Saltar o menú de navegación e ir ao contido
Esta polución refírese a toda luz que non é aproveitada para ilumina-lo chan e as construccións, aínda que pretenda facelo.
En 1891 a cidade rioxana de Haro puido presumir de se-la primeira en España en contar con iluminación eléctrica nas súas rúas. De aí xurdiu o dito do viaxeiro que se achega ó seu destino e advirte "xa estamos en Haro que vexo as súas luces". Aínda que a anécdota resulte divertida, o feito é que, transcorrido máis dun século desde aquela, o aviso tomou tintura de crúa realidade: as potentes luces das cidades ocultan o ceo, ou o que é o mesmo, a contaminación lumínica é cada vez máis forte, e a gran maioría dos cidadáns non somos conscientes de que estamos sometidos a este tipo de polución. Acontecía algo semellante coa contaminación acústica, pero os seus prexuízos, menos sutís, foron axiña percibidos cando comezou a se falar dela. O exceso de luz non molesta dun xeito tan inmediato coma o do ruído, pero é evidente que resulta non só un dispendio enerxético e económico, xa que se emprega a maior parte da luz en ilumina-lo non necesario, senón que tamén supón un atraso cultural -ocúltaselle o firmamento ós homes e mulleres que viven somerxidos nel- e un prexuízo ambiental -desprázase a fauna nocturna ou prescíndese dela-. Loitar contra esta contaminación precisa da vontade, colectiva e particular, de romper cos erros cotiáns na elección e deseño da rede luminosa de cidades, estradas, e mesmo vivendas particulares ou urbanizacións que imitan a iluminación dunha urbe.
O Instituto de Astrofísica das Canarias, centro punteiro no estudio e divulgación de medidas para combate-la contaminación lumínica, descríbea como "o brillo ou resplandor de luz no ceo nocturno, producido pola reflexión e difusión de luz artificial nos gases e nas partículas do aire polo uso de luminarias inadecuadas e excesos de iluminación". Noutras palabras, esta polución refírese a toda luz que non é aproveitada para ilumina-lo chan e as construccións, aínda que pretenda facelo. Pode acontecer que o feixe luminoso non se dirixa para abaixo, ou que a radiación luminosa sexa dunha lonxitude de onda que o ollo humano non percibe e esa luz escape rumbo ó ceo, contaminando a atmosfera.
Nas últimas décadas afixémonos a que a iluminación da noite imite a luz do día. O problema radica en que se está realizando de xeito incorrecto, o que supón un considerable malgasto de enerxía e a perda do firmamento nocturno. Pero, ademais, calquera cidadán pode comprobar que incluso oculto o sol, unha luz indesexada e procedente do exterior invade a súa vivenda, o que constitúe un factor perturbador do descanso nocturno, aínda que xa esteamos afeitos. Estas luces na vía pública cegan ós viandantes pero tamén ós automobilistas -o que resulta máis perigoso- e deriva do mal deseño das instalacións de iluminación; representa, en último termo, un prexuízo para a seguridade viaria.
Diversos estudios científicos elaborados tanto en España coma no estranxeiro puxeron de manifesto os efectos perniciosos sobre a fauna e flora nocturnas dunha iluminación mal deseñada. Estes efectos atanguen ás aves (tanto migratorias coma non migratorias), ós mamíferos voadores e, sobre todo, ós insectos nocturnos. Máis do 90% das especies de lepidópteros son de costumes nocturnos, e da súa existencia dependen moitas especies de plantas con flores que abren pola noite, así coma multitude de depredadores. Ó perturba-la vida dos insectos nocturnos estase desequilibrando a base da cadea trófica.
Esta contaminación tamén implica certa dose de inseguridade viaria. Debido a que o ollo humano se adapta de vagar a unha zona escura cando provén doutra moi iluminada, as iluminacións mal proxectadas dalgúns tramos de estrada cegan ós conductores. Para evitalos, os expertos recomendan utilizar iluminacións de transición que gradualmente pasen dun nivel de iluminación a outro e permitan unha adaptación do ollo humano a zonas con diferentes niveis de luz.
Resulta sorprendente descubrir que os avances tecnolóxicos no século XXI poden ir en detrimento da astronomía moderna. Aínda que as novas xeracións de telescopios de 4 metros, equipados con sensibles detectores electrónicos, posibilitan observar obxectos que están 250 millóns de veces máis distantes cás estrelas máis arredadas que poida distingui-lo ollo humano (isto equivale a detecta-la luz dunha soa candea a unha distancia de 100.000 quilómetros), os astrónomos non só precisan grandes máquinas de lentes moi potentes, tamén precisan ceos máis escuros, cada día máis difíciles de atopar.
Estudios realizados en Nova York, unha urbe na que se percibe claramente a contaminación lumínica sen precisar saír da atmosfera, chegaron á conclusión de que a reducción de excesiva luz reduce o vandalismo. Esta tese que parece chocar co sentido común non deixa de achegar certos trazos clarificadores cando se advirte, e así se demostra, que unha boa iluminación é precisamente a que limita a luz ó chan, e non ó contorno. En instalacións afastadas de zonas iluminadas, aseguraba o estudio que é preferible non empregar iluminación de seguridade, xa que se acada o efecto contrario: estase indicando onde se atopa a instalación e proporcionando posibles zonas de acceso á mesma. É máis efectiva unha iluminación disuasoria que se acenda por presencia ou algo semellante. O mesmo acontece con edificios illados ou pequenas concentracións de casas, onde disimula-la presencia na noite permite evitar ser obxectivos de roubos.
Os tipos de lámpadas que actualmente existen no mercado, atendendo ós seus espectros, pódense clasificar do xeito seguinte:
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI