Saltar o menú de navegación e ir ao contido
A poda é unha operación traumática que altera o desenvolvemento e morfoloxía natural das plantas, polo que se debe realizar con coidado e mimo.
A maioría das plantas hibernan desde novembro ata a primavera, e este período é precisamente o mellor para a poda, operación que vigoriza o tronco e as pólas, regula o crecemento e elimina as partes danadas ou enfermas. Tamén hai argumentos estéticos para usa-las tesoiras de poda nesta época. Co fin de non cometer erros e respecta-lo ser vivo que é a planta, árbore ou arbusto, a poda debe emprenderse con coñecementos de técnicas de corte, que se adaptarán a cada caso. Aínda que non é difícil, podar significa intervir na natureza da planta, polo que cómpre evitar calquera traumatismo que a prexudique. A poda comeza observando o exemplar detidamente e descubrindo as pólas danadas, enfermas ou mortas a rentes do tronco. Cortar estas pólas non supón perigo ningún, pero para determinar qué pólas adicionais sacar si cómpre ser cauteloso. O centro da árbore ou planta debe quedar despexado para que lle chegue luz ó resto, e se se pretende rebaixa-la ramificación porque a planta, árbore ou arbusto dá moita sombra ou ocupa demasiado espacio, será fundamental facelo ós poucos, para non logra-lo efecto contrario: que medre sen parar.
Hai dous tipos de árbores ornamentais: as que perden as follas no outono -os de folla caduca- e os que manteñen as súas follas verdes durante todo o ano. O matiz da cor das follas é fundamental, xa que cómpre trata-las as árbores de folla verde perenne coma se fosen caducas: pode que as follas non caian, pero acabarán murchando. Á hora da poda case non hai diferencia entre árbores de folla caduca ou perenne, e en ámbolos casos agardarase ata o inverno para intervir. Non obstante, é preferible agarda-las xeadas para actuar coas árbores perennes, mentres que convén adiantarse ó frío intenso para podar árbores caducas.
A poda é unha operación traumática que altera o desenvolvemento e morfoloxía natural das plantas. Nunha selva, a propia natureza encárgase de practica-la poda, co que alí só sairán adiante as plantas máis fortes, as máis altas... Pero como xardíns e terrazas non están chamados a se converteren en selvas, senón nun conxunto harmonioso, hai que admiti-la necesidade da poda. Non obstante, decidir qué pólas podar, cómo facelo e por ónde suscita moitas dúbidas. Córrese o risco de devasta-las plantas, de tratalas todas do mesmo xeito e mesmo de mutilalas, o que se coñece como "carnicería do xardín". Para evitar danos é preciso lembrar que a poda debe obedecer ás características morfolóxicas e fisiolóxicas da especie. Para iso hai que coñece-la técnica e adaptala ás etapas de desenvolvemento da planta.
As ferramentas para podar elíxense en función do tamaño da póla, non segundo o da planta. Para pólas pequenas chega con podadoras manuais, aínda que antes é preciso asegurarse de que a ferramenta estea ben afiada para que o corte sexa limpo e non cause esgazaduras. As pólas grandes que requiren o uso de serra deben sosterse cunha man mentres se fai o corte. Se a póla é demasiado grande e non se pode suxeitar, deberase face-lo corte en tres pasos para non desgarra-la casca.
A poda de pólas mortas é sinxela. O corte realízase fóra do anel de tecido cicatricial que se formara entre o tronco ou talo san e a póla morta, procurando non causar dano innecesario.
Corta-las pólas vivas é máis delicado. Para dar co lugar por onde podar, cómpre busca-lo colo da póla que sae do tronco debaixo da base da póla. Na superficie de enriba hai normalmente un rebordo de casca da póla (máis ou menos) paralelo ó ángulo da póla, ó longo do tronco da árbore. Un corte correcto comeza fóra do rebordo de casca da póla e baixa en ángulo, arredándose do tronco da árbore. Sen lesiona-lo colo da póla, o corte perfecto lógrase achegándose o máis posible ó tronco, na axila da póla, pero fóra do rebordo de casca desta, para que o tecido do tronco non sufra lesións e a ferida sande o máis axiña posible. Se o corte se fai demasiado lonxe do tronco, deixando un tocón de póla, o tecido desta morre e a ferida péchase con tecido cicatricial procedente do tronco. A ferida tarda en pechar porque ese mesmo tecido do tronco ten que selar tamén o tocón.
Os restos da poda (pólas e follas) podémolos destinar a convertelos en compost ou levalos ós contedores especializados que recollen este tipo de refugallos.
En EROSKI CONSUMER tomámosnos moi en serio a privacidad dos teus datos, aviso legal. © Fundación EROSKI