Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Descende a necesidade de enerxía, aumenta a proporción de graxa no corpo e pérdese masa ósea, polo que é preciso axeita-la dieta.
Os cambios fisiolóxicos comúns a ámbolos sexos que se presentan na idade madura -entre os 40 e os 60 anos- condicionan o tipo de alimentación que cómpre seguir nesta etapa da vida. A partir desa idade descende a necesidade de enerxía nun 5% por cada década (debido a que diminúe a enerxía que consome o organismo en situacións de repouso para mante-las funcións vitais), polo que cómpre inxerir menos calorías. Ademais, prodúcese un marcado aumento na proporción de masa graxa no corpo, co que convén limitar alimentos que a conteñen, e dáse tamén unha perda gradual, pequena pero constante, de masa ósea. A necesidade de axeita-la dieta ós cambios devanditos resulta, polo tanto, manifesta. Adaptando a dieta a esta etapa da vida pódese manter un óptimo estado de saúde, mellora-la calidade de vida e previ-lo desenvolvemento de enfermidades, xa que se sabe con certeza que numerosas enfermidades están estreitamente relacionadas cuns incorrectos hábitos de alimentación.
Diminúe o metabolismo basal. A OMS (Organización Mundial da Saúde) estima que a partir dos 40 anos a necesidade de enerxía para ámbolos sexos descende un 5% por cada década. Isto débese a que diminúe o metabolismo basal do individuo, é dicir, a enerxía que consome o organismo en situacións de repouso para mante-las funcións vitais: bombeo do sangue, mantemento da temperatura corporal, etc. Esta reducción tradúcese na necesidade de inxerir menos calorías, algo non contemplado por moitas persoas e que explica por qué aumentan progresivamente de peso se manteñen os mesmos hábitos de alimentación ca anos atrás. Este incremento gradual de peso conduce á obesidade se non se corrixe a tempo.
O parámetro obxectivo que permite defini-la existencia de obesidade é o Índice de Masa Corporal (IMC) que resulta de dividi-lo peso real da persoa en quilogramos entre o talle expresado en metros ó cadrado. Considérase que unha persoa é obesa cando o seu IMC é igual ou superior a 30 kg/m2. Dous factores exercen un impacto importante no aumento de peso: o consumo excesivo de calorías e a escasa actividade física.
Cambios na composición corporal (graxa, músculo, óso e auga), que se van producindo ó longo da vida do individuo ó igual ca no funcionamento de tódolos órganos.
Sábese con certeza que moitas desordes da nosa saúde están directamente vinculadas con qué, cánto e cómo comemos; o que nos obriga, en numerosas ocasións, a cambiar certos comportamentos e actitudes relacionados coa alimentación, co fin de axeitala ós patróns de dieta saudable e ás enfermidades que padecemos ou desexamos previr. Os aspectos dietéticos que merecen especial atención nesta etapa da vida son:
Favorece-los procesos depurativos. Mediante eles elimínanse os radicais libres (véxase outubro do 2001) e outras substancias de desfeito (urea, creatina...) formados como resultado da propia actividade do organismo ou procedentes da contaminación externa. Os radicais libres prodúcense no noso organismo como consecuencia da respiración en presencia de osíxeno, e ocasionan ó longo da vida efectos negativos para a saúde pola súa capacidade de altera-lo ADN (os xenes), as proteínas e os lípidos ou graxas. Cos anos, os radicais libres poden producir unha alteración xenética sobre certas células, aumentando así o risco de padecer cancro, e reduci-la funcionalidade doutras, característica do avellentamento.
Para depura-lo organismo é preciso axudalo a levar a cabo os seus propios procesos de limpeza:
É aconsellable mante-los horarios de comidas dun día para outro e non saltar ningunha toma. Realizar comidas irregulares e deixar pasar demasiado tempo entre elas produce hipoglicemia que podería explica-lo porqué de abafos (no caso da muller que atravesa a menopausa), irritabilidade, cansazo, etc. Polo tanto, recoméndase distribuí-la alimentación cotiá en 3 comidas principais e valora-la toma de almorzos ou merendas máis lixeiras, considerando certos matices. Á hora de xantar, distinga entre fame e apetito.
O almorzo é unha das comidas máis importantes do día, debido a que o organismo leva moitas horas sen recibir ningún alimento. Debe incluír cando menos un lácteo e cereais. Se, ademais, toma unha froita ou zume, mellor aínda. A toma de media mañá ou a merenda son convenientes se transcorren máis de 4 horas dunha comida a outra. A cantidade e tipo de alimentos dependerán da actividade laboral de cada persoa. Non obstante, limite o consumo de bolería e repostería, snacks, refrescos, bebidas alcohólicas... productos que proporcionan "calorías baleiras", é dicir, que "enchen" pero que non nutren. Prefira a froita fresca, lácteos ou bocadillos preparados na casa, sen abusar de embutidos, patés e queixos graxos. Para o xantar débese propiciar un clima tranquilo, sosegado e sen interferencias (TV, radio, animais...), co fin de comer a modo, de vagar, relaxadamente e dedicándolle como mínimo 20-30 minutos a esta parte esencial do día. No tocante á cea, o tipo e a cantidade de alimentos que se toman inflúen na dixestión e na capacidade de concilia-lo sono. O máis axeitado é non inxerir alimentos ou líquidos durante as dúas horas precedentes ó momento de deitarse, agás se se trata dun vaso de leite morno ou unha infusión. A cea pódese "utilizar" para compensar excesos e acada-lo equilibrio dietético cotián.
Racións diarias de alimentos e frecuencia de consumo recomendada
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI