Saltar o menú de navegación e ir ao contido

  • Bienvenido (ES) | Ongi etorri (euskarazko bertsioa) | Benvingut (versió en català) | Benvido (versión en galego)
  • Bienvenido (ES)
  • Boletines
    •  | Baixa  | Máis opcións |
  • Portadas anteriores

EROSKI CONSUMER, el diario del consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa > Actualidade e lecer > Tema de portada

Λ

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, xa que logo, unha vixencia limitada.

Balnearios: Ampla oferta, pero un control sanitario desigual

Non hai homoxeneidade nos controis que os balnearios realizan para detectaren posibles contaminacións ou cambios nas propiedades das augas mineromedicinais

  A camiño entre centros de saúde con terapias de augas mineromedicinais e establecementos hoteleiros de retiro para escapadas reparadoras de fin de semana, os balnearios ou estacións termais gañan adeptos sen présa pero sen pausa, fieis ó estilo repousado que os caracteriza. Así o demostran os 670.000 clientes que no 2001, un 12% máis ca no ano anterior, acudiron a algún dos 128 balnearios espallados por toda a xeografía española e que desembolsaron un total de 145 millóns de euros. En realidade, o número de visitantes é aínda maior xa que as estatísticas non inclúen ós clientes que non se someten a tratamento nas termas.

Trátase dunha peculiar oferta hostaleira en pleno crecemento (estanse ampliando unha decena de balnearios e estase a construír un novo en Ourense) e que resulta totalmente coherente coas novas tendencias do consumidor actual, cada vez máis proclive a gastar en servicios relacionados coa saúde e o lecer. Ademais, aumentan tamén os visitantes de fins de semana que buscan prestacións simplemente lúdicas (e non terapéuticas) nos balnearios, e tamén a afluencia de nenos que acompañan ós seus pais. E a idade media dos usuarios situouse en 40 anos no 2001, fronte ós 44 anos dos anos precedentes.

Así e todo, aínda persisten na poboación amplas lagoas de descoñecemento arredor do que ofrecen os balnearios e das principais características destes establecementos. Se ben os seus efectos beneficiosos na saúde parecen estar fóra de toda dúbida, como o testemuña o feito de que o propio IMSERSO financie estancias en balnearios para a Terceira Idade, segundo os expertos consultados por CONSUMER ignórase que as estancias se deben prolongar cando menos durante dúas semanas para que os tratamentos termais resulten eficaces. De feito, as de menor duración practicamente non conseguirán mellorar nada as doenzas tratadas máis a miúdo nestas estacións termais (problemas respiratorios, do aparello dixestivo, da pel...), aínda que poden ser perfectamente útiles para desconectar do vertixinoso ritmo de vida actual, dito doutro xeito, para repousar, relaxarse e retomar forzas para afrontar con máis optimismo e vitalidade os retos de cada día.

A notable disparidade de prezos que rexe no sector, por outra banda, parece suxerir que o usuario debería compara-las tarifas de varios balnearios antes de se decidir, xa que un mesmo servicio presenta un custo moi distinto nun ou noutro: unha masaxe de media hora pode custar entre 12 e 37 euros, un baño de burbullas desde 6 ata 15 euros e un baño termal entre 3,60 euros e 9 euros. Moitos balnearios dispoñen, ademais, de hotel, e as súas tarifas difiren moito, e non sempre o fan en relación directa coa súa calidade. Unha fin de semana en habitación dobre, con pensión completa e tratamento termal pode representar 100 euros por persoa nalgúns balnearios mentres que noutros alcanza os 300 euros. Todo indica que, antes de se inclinar por un ou outro balneario, paga a pena dedicarlle uns minutos a estudia-las diversas ofertas.

Algúns balnearios dispoñen de hotel no que os clientes poden pasa-la noite -para gozar dos servicios dunha estación termal non é imprescindible aloxarse no propio balneario-, e nas inmediacións dos que carecen de hospedaría propia poden atoparse hoteis, casas rurais e restaurantes. E, por suposto, é posible aloxarse no hotel dun balneario sen someterse a ningún tratamento.

Paginación


Outros servizos


Buscar en

Información de Copyright e aviso legal

Visita nuestro canal Eroski Consumer TV

En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI

Fundación EROSKI

Validaciones de esta página

  • : Conformidad con el Nivel Triple-A, de las Directrices de Accesibilidad para el Contenido Web 1.0 del W3C-WAI
  • XHTML: Validación del W3C indicando que este documento es XHTML 1.1 correcto
  • CSS: Validación del W3C indicando que este documento usa CSS de forma correcta
  • RSS: Validación de feedvalidator.org indicando que nuestros titulares RSS tienen un formato correcto