallos e retiralos da nosa vista xa non resulta factible, a controversia xorde ó tratar de atopar fórmulas que nos permitan desfacérmonos dos residuos sólidos urbanos da maneira máis inocua para os humanos e máis respectuosa co medio natural. Os famosos 3R (reciclar, reutilizar e recuperar) axudan a palia-la multiplicación de refugallos, mais non solucionan o problema xa que distan moito de ser unha práctica habitual (en España, o 70% dos residuos van ó vertedoiro, só o 11% se recicla; en países coma Holanda recíclase o 30%). Aínda que criticada por organizacións ecoloxistas como Greenpeace debido ás dioxinas que se liberan, a opción de incinerar lixo para producir enerxía é unha saída contemplada por algúns para destruír residuos sólidos urbanos. Os seus defensores salientan que a comunidade científica non se manifestou rotundamente sobre a toxicidade vital das dioxinas. En Europa hai modelos, como o francés e o belga, que apostan abertamente polo emprego do lixo como combustible, pero países como Alemaña practicamente descartan esta opción. En España funcionan oito incineradoras que producen enerxía, pero a polémica e o rexeitamento social que suscitan motivou que se paralizasen case trinta proxectos de construcción destes fornos xigantes.
Os que defenden o uso de incineradoras antepoñen a necesidade de conciencia-la sociedade no hábito da reciclaxe, pero contemplan as plantas de tratamento e combustión controlada como a substitución inmediata dos vertedoiros. Recoñecen que está en cuestión que a incineración sexa perigosa, aínda que afirman que non se achegan probas concluíntes e apelan a que a comunidade científica non demostrou que as dioxinas e furanos residuais -corpos químicos que se xeran ó queimar a baixa temperatura productos que conteñen cloro, como papel ou plástico- sexan nocivos para a saúde. Así se pode deducir do último informe emitido pola Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos referido ás dioxinas, que aínda que as vincula directamente co cancro, non conclúe que sexa debido á actividade das incineradoras, senón á combustión de PVC. Por outra banda, a lexislación é severa e permite que mediante a incineración se xeren cantidades mínimas non só de dioxinas, senón de moitos outros compostos potencialmente tóxicos.
A clave está, polo tanto, en queima-lo lixo a temperaturas elevadas e cumprindo a lexislación, con controis previos e posteriores. Cómpre lembrarmos que nos vertedoiros actuais o lixo se queima por si mesmo -fermentado co requecemento da materia orgánica e desprendemento de metano inflamable-. E, segundo os defensores das plantas incineradoras, esa combustión natural é máis contraproducente cá controlada, debido a que se produce a unha temperatura baixa.
En suma, os defensores das incineradoras propoñen dúas vías complementarias e urxentes para palia-lo problema dos residuos sólidos urbanos: reduci-la contía de residuos ou cando menos frea-lo seu imparable incremento e, mentres se acada ese obxectivo, substituír urxentemente vertedoiros por plantas de tratamento integral do lixo, incluída a combustión do sobrante final.
Na outra banda da polémica está a postura de quen entende que no proceso de queima das incineradoras xorden productos tóxicos que contaminan aire, auga e solo. Consideran a incineración como o sistema que permite seguir explotando recursos naturais e sosteñen que as incineradoras frean o desenvolvemento de tecnoloxías limpas e retardan a promulgación de normas que favorezan a reducción en orixe de refugallos, a reutilización e a reciclaxe dos compoñentes do lixo.
Sen embargo, a súa principal preocupación é que a incineración constitúe unha das fontes principais de emisión de dioxinas, substancias tóxicas, persistentes e bioacumulativas. Apelan a que a lexislación fixe certas prácticas, como a obrigatoriedade de retornar sempre envases de vidro, ou que se prohiba usar materiais como PVC, presente en moitos productos cotiáns.
Neste sentido maniféstanse as asociacións ecoloxistas. Critican o malgasto que ó seu entender supón a incineración de refugallos: o aforro de enerxía que a reciclaxe de residuos permite é catro veces superior á enerxía que se obtén incinerándoos. Os grupos ecoloxistas consideran tamén que a medida que aumente a cantidade de refugallos recuperados diminuirá a de materiais dispoñibles para incinerar, e denuncian que as incineradoras precisan mante-lo seu volume de incineración para continuaren sendo rendibles para as empresas que as xestionan. Así, por cada tres toneladas de refugallos incinerados prodúcese unha tonelada de cinzas e escouras que se consideran residuos tóxicos e perigosos, obrigando ó seu almacenamento en depósitos de seguridade.
O Concello de Córdoba implantou un xeito racional e integrado para tratar residuos sólidos urbanos. En 1993 iniciouse a recollida selectiva en orixe. A singularidade de Córdoba parte dun proceso fortemente participado, implantado desde a base que avanza paso a paso e que culminou en 1996 coa creación da Planta de Reciclaxe e compostaxe. Os productos vólvense inserir no ciclo productivo a través de empresas de economía social e o compost utilízase na agricultura local.
En Navarra desenvólvese unha interesante experiencia de protección do medio que inclúe a prevención, tratamento, reciclaxe e recuperación de refugallos en toda a súa gama e unha política integral de tratamento de augas. O ciclo péchase co aproveitamento da lama da depuradora e dos residuos orgánicos para obter compost de uso agrícola. A experiencia en refugallos céntrase preferentemente nas comarcas de Pamplona e Lizarra. A mellora na calidade das augas navarras permite actualmente a vida piscícola e a práctica de agricultura ecolóxica en amplas zonas, incluída a propia capital, Pamplona.
Aínda que a práctica á que hai que aspirar é reducírmo-lo material que vai ó caldeiro do lixo, limitando a compra de productos de usar e guindar (vasos, pratos e bolsas), rexeitando aqueles que estean excesivamente empaquetados, elixindo envases familiares e adquirindo productos frescos e a granel, e reutilizando ou intercambiando envases, roupa, libros, mobles ou xoguetes, nunca está de máis analizar en qué se compón o noso lixo.
Trátase de plantas industriais ás que os camións do lixo transportan os refugallos. Dispoñen dun foxo de recepción no que se depositan os refugallos para que un guindastre os traslade a unha caldeira de combustión, onde se queiman a altas temperaturas. Na parte baixa desta caldeira recóllense as cinzas residuais e desde ela os vapores e gases xerados pasan a unha caldeira secundaria na que se someten a un proceso de limpeza e se lles engade cal e carbón activo (que absorben as substancias tóxicas como dioxinas e furanos, metais pesados, etc). Para rematar, estes gases e vapores pasan a través dun filtro que retén as partículas e substancias, e emítense por cheminea. Nas plantas máis modernas o vapor quente aprovéitase e requéntase para alimentar unha turbina que xera enerxía eléctrica, que se subministraría á rede xeral. Así pois, mediante as incineradoras redúcese a cantidade de lixo e prodúcese enerxía.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI