Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Belén Gopegui, escritora: "Escribo para chegar a ser capaz de comprender por qué facémo-las cousas"

 Cando, rematado o 2001, os suplementos literarios dos xornais de maior tiraxe fixeron pública a selección de autores que asinaron as mellores novelas do ano, un nome case descoñecido para o gran público apareceu en tódalas listas: Belén Gopegui. Nada en Madrid en 1963, esta escritora publicou xa catro obras. A terceira, A conquista do aire, chegou a cualificarse "novela perfectísima", cualificativo semellante ó que obtivo o seu último traballo, O real (Anagrama). Licenciada en Dereito, dedicouse durante anos a facer recensións de obras e a realizar entrevistas para diversas publicacións, pero algo desencantada con estes cometidos e apoiada pola xa consagrada Carmen Martín Gaite enviou a súa primeira novela, A escala dos mapas, a unha editorial e a súa boa aceptación supuxo o comezo da súa carreira literaria. As palabras de Gopegui, unha persoa tímida e aparentemente nada endeusada, buscan a precisión, na medida en que non estende as súas respostas máis do preciso, sen renunciar por iso ó emprego de figuras metafóricas que rozan o literario: "prefiro recibir cartas escritas a man, porque o bolígrafo non se pode borrar mentres escribes". A súa brevidade non é esquiva nin mantén vínculo ningún coa superficialidade. Con poucas palabras Gopegui amosa o seu firme compromiso coa sociedade que a arrodea, na que "a xente están tan cansa que chega á casa sen querer pensar, nin imaxinar e lle resulta máis doado crer historias de amor e desamor ca problemas sindicais". A timidez, o fracaso, os cartos e a bondade son argumentos recorrentes nas súas novelas; abordados, iso si, con precisión de cirurxián e unha vocación crítica que non entende de verdades a medias nin panos quentes.

Con catro novelas acadou o apoio do público, inspirou o guión dunha película e obtivo o tan difícil recoñecemento unánime da crítica. ¿Como logrou inscribir, en tan pouco tempo, o seu nome entre os novelistas de referencia de hoxe?

Neste sentido, eu permanezo aínda algo agachada e tamén o fan as miñas historias. O que me gustaría pensar é que existen persoas que se fan as mesmas preguntas que se perfilan nas miñas novelas, e atopan nelas unha invitación a continuar poñendo en cuestión as respostas que se ven a primeira vista por todas partes.

A crítica defínea como "escritora que sen chegar a ser representante da literatura feminina si comparte en certo aspecto ese espacio". A súa escrita, intimista, narrada desde os sentimentos e as experiencias, explora a alma dos protagonistas e aparenta sinxeleza formal, pero discorre por pautas de rigor narrativo e exquisitez técnica; en definitiva, fai vostede o tipo de literatura que se lle atribúe ás escritoras. ¿Que hai disto?

A intuición e o coñecemento non se contrapoñen, escribiu Bertold Brecht, que era, por certo, un home. A intuición transfórmase en coñecemento e o coñecemento en intuición. Os soños transfórmanse en plans; os plans, en soños. Teño saudade e póñome en marcha, e mentres marcho, teño saudades. Os pensamentos apálpanse, os sentimentos pénsanse. Se cadra esta cita serve como resposta.

Compararon o perfil dos seus personaxes cos do celebrado escritor Milan Kundera, ¿como lles dá vida, que procura dotándoos dunha biografía tan sincera e complexa, e canto teñen da maneira de ser e vivir de Gopegui os seus personaxes?

Busco chegar a ser quen de comprender por qué facémo-las cousas, por qué as fai cada personaxe e, nesa medida, ser capaz de imaxinar outro xeito posible de vivir.

¿Como xesta as súas novelas?

Na miña primeira novela, A escala dos mapas, a pregunta era: ¿onde se retraen os retraídos; os tímidos, onde se agachan? Na segunda, Tocármono-la cara: ¿que acontece coas cousas que saen mal? Na terceira, A conquista do aire: nunha sociedade coma a nosa, ¿ata que punto mente, ou se engana, quen di "os cartos son o de menos"? Na cuarta, O real: ¿por que é tan común identificar ser bo con ser un chisco parvo, por que se lle ten medo á bondade? Sempre imaxino unha historia que encarne unha pregunta.

Recentemente, o plaxio é unha espada de Damocles que pendura sobre as cabezas dos literatos. ¿Custa tanto facer un argumento novo, contar cousas distintas?

No que me atinxe, só sei dunha broma que me fixeron nun chat sobre o plaxio. E, en xeral, coido que si que custa contar cousas novas, pero non porque non se nos ocorran, senón porque non son verosímiles. Todo o mundo cre unha nova historia de amores e desamores como hai cen mil delas. Pero ninguén cre nunha historia desas que agora non hai, por exemplo a historia de que unha empresa alemana que ameaza con despedir a dez traballadores se atopa cun boicot feito por tódolos traballadores en tódalas súas filiais, en Alemaña, en Italia, en Indonesia, en Chile, en España, en Portugal, e daquela decide non despedilos.

A súa terceira novela, A conquista do aire, foi levada ó cine. ¿Que sente unha autora, no seu caso cinéfila, cando ve a súa obra traspasada a outra linguaxe?

Non se pode conta-lo mesmo de dúas maneiras distintas. Non é o mesmo dicir "quérote moito" que dicir "quérote tanto que tremo coma as follas das papoulas cando estás lonxe". No primeiro caso estanche dicindo "quérote moito", e no segundo, seguramente, "olla, fíxate cómo falo". Co cine e a novela acontece o mesmo. O equipo da película traballou con moitos materiais e un deles era a miña novela. A min gustoume que o fixeran pero non era exactamente a mesma historia.

Abandonou o xornalismo e nas súas afirmacións reflíctese un certo escepticismo ante a función dos medios de comunicación de plasma-lo dereito á información dos cidadáns. Na súa última novela, na que analiza a corrupción política, recorre á literatura para exerce-la crítica e espertar así a conciencia social.

Non o sei, ó primeiro coidaba que os novelistas estabamos algo menos condicionados cós xornalistas. Agora empezo a pensar que estamos tan condicionados uns coma outros.

As súas novelas e opinións reflicten a sociedade desde unha perspectiva un chisco aceda e critican, cuns parámetros semellantes ós da literatura máis comprometida, o culto ó hedonismo que profesan os cidadáns.

Un novelista non é un filósofo, pero é alguén que pasa moito tempo pensando en cómo son as cousas e nas palabras. Seguramente, un novelista debería facer algo máis ca estar na súa mesa escribindo historias. Pero ten que haber un termo medio entre facer algo máis e converterse en opinador acerca de todo o que pasa. Eu estou buscándoo.

En xullo do 2000 morre Carmen Martín Gaite, autora moi recoñecida por crítica e público. Así e todo, a súa desaparición pasou sen pena nin gloria. Se cadra nunca será recoñecida como compoñente esencial da xeración dos 50. ¿Pensa que as novelistas figurarán algún día nos libros de texto e enciclopedias?

A verdade adoita depender da correlación de forzas. E agora vou entrar, si, nun tema de actualidade. Se uns estudiantes nunha protesta rompen unha porta do século XVI, dicimos que cometeron un delicto. Se un Concello nunha operación urbanística estraga xacementos arqueolóxicos, dicimos que era bo para o interese xeral. Co canon literario acontece decote o mesmo. As mulleres tiveron moi pouca forza e iso non lles permitiu colocar moitos nomes no canon.

Edítanse e mércanse moitos libros no noso país; sen embargo, está moi estendida a sensación de que non se len, e de que a nosa non é unha sociedade culta. Logo, ¿a compra de libros pode ser un xeito de evita-los remorsos de conciencia por non ler, unha moda pasadía ou se cadra unha resposta impulsiva á mercadotecnia das feiras do libro ou ás entrevistas de promoción na televisión?

Desde o meu punto de vista son o cansazo, a tensión, a falta de espacios comúns e a inxustiza cotiá o que fai que as persoas cheguen á casa sen azos para pensar, sen forzas para nin sequera imaxinar. Ese é un dos motivos de que se lean poucos libros interesantes. Eu si penso que os libros que se compran se len, o que acontece é que moitos deses libros son parecidos á televisión: non distinguen entre o que hai e o que podería haber, contan mentiras e iso é todo.

O día en que os libros estean en cd-rom e as novelas se presenten por capítulos en Internet, o papel como soporte da cultura verá periga-la súa supervivencia ou se verá abocado a convivir coa pantalla. ¿Que lle di este futuro?

O papel xa convive coa pantalla. Na miña opinión, o lapis é distinto ó bolígrafo, porque o lapis se pode borrar. A pantalla aseméllase máis ó lapis có bolígrafo, e vaia, eu polo de agora prefiro recibir cartas escritas con bolígrafo ca a lapis.

¿Son as edicións baratas unha fórmula de democratiza-la lectura? ¿E os libros por fascículos a única maneira de lograr unha boa biblioteca?

Gustaríame que o prezo das novelas dependese do seu valor de uso, pero adoita ser ó revés. Os libros que case só teñen valor de cambio, é dicir, os que son a última novidade de alguén famoso pero non contan nada interesante, son caros. E as novelas de gran valor de uso poden mercarse moi baratas en librerías de segunda man. Está ben que esas novelas sexan baratas, o que non está ben é que as outras sexan caras. En calquera caso, para acadar unha boa biblioteca o máis importante é preguntarse qué lle pide un ou unha ós libros, qué precisa saber.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto