Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Entrevista

Λ

Juan José Badiola, director do Centro Nacional de Referencia das Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles: "A crise das vacas tolas contribuíu a mellora-la producción da carne"

  Juan José Badiola é a referencia técnica, o personaxe científico por excelencia na loita contra o mal das "vacas tolas". Coa súa bata branca e o xesto amable, este leonés de 53 anos non escatimou esforzos durante os meses críticos en despexar dúbidas e temores sobre a maior crise alimentaria sufrida en Europa nas últimas décadas. Conseguiu así familiarizar a moitos cidadáns coa Encefalopatía Esponxiforme Bovina (EEB) e sensibilizar a consumidores, productores e autoridades públicas sobre a necesidade de introducir controis de seguridade nos sistemas de producción de carne de vacún.

Este investigador, doutor en Veterinaria e catedrático, desprega cos seus interlocutores, ben sexa nunha conferencia, nunha entrevista ou nunha simple conversa, unha estratexia abertamente didáctica e divulgativa. Non en van, antes de dirixi-lo Laboratorio do Centro Nacional de Referencia de EEB foi profesor e Rector da Universidade de Zaragoza. Cambiou o seu despacho rectoral polo laboratorio -único especializado en EEB en España- que descubriu, en outubro do 2000 e logo de catro anos de traballo, o primeiro prión dunha vaca enferma en España. A casualidade quixo que este primeiro caso coincidise no tempo coa explosión europea da crise da EEB. No 2000, segundo Badiola, a comunidade científica estaba preparada para afronta-la crise, pero a sociedade non, "clase política incluída", o que paradoxalmente resultou positivo ó permitir que os expertos puidesen cumprir sen presións o seu labor de investigación e difusión sobre as causas e consecuencias desta grave crise de seguridade alimentaria. Badiola teno claro, "cando tes entre mans algo tan serio coma a saúde pública, os únicos intereses ós que te debes son os dos cidadáns".

Hoxe, unha vez desaparecida a crise das vacas tolas dos titulares dos medios de comunicación, Badiola continúa investigando no seu laboratorio e despachando cos seus colegas científicos europeos, e advirte de que "non se baixe a garda, porque o problema non se amañou". De tódolos xeitos, tira conclusións positivas: coida que a carne é hoxe máis segura ca nunca e que "esta crise puido servir para que se investise máis en investigación, porque se viu que en tempos de crise os científicos somos necesarios".

¿É hoxe a carne de vacún máis ou menos segura ca hai uns anos?

Podemos afirmar que hoxe temos unha carne de vacún segura. Nunca houbo maior sensibilidade ó respecto e os controis que se realizan son os que razoablemente se poden facer. Ademais, aplicouse o principio de precaución. Cando se definen os MER (materiais específicos de risco) faise por elevación, e adoptouse un período de tempo prolongado para ofrecer máis seguridade. Se o cerebro dunha vaca se retira a partir dos 12 meses, non é porque a enfermidade poida aparecer ós 13 meses; de feito, os casos máis temperáns déronse en vacas de 30 meses. O Comité Científico da UE afirma que os controis adoptados son axeitados e debemos ter confianza e lembrar que este Comité non é un elemento estático nin de resposta, xa que a súa función investigadora é constante e ofrece periodicamente novas medidas para resolve-lo problema.

O web especializado www.consumaseguridad.com sinalaba nun informe que as cifras da epidemia das vacas tolas, ó contrario do previsto pola Administración, confirmou os augurios da UE para España e que nos atopamos tan só "ó comezo dunha evolución con poucos referentes e para a que se precisan cando menos 10 anos para tirar conclusións estatisticamente significativas". ¿Que opina sobre este diagnóstico?

O problema é de alcance europeo, non local, e as súas consecuencias son fondas e transcendentes, xa que non se lembra un problema de seguridade alimentaria desta dimensión nas últimas décadas. Cada semana prodúcense novos casos, e aínda non sabemos ónde estamos porque a información epidemiolóxica da enfermidade no noso país se reduce ó ano pasado, o 2001. Describimos xa 81 casos (a entrevista realizouse a mediados de xaneiro), pero non se pode saber qué vai pasar este ano e todo vai depender do grao de respecto das medidas adoptadas na década dos noventa. En 1994, a UE prohibiu para ruminantes o consumo de fariñas de orixe de carne e óso ruminante; en 1996, a lexislación española prohibiu a entrada de MER; en 1998 obrigouse a inactiva-las fariñas para mata-lo prión someténdoas a fortes temperaturas e en decembro do 2000 prohibiuse o uso de todo tipo de fariñas cárnicas para ruminantes e non ruminantes. Sabendo que o primeiro caso se detecta en 1996 en Gran Bretaña e que o animal precisa de 5 anos para desenvolve-la enfermidade, se se respectase a primeira medida, a de 1994, o ano 1999 debería marca-lo pico en casos detectados e a partir de aí comezaría o descenso. Se somos realistas e tomamos a data da última lei, de decembro do 2000, ata o 2005 estariamos en pleno crecemento dos casos de vacas tolas. Cada semana diagnostícanse en España un ou dous casos, o que nos levaría a entre 50 e 100 casos anuais, pero pechamos un ano no que a loita foi forte, analizáronse unhas 400.000 vacas. Establecemos medidas eficaces contra a enfermidade, pero estamos ante un proceso longo e non podemos aventurarnos a predici-la súa fin.

Se fose vostede ministro de Sanidade e tivese carta branca para resolve-lo problema da EEB, ¿que medidas adoptaría?

As que se están tomando, pero cómpre seguirmos coa campaña de loita contra a EEB. Estamos ante unha enfermidade infecciosa, e como aconteceu coa tuberculose, hai que ter paciencia para erradicala. Por iso é preciso insistir, e eu fágoo ante os ministerios de Agricultura e Sanidade e ante as administracións autonómicas, en que sigan preocupados co tema e que non relaxen as medidas, porque correriámo-lo perigo de facérmo-las cousas mal. Penso que o retroceso non se vai dar, porque tódolos países da UE están obrigados a cumprir cun sistema de control moi rigoroso.

¿Continúan as dúbidas científicas sobre a orixe da epidemia?

É unha enfermidade descuberta en 1986 na que quedan incógnitas por resolver. Identificáronse os axentes que producen a EEB, os prións, pero permanece a incerteza no tocante á transmisión da enfermidade, especialmente no que afecta ós seres humanos. Temos información fiable que nos permite afirmar que o responsable principal, pero tal vez non único, é o uso de fariñas de carne e óso contaminadas empregadas para fabricar pensos, alimentos e elementos lacteoremprazantes e leites maternizados para animais que, teñámolo moi claro, nunca se dirixiron ó destino humano.

No noso país aínda non se rexistrou ningún caso de transmisión da enfermidade ó ser humano

É certo, pero en Gran Bretaña xa hai máis de cen casos rexistrados. Na comunidade científica asúmese que a variante humana da enfermidade de Creutzfeldt-Jakob está causada pola transmisión do prión bovino ás persoas, pero todo o que se admite en ciencia debe discutirse. Sábese que a variante humana ten unha compoñente neurolóxica, e que os primeiros síntomas son psiquiátricos: comeza con depresión e alucinacións e despois chegan os síntomas neurolóxicos. En España hai bos neurólogos, e penso que non van confundi-la enfermidade orixinada pola EEB con outras posibles patoloxías. Pero en calquera enfermidade o número de casos clínicos é só a punta do iceberg e o que se chega a detectar non é todo o que hai. Non sabemos cántas persoas poden estar infectadas en Europa, pero si que houbo 110 casos en Gran Bretaña, catro en Francia e un en Irlanda. Os tres son países cun gran número de casos de EEB. O Reino Unido está á cabeza con 181.000 vacas enfermas. En Francia detectáronse máis de 500 casos e en Irlanda preto de 700, e son países coa enfermidade descrita xa nos noventa. Pero outros, como Portugal e Suíza, aínda que presentan un número de EEB semellante a Francia, non rexistraron aínda casos humanos. A pregunta é se nos países con menos EEB, como España, non vai darse a enfermidade en humanos. Eu non me atrevo a dicir que non van aparecer porque facer previsións sobre esta enfermidade é difícil, xa que non sabemos tódalas canles de transmisión. Pero hai certezas, como que en teoría, só un 25% da poboación europea está exposta a sufri-la enfermidade porque tódolos casos humanos detectados respondían ó mesmo perfil xenético. Compártese tamén a certeza de que o período de incubación é moi longo, nos humanos pode ser de décadas. E sábese tamén que a transmisión do prión bovino a unha vaca é moito máis doada e eficaz ca a un ser humano.

¿Como chega o prión ata o ser humano?

Asúmese que é a través da alimentación, pero non se demostrou. Nos casos británicos, só se evidenciou a transmisión do prión polo consumo de carne nun caso, o dunha poboación do sur de Inglaterra na que cinco persoas foron contaxiadas por consumiren productos bovinos que se faenaban nunha carnicería na que se manipulaban os restos de cerebro vacún cos mesmos instrumentos cos que cortaba a carne. A alimentación é a vía principal, pero a vía cutánea pode ser outro xeito de transmisión, de aí que se prohibisen as cremas e outros productos de orixe bovina. Mentres non se demostre o contrario, a variante humana desta enfermidade prodúcese pola transmisión do prión por vías alimentarias pero non se poden descartar outras vías aínda descoñecidas.

O consumo de carne de vacún no noso país está volvendo ós niveis anteriores á crise, e o Barómetro do Consumo presentado por Fundación Grupo Eroski revelaba hai dous meses que o consumidor confía na seguridade dos alimentos, e que á carne lle concedía 6,5 puntos sobre 10 posibles. ¿Que opinión lle merece esta actitude?

Gustaríame coñecer cifras doutros países europeos para valora-lo dato pero é importante e positivo, porque a crise puxo en tela de xuízo a carne de vacún e a desconfianza chegou a alcanzar á carne en xeral. Pero as campañas realizadas obrigaron a dar maior e mellor información, o que axuda a aumenta-la confianza. A parte positiva de toda esta crise foi a mellora dos sistemas de control e producción da carne. Perfeccionouse o sistema alimentario en toda a UE, pero os consumidores non o teñen claro e debemos convencelos de que as cousas hoxe fanse ben. Ese é o gran desafío para Europa: o consumidor está disposto a asumir riscos nalgúns aspectos da súa vida, por exemplo cando se sobe a un avión, pero non na alimentación, que non é un acto voluntario senón necesario que, ademais, presenta un risco familiar e non só individual. Eu coido que non hai motivo para desconfiar hoxe da cadea alimentaria. Non podemos volver á horta e animais propios para alimentármonos, porque na sociedade urbana esta organización non é viable. Estamos obrigados a esixir e a confiar na cadea alimentaria que temos.

¿Poden converxe-la mellora da seguridade da carne e a concorrencia do sector gandeiro, ou teremos que seguir buscando a orixe das crises alimentarias na estratexia de reducción de custas de producción que permita asegura-la rendibilidade do producto?

Ese é o gran debate actual no mundo agropecuario. A EEB puxo en cuestión o sistema intensivo de producción. A todos nos gusta o natural e a maioría preferimos consumir carne dunha vaca que estivo pacendo nunha verde pradería cá doutra que non saíu dunha corte na que só comeu penso, pero cómpre preguntármonos se isto é viable. Os gandeiros diríannos que esta decisión implicaría unha suba do prezo da carne e a imposibilidade de cria-lo gando en calquera zona xeográfica, porque só poderían facelo onde haxa prados verdes, é dicir, chuvias abundantes. É importante que o debate se suscite e que a solución xurda dun pacto entre productores e consumidores: ¿está o consumidor disposto a pagar máis pola carne, a cambio de que se produza dunha maneira máis natural e segura? Gracias a estas crises, aumentou a producción gandeira con denominación de orixe e hai marcas que apostan pola trazabilidade da carne, para que o consumidor coñeza o nome do gandeiro, a raza da res, a zona xeográfica na que medrou, cómo se alimentou e desenvolveu... O productor comprométese deste xeito a producir ese animal nunhas condicións determinadas e o consumidor acéptao, valórao e págao. Estou convencido, para rematar, de que o problema da EEB tivo un impacto positivo nos sistemas de mellora na producción e na calidade da carne.


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto