Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Análise de produtos

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

CDs para gravar, de audio e de datos: Están ben construídos e son eficaces

  Analizáronse 12 cedés gravables (CD-R), oito de datos e catro de audio. Os cedés gravables só se poden gravar unha vez, a diferencia dos CD-RW, que poden sobreescribirse. Os CD-R de datos arquivan e gardan datos informáticos, mentres que os de audio gravan pistas de música ou arquivos de audio como WAV ou MP3. A diferencia fundamental entre ambos é a estructura coa que foron creados, aínda que o software de gravación permite crea-los cedés cunha estructura ou con outra. Nos CD-R Datos pódese gravar música, pero algúns lectores CD de equipos de música non sempre len música gravada en CD-R Datos. Polo tanto, a recomendación é utiliza-los CD-R Datos para datos, e os CD-R Audio para música.

Os CD de datos custan de media un euro cada unidade, e os máis baratos son os que se estudiaron de HP (0,72 euros) e Verbatim (0,77 euros) mentres que os máis caros foron os das marcas Fuji (1,17 euros) e Hi Space (1,19 euros). Pola súa banda, os estudiados de Traxdata, Sony, Basf e TDK presentan prezos próximos á media. Os cedés de audio custan de media 2,20 euros; o máis barato é o analizado de Basf (1,95 euros) e o máis caro o de Sony, que custa 2,55 euros. O motivo desta diferencia de prezo: á parte de que o volume de vendas dos CD-R Audio é menor, estes páganlle un canon (0,5 pta/minuto) á Sociedade Xeral de Autores, porque son para gravar música.

Aínda que a estructura dun CD-R é semellante á de calquera outro disco compacto, o que os distingue é a presencia (entre a capa de substrato de policarbonato e a metálica reflectante de tódolos cedés) dunha capa de tintura orgánica termosensible que permite a gravación da información.

Xa nos resultados da análise comparativa, a información ó consumidor nestes cedés é en xeral aceptable, se ben pouco homoxénea e con algunhas omisións e certos contidos só en inglés. Os CD-R de datos HP e Traxdata non levan instruccións de emprego e mantemento, e en Traxdata faltan tamén os datos de fabricante ou importador. No tocante á garantía, só é satisfactoria en Verbatim Metal Azo. Entre os cedés de datos só o de Hi Space non indica velocidade de gravación, e ningún dos de audio proporciona esta interesante información. Na maioría dos que a achegan, esta velocidade é 16x (16x2400 Kb/seg), e en Fujifilm e Basf/Emtec foi 12x (12x1800 Kb/seg). Debido á vertixinosa velocidade coa que cambia o mercado dos CD, probablemente para cando se publique esta análise os 12x e 16x xa serían substituídos polos 32x.

Por outra banda, a capacidade de almacenamento nos cedés analizados é a mesma (porque hai de 650 Mb ou 74 minutos, de 90 minutos, ...): os de datos indican 700 Mb ou 80 minutos e os de audio, 80 minutos.

As esixentes probas realizadas para avalia-la aptitude á función destes 12 cedés deron un resultado satisfactorio. A maioría seguían operativos despois das probas, aínda que houbo excepcións: Verbatim (datos) e Emtec (audio) non superaron o despegado da etiqueta, quedando inutilizados para o seu uso posterior, mentres que Sony, Fuji e Hi Space (os tres de datos) e Fuji audio quedaron algo danados pero seguiron operativos. E na proba de resistencia, o cedé audio de Fuji presentou unha alteración leve que non lle impediu seguir operativo.

Outras cuestións: a claridade e idoneidade das instruccións de uso, mantemento e limpeza foron mellores en TDK e Hi Space (cedés de datos). E a velocidade de gravación (coa gravadora LACIE/CDBP-241040s) comprobouse que era semellante entre os catro de audio, pero non así nos de datos. TDK, Sony, HP, Traxdata e Verbatim só tardaron 3 minutos en completarse mentres que Fuji e Basf/Emtec precisaron 3,5 minutos. O máis lento, Hi Space, requiriu de 4,5 minutos. Lembremos aquí que a capacidade dos cedés era idéntica, polo que leva distinto tempo grava-la mesma cantidade de información.

Tras cotexar tódolos resultados, a mellor relación calidade-prezo entre os cedés de datos correspóndelle a Verbatim Metal Azo (0,77 euros) e, entre os de audio, a TDK CD-RA-XG X Reflex (2,28 euros). Hi Space perfílase como un producto de elevada calidade, debido ás peculiaridades que lle confire o seu recubrimento de carbono.

A cor do anverso dos cedés

O reverso dos cedés é de distintas cores: foron dourados os de Sony, HP, Fujifilm e Basf/Emtec entre os de datos, e Emtec e Fujifilm, entre os audio. En TDK, Traxdata e TDK e Sony Audio foron azuis ou azul-verdosos. Verbatim foi azul escuro, e, para rematar, o de Hi Space é de cor negra. Non sendo no caso de Hi Space, onde a cor negra se debe a un recubrimento externo que mellora a súa protección fronte ós raios ultravioleta e a súa resistencia fronte ó uso continuado, nos demais a cor débese sobre todo ó tipo de tintura orgánica da capa de gravación. Tan só Verbatim Metal Azo indica a natureza desa tintura orgánica. Aínda que hai controversia ó respecto, os CD-R negros, dourados ou azul escuros asócianse comunmente cunha maior lonxevidade, o que podería ser importante en copias de seguridade. Sen embargo, este non é o único factor que determina a lonxevidade do cedé.

Cómo se fixeron as probas

Para comprobar que ningún dos CD-R presentaba problemas na gravación empregáronse sete directorios ou carpetas específicas de ordenador PC, que contiñan á súa vez 111 carpetas con 1.925 arquivos cunha capacidade total de 397 Mb (megabytes). A información era de texto, imaxes, son e programas activos de xogo. Para a gravación de música empregouse un disco con 12 cancións que ocuparon 480 Mb. A gravación realizouse á velocidade de gravación recomendada en cada CD. Cando esta información non aparecía, empregouse 12x. Mediuse o tempo que tardaba a gravación en completarse en cada CD. Despois, comprobouse se os datos gravados se correspondían cos orixinais.

Os CD poden sufrir alteracións debido a condicións climáticas extremas ou que cambian bruscamente. Os CD-R sometéronse a baixas (-20ºC) e altas (60ºC) temperaturas durante 24 horas e despois comprobouse con distintos lectores (lector CD-RW, lector CD, e lector CD de cadea musical) se estes seguían sendo operativos ou non. E verificouse a calidade da gravación cun programa específico (Disk Checker 2000), que cuantifica os erros producidos na gravación.

Na proba de robustez, as mostras sometéronse a 10 caídas desde unha altura de 1,5 metros sobre unha superficie dura. Despois, inspeccionouse se había algunha deterioración física e se seguían sendo operativos nos lectores de CD.

A adhesión de etiquetas pode tamén dana-la superficie do CD. Para comprobar este extremo, pegouse unha etiqueta de 7x3 cm sobre a cara superior do CD, no espacio sinalado para iso, e tras 48 horas despegouse a etiqueta e inspeccionáronse as mostras visualmente e a través de diversos lectores de CD.

Para rematar, co obxecto de verificar se se pode escribir cun rotulador indeleble de punta branda sobre os CD sen que iso altere a súa función, rotuláronse as mostras e valorouse a facilidade da inscrición e o seu resalte sobre a cara superior do CD. Os mellor valorados foron aqueles que presentan unha capa específica de escritura.

Cómo manipular e garda-los CDs

Para que os CDs ofrezan un almacenamento máis seguro e prolongado dos datos que albergan, convén coñecer e aplicar estas medidas:

  • Gardalos en envases axeitados, preferentemente opacos.
  • Non expolos a temperaturas elevadas (o ideal: non superar 25ºC), nin a humidades relativas altas, nin a cambios bruscos de temperatura e humidade.
  • Non deixalos fóra da caixa cando non se usen.
  • Non expolos á luz solar de xeito prolongado.
  • Non escribir sobre o CD con bolígrafo ou rotulador de punta ríxida. Existen rotuladores específicos para cedés.
  • Non sometelos a golpes nin á acción de obxectos punzantes.
  • Non pegar etiquetas sobre eles. E se xa as pegamos, non despegalas. Existen adhesivos específicos para cedés.
  • Manipulalos agarrándoos polos bordos, para evitar deixar impresións dactilares.
  • Non limpalos con disolventes ou substancias agresivas. O mellor xeito é cunha camuza para limpar lentes.
  • Non fretalos en sentido circular, senón en sentido radial, para que se se produce algún efecto de raiado teña a menor incidencia posible.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto